Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 17/04/2024 | Actualizada ás 12:15
O corpo sen vida do tripulante do veleiro atopado á deriva na Costa da Morte foi localizado a cinco millas de Cabo Fisterra na mañá deste martes, horas despois da alerta recibida polos organizadores dunha regata entre Francia e Martinica na que participaba a embarcación.
O cadáver foi localizado ao suroeste de Cabo Fisterra polo helicóptero Pesca 1 de Gardacostas de Galicia, segundo trasladou Salvamento Marítimo, encargados desde a central de Fisterra da coordinación do operativo desenvolvido ao longo da mañá deste mércores. Unha vez recuperado da auga, o corpo do regatista foi trasladado pola aeronave ao aeroporto de Vigo, onde agardaba a Policía Nacional.
O centro de coordinación de Salvamento de Fisterra recibiu o aviso ás 08.00 horas deste mércores por parte do coordinador da regata ante a falta de noticias sobre un veleiro participante, con cuxo tripulante non podían contactar e aparecía nos sistemas cun rumbo e unha velocidade reducida.
Salvamento mobilizou ao buque Don Inda, o helicóptero Helimer 401 e o avión Sasemar 102, mentres que Gardacostas de Galicia tamén activou o helicóptero Pesca 1 para tratar de dar co paradoiro da embarcación. O veleiro foi localizado ás 09.19 horas sen ninguén a bordo, co motor aceso e a cana do veleiro rota. O buque Don Inda encargouse do seu remolque ata o porto de Cee (A Coruña) mentres que o resto de efectivos de Salvamento e Gardacostas peitea a zona para tratar de atopar ao tripulante desaparecido.
A análise do 'track' do veleiro, participante na regata 'Sailing Race Cap Martinique' entre A Trinité-sur-Mer (Francia) con destino Fort-de-France (Martinica), evidencia que o barco realizou unha manobra estraña, polo que as hipóteses apuntan a unha caída accidental do seu tripulante ao mar nunha zona que este mércores se atopa en aviso amarelo por fortes ventos de compoñente nordeste.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.