Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 11/04/2024 | Actualizada ás 19:57
Alfonso Rueda xa é oficialmente presidente da Xunta de Galicia (á espera de que tome posesión do cargo) tras a votación deste xoves no Parlamento de Galicia, onde obtivo 40 votos a favor fronte a 34 en contra (dos deputados do BNG e do PSdeG) e unha abstención (a do candidato de Democracia Ourensana). A maioría absoluta estaba clara, aínda que eses 40 votos a favor case se reducen a 39 ante a equivocación á hora de votar do deputado popular Rubén Lorenzo Gómez, que votou 'non' seguindo a inercia dos deputados que o precederan, rectificando rapidamente e pedindo perdón. Máis aló dese momento cómico, esta segunda sesión de investidura tamén deixou outros momentos destacables. Aquí cho contamos.
Primeiramente hai que destacar a presenza entre o público de altos cargos como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o exsecretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Regueira; o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro; a vicepresidenta cuarta do Congreso dos Deputados, Marta González Vázquez; o expresidente do Parlamento de Galicia, Tomás Pérez Vidal; a expresidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o primeiro eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira; ou o deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, entre moitos outros invitados.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
DA 'CONFRARÍA DA PERPETUA NEGATIVA' DO BNG Á 'CONFRARÍA DA PERPETUA CRISPACIÓN' DO PP
A intervención de Pontón foi a única das tres na que Rueda non deixou de tomar nota en ningún momento (na de Besteiro apuntou cousas a medias e na de Ojea directamente non apuntou). Coñecedor de que a oposición real está liderada pola nacionalista, foi a partir da súa chegada ao estrado que o candidato popular conectou coa sesión parlamentaria (ata o de aquela non o fixera por completo, estando á vez pendente do móbil). As caras de Rueda a cada palabra da líder do BNG eran todo un poema: sorprendido cada vez que dicía un dato, negando as acusacións coa cabeza, ríndose cando a bancada nacionalista aplaudía...
E é que a bancada nacionalista aplaudía cada pouco. En concreto, comezou cunha pauta moi clara: cada vez que Pontón falaba de "realidade fronte a demagoxia". Como se se tratase dunha omilía, esas palabras semellaban ser o sinal para que comezasen os aplausos dos deputados. De aí as risas de Rueda e algunha que outra que tamén se lle escapou a Besteiro, que non foi quen de disimular. Mais, sen dúbida, se houbo un momento que marcou a intervención de Pontón foi no que se dirixiu a Rueda para dicirlle que "vostede ten a maioría de escanos nesta cámara, pero ten que lembrar que a maioría de galegos e galegas non lle deron nin a súa confianza nin apoio na Xunta".
Nese intre a bancada popular estalou en risotadas, en miradas de incredulidade entre deputados e Rueda quedou estupefacto. Ata un minuto cesou a intervención de Pontón por mór desta interrupción, motivo polo que a líder nacionalista dixo: "empezamos mal, non escoitan e hai que escoitar a quen non pensa como vostedes". Máis aló dese episodio, Rueda tampouco tivo tempo para ser moi expresivo, pois estaba demasiado ocupado en copiar todo o que dicía Pontón para poder rebatirllo logo (como fixo) durante a sesión da tarde. Non perdeu nin unha coma. E outro dos momentos de sorna na bancada popular foi cando a candidata do BNG lle tomou o testigo ao falar da 'Confraría da Perpetua Crispación' (Rueda na sesión de investidura do martes nomeara no seu descurso á 'Confraría da Perpetua Negativa' para referirse ao Bloque). Ata Diego Calvo lle fixo o amago de lembrarlle que lle tomara o relevo.
"NUNHA PARELLA DE GALEGOS UN VOTA AO PP E O OUTRO NON O VOTA A VOSTEDE" (RUEDA A BESTEIRO)
Pola súa banda, a intervención de Besteiro foi correcta e cordial, alo menos durante a xornada da mañá, non tanto xa durante a da tarde, onde se intercambiaron varios ataques, aínda que Rueda agradeceulle o ton de conciliación fronte ao de Pontón. E, durante a sesión da mañá, aínda que Rueda estivo tomando algunha que outra nota, a maior parte do tempo estivo de brazos cruzados ou co móbil. Cada vez que Besteiro facía un anuncio, os nove deputados socialistas do Parlamento aplaudían e isto creaba unha especie de eco na sala, pois eran moi poucos aplausos para un espazo tan grande.
O máis destacado eran as caras de estrañeza do candidato popular á Presidencia da Xunta cando Besteiro dicía cousas como que "que lle escamoteaban as vacinas contra a covid a Galicia é unha das cousas máis graves que eu lle escoitei dicir ao seu goberno" ou que "os centros urbáns sofren de especulación coas vivendas turísticas que vostedes non queren regular e que están dinamitando o mercado". E cando Besteiro asegurou que "agora hai que agardar 7, 10 ou 12 días para ter unha cita no centro de saúde", Rueda non puido evitar levarse ás mans á cabeza, nun claro xesto de desacordo coa cifra dada polo socialista.
Entre as poucas expresións de Rueda cara Besteiro durante a mañá, tamén foi particularmente curiosa a que tivo cando o candidato socialista lle acusou da "baixada do consumo de peixe". Rueda alzou os brazos como dicindo 'tamén eu teño a culpa diso?'. Outro dos mellores momentos que deixou a sesión en relación cos socialistas, neste caso na quenda da tarde, foi cando Rueda, tomando como referencia a unha hipotética parella de galegos que Besteiro usara para falar durante todo o seu descurso dos problemas de Galicia, dixo: "nesa parella, un votou ao PP e o outro tampouco o votou a vostede (referíndose a que votara ao BNG)". A bancada popular estalou en risotadas.
UN OJEA MÁIS SÓ QUE A UNHA RECIBE O 'BRAVO' DE JÁCOME AO REMATAR O DISCURSO
Mais, sen dúbida, a parte máis amena do debate foron as intervencións do líder de Democracia Ourensana, Armando Ojea, que, quizáis por ser novo na Cámara, recibiu a mirada condescendente de todos os deputados durante a súa intervención. Aínda que na sesión da tarde Rueda xa estivo algo máis atento, durante a da mañá podíase ver a Rueda chequeando o móbil e máis pendente do teléfono que de escoitar a un Ojea que o estaba interpelando cada pouco: "voume dirixir a vostede que é a quen imos pedirlle as cousas". No resto das bancadas, daba igual a cor, os deputados estaban un pouco cada un ao seu, tamén sen prestar moita atención. Ojea, que se daba conta (como para non dárse), ironizou dicindo: "Menos mal que todo isto está gravado e logo poden miralo detidamente".
Tal foi a situación que no público podíase ver a un Jácome que, como invitado, tivo que aplaudir a intervención do seu pupilo, pois sendo o único representante de DO no Parlamento, ou o facía el ou non o facía ninguén. "Bravo!", escoitouse cando Ojea finalizou o seu discurso. As risas foron unánimes en toda a Cámara e Santalices viuse obrigado a lembrar que este tipo de manifestacións do público non se adoitan permitir, nin a favor nin en contra. Entón foi cando Ojea preguntou: "E eu pódome aplaudir a min mesmo?". As risas volveron escoitarse en toda a sala, ata Santalices esbozou un sorriso ao dicir: "Eu creo que xa quedaches ben así por hoxe".
E é que, dende logo, na súa liña, Ojea provocou varias risas entre o público, máis que ningún (seguramente porque a el non o vén como unha ameaza real): cando dixo que lle cortaron dunha foto, cando fixo referencia ao problema dos xabaríns na provincia de Ourense dicindo que "quizais cando comecen a entrar pola porta do Parlamento empecen a dárlle importancia" ou cando usou a canción que di 'la distancia es el olvido' para referirse á discriminación que sofre a provincia de Ourense en Galicia.
FELICITACIÓNS E OUTRAS ANÉCDOTAS
Precisamente, durante esa primeira intervención chamou poderosamente a atención a inquedanza na parte esquerda da bancada popular, onde se atopaba Rueda. Dende Paula Prado ata Diego Calvo estaban pendentes dunha serie de papeis e alertando ao candidato popular dalgo (non sabemos de que se trataría, pero sexa o que fose durou toda a intervención do candidato de DO). De feito, Rueda ata chegou a atender unha chamada a través do teléfono vermello, unha liña fixa de comunicación interna do Parlamento que xa ninguén utiliza, tendo en conta que a día de hoxe é moito máis sinxelo usar o WhatsApp (que tamén usou).
Rematada esta segunda sesión de investidura, Rueda quedou proclamado presidente da Xunta de Galicia á espera da súa toma de posesión e do nomeamento do seu goberno. Os aplausos por parte da bancada popular emocionaron a un Rueda que puxo a man no corazón como sinal de agradecemento, aínda que a felicitación máis emotiva foi a que recibiu á saída do hemiciclo por parte da súa nai e da súa muller, que se fundiron nun caluroso abrazo. Tamén os líderes da oposición se achegaron a felicitalo pese a ter votado non á súa investidura, sen perder o respecto. E é que ao final, o que acontece no hemiciclo, queda no hemiciclo... ou non?
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O PPdeG saca peito sobre Altri tras preguntar o BNG na UE: "Seis veces preguntaron e seis contestaron que non hai incumprimento"
- Paulo Carlos López, Sumar: "Ante os que dicían que eramos flor dun día, aquí estamos"
- O espírito da Asemblea Nacionalista de 1918, vivo en 170 localidades galegas
- "Son como os chistes de Gila", di Besteiro das comparecencias na comisión de investigación
- Pluralidade, democracia interna e fortalecemento do BNG, principais peticións das dúas listas que confrontan con Pontón
- Anova quere iniciar co BNG un "novo camiño para o soberanismo do século XXI"