Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2024 | Actualizada ás 18:29
O proxecto que a compañía portuguesa Altri propón para Palas de Rei provocou este martes durante o pleno do Parlamento un cruzamento de acusacións entre a Xunta de Galicia e o BNG. A Administración autonómica afea aos nacionalistas o seu cambio de postura e acúsalles de mentir, mentres que estes últimos recriminan á Xunta ser "xuíz e parte" no proxecto.
A conselleira de Economía e Industría, María Jesús Lorenzana, respondeu esta tarde a unha interpelación exposta polos nacionalistas e presentada por Luís Bará.
O deputado nacionalista asegura que o Executivo galego "defende o indefendible", xa que o proxecto de Altri "non ten fiabilidade económica", ademais de resultar "enormemente contaminante para a atmosfera e a auga".
Nesta liña, Bará afirmou que a fábrica suporía "unha bomba ambiental no corazón de Galicia", "xusto á beira dunha posible ampliación da Rede Natura, paralizada en 2011".
"Deberían preguntarse por que tanta xente está en contra do proxecto", apuntou Bará, que afirmou que só existen dous modelos: o implementado polos populares, "o do espolio", dixo, e de apoio aos sectores produtivos.
Pola súa banda, a conselleira de Economía censurou vivamente a "linguaxe" empregada por Bará que, apunta, desliza que o proxecto de Altri é unha proposta pública, "cando é privado".
"Entendo que teñen que manter a súa posición porque é o que hai, hai que manter a mentira (...). Pero non é un proxecto público, é de empresa privada. Toda a linguaxe que usan dá a entender que a Xunta está detrás e non é así", afirmou.
Tal e como explicou, o Goberno galego procede como con calquera proxecto industrial: examínano e tramítano, "se non, sería prevaricación".
"Entre tantas mentiras, perdemos un tempo precioso para analizar se o proxecto é viable ou non. O único que lle interesa é que sexa bo para Galicia e sexa viable economicamente e medioambientalmente", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.