Verín acolle unha proba internacional de ciclismo de montaña nun dos mellores circuitos de España

Máis de 200 riders daranse cita os días 27 e 28 de abril no monte Montemaior en Cabreiroá para competir na 'Copa de España DHI Pozo do Demo 2024'.

Por Galicia Confidencial | Verín | 24/04/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Club Deportivo Bicicletas Chinquena Racing Team organiza, co patrocinio do Concello de Verín, a segunda edición do Trofeo Federación DHI Cabreiroá. Máis de 200 riders daranse cita os días 27 e 28 de abril no monte Montemaior en Cabreiroá, poñendo a proba as suas  habilidades e servindo de escaparate para o que por moitos xa é considerado un dos mellores circuitos de España. O evento conta tamén co apoio da Real Federación Española de Ciclismo, Federación Galega de Ciclismo e Xunta de Galicia.

Presentación da proba en Verín. Foto: Dpto Comunicación do Concello de Verín.
Presentación da proba en Verín. Foto: Dpto Comunicación do Concello de Verín.

O evento foi presentado o pasado luns 22 de abril por Manuel Sanmamed, membro da directiva do Club Deportivo Bicicletas Chinquena Racing e responsable de Seguridade do circuíto; e contou coa presenza de Diego Lourenzo, tenente de alcalde e concelleiro da área de Deportes; Julio Viéitez, concelleiro de Servizos Públicos; e Manuel Pérez, delegado provincial de Deportes da Xunta de Galicia.

Diego Lourenzo, comentaba que "quero expresar o meu máis sincero agradecemento aos organizadores desta proba que, coa súa dedicación e esforzo, fixeron posible un evento deportivo de primeiro nivel que enriquece a nosa comunidade e promove un estilo de vida saudable". Na súa intervención, destacou tamén o valor da internacionalización desta competición "que pon a Verín no mapa, posicionándoo como un destino de referencia para eventos deportivos de alto nivel".

COMPETICIÓN INTERNACIONAL

A competición, a única en España que ten carácterer internacional na súa categoría (UCI-C2), está rexida pola normativa nacional e disputarase os días 27 e 28 de abril no circuíto de descenso de Cabreiroá, que ten unha lonxitude de 1,78 km e un desnivel de 340 metros. Cabe destacar tamén que esta proba é a única do calendario nacional que outorga puntos para a Copa do Mundo. "Este carácter internacional da mesma atraerá a Vila do Tamega corredores de todas as partes do mundo", salientaron desde a organización.

As categorías da proba son: Elite UCI, Sub 23, Junior, Cadete, Infantil, Master 30, 40, 50 e 60, tanto para homes como para mulleres.

Información da proba na web da Federación Galega de Ciclismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta