Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/04/2024 | Actualizada ás 21:45
Nunha sociedade na que todo vai tan rápido que apenas se invirte tempo en deterse a pensar sobre as cousas, onde as redes sociais instauraron a cultura do 'skroll' rápido e onde os titulares son a base diaria da información que consumen as persoas, chamar a atención sobre unha problemática como é a contaminación resulta moi complexo. Os rapaces e rapazas do instituto de Rianxo sábeno e, por iso, decidiron emprender a comunicación de guerrilla: montaron un posto no mercado que se celebrou este mércores na localidade no que venderon lixo modelado con formas artísticas a cambio de tempo, non de cartos. Exactamente a cambio do tempo en que cada tipo de residuo tarda en degradarse. Unha iniciativa que chamou poderosamente a atención de veciños e curiosos que, canto menos, se achegaron a ver de que se trataba a cousa, así que algunha que outra lección xa se levaron para a casa.
Esta iniciativa parte dun proxecto europeo chamado 'People & Planet: un destino común', que busca implementar a Axenda 2030, en especial o ODS12, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A iniciativa está sendo desenvolvida por AGARESO (a asociación galega de Comunicación para o Cambio Social) en varios concellos galegos. Xa pasaron pola Pobra do Caramiñal, Tomiño, Ponteareas, Pontevedra e outros, e en próximas datas estarán tamén en Pontecesures. Son os propios concellos os que, unha vez aceptada a proposta, configuran un grupo de mozos para realizala. No caso de Rianxo foron os rapaces de cuarto de Filosofía do IES Félix Muriel.
AGARESO foi ao instituto a impartir unha serie de obradoiros nos que lles explicaron aos rapaces o que era a comunicación de guerrilla: unha especie de marketing ou acción de comunicación que pretende facer unha acción a pé de rúa, moi puntual, que aparece e desaparece practicamente no mesmo día, buscando que impacto na cidadanía para que esta chegue a tomar conciencia sobre algún tema. Unha vez aprendida a lección, os rapaces idearon a acción de ir ao mercado a vender lixo. Pero a cousa non foi dun día para outro, tardaron uns meses en plantexalo todo. Como nos conta ao Galicia Confidencial Rocío Cadahía Fernández, técnica de educación e comunicación da asociación, "déronlle moito á cabeza ata que chegaron á proposta final".
Unha vez que souberon que querían montar o mercado do lixo, "puxéronse a recoller lixos que atoparon polo instituto, pois non tiveron que ir moi lonxe para atopar residuos". Como conta Rocío, con ese lixo, "montaron un tenderete no mercado deste mércores para poñelo á venda, cunhas formas artísticas". Había de todo: tapóns, latas, botellas... Previamente, "investigaron canto tardaba cada un destes materiais en degradarse" e "ese era o pago que debía facer a xente por ese lixo: non se pagaba con cartos, senón con tempo", explica. Como é lóxico, tratábase dunha simulación, non se vendía o lixo en realidade (aínda que estaría ben).
Entre os anos que se precisaban para mercar o lixo, xa vos avanzamos que unha vida humana non chegaba para pagar case nada. Os tapóns tardan en descompoñerse entre 100 e 1.000 anos; os globos, 450; os envases de iogur, outros 400; as bandexas de plástico, 500; as botellas, outros 500; os envoltorios, 100; os cables, 60; as bolsas de plástico, 55; os 'tetrabricks', 30; as latas, outros 30; o papel de aluminio, 10; as cabichas, 12 anos... Tamén puxeron uns mexilóns sobre a mesa recubertos de plásticos como os que se poden atopar a día de hoxe no mar e en calquera praia, froito da contaminación humana, nos que poñían: 'A nova cea de Nadal, se non coidamos o planeta'.
Era moi chistoso e chamaba moito a atención ver aos rapaces co seu megáfono chamando á xente: 'Merque, merque, veñan mercar este lixo, que está barato barato, unha ganga', no medio dos demais vendedores que tamén estaban cos seus megáfonos. Tamén repartiron unha serie de trípticos e tiñan cartelería deseñada na que explicaban exactamente a finalidade do proxecto e o perigo da contaminación para o medio ambiente. "Ao comezo a xente estaba un pouco tímida, pero foron os propios rapaces os que tomaron a iniciativa e foron buscar ás persoas que paseaban polo mercadiño para invitalas a pasar polo posto", explica Rocío,que asegura que "case todo o mundo estivo moi receptivo". "Foi unha actividade moi chula, a verdade", conclúe Rocío, xa desexando poder facer algo semellante en Pontecesures e outros concellos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.