Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2024 | Actualizada ás 17:57
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou ao Servizo Galego de Saúde a indemnizar con 300.000 euros a unha paciente que sofre unha paraplexia con déficit sensitivo nas extremidades inferiores pola que permanece en cadeira de rodas como consecuencia dos danos sufridos ao ser sometida a unha operación de hernia de disco no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
No fallo difundido este luns, a sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Alto Tribunal galego corrixe a sentenza de primeira instancia emitida por un xulgado de Santiago que non apreciara un dano desproporcionado causado na paciente, que reclamaba inicialmente máis de 1 millón de euros de inmdenización. Así, nunha sentenza contra a que cabe recurso de casación, o TSXG si o aprecia porque, como argumenta, o dano neurolóxico "prodúcese a nivel distante de onde se practicou a intervención cirúrxica e que, segundo informaron os peritos, é alleo ou estraño á intervención efectuada".
A muller atópase desde entón en cadeira de rodas cunha dependencia para a maior parte das actividades da vida diaria como consecuencia da disectomía á que foi sometida no hospital ourensán, da que saíu cunha paraplexia con déficit sensitivo nas pernas.
A sala do Alto Tribunal galego subliña que "ningunha" das "varias explicacións" ofrecidas polos peritos no xuízo celebrado no ano 2020 nos xulgados santiagueses "pode considerarse acreditada nin baseada en datos obxectivos", polo que conclúe que "non deixan de ser hipóteses ou posibilidades" sobre as que "existen obxeccións". A máis "clara" destas "obxeccións" é, para os maxistrados, a "causa isquémica" apuntada pola propia administración que pode producirse en intervencións cirúrxicas como á que foi sometida para reparar unha hernia discal. En todo caso, os xuíces consideran que esta debería "evidenciarse nos estudos realizados e, con todo, non é así".
Así, incide en que non debería concluírse "cunha presunción de acerto ou boa práctica da administración sanitaria, senón que, pola contra, atendendo á doutrina do dano desproporcionado, habería de investirse a carga da proba, e valorar que pola administración non se deu explicación ao dano causado".
Desta forma, os maxistrados determinan que a forma de actuar dos profesionais do Sergas foi a causante das consecuencias que sofre a paciente, que entrou no quirófano cunha hernia discal e espertou da operación cunha lesión neurolóxica severa en varias vértebras por encima da zona intervida.
Por tanto, estima o recurso de apelación contra a sentenza de primeira instancia e impón ao Sergas unha condena en aplicación á doutrina de dano desproporcionado, que debe ser considerado "naqueles supostos en que unha intervención, cuxos riscos se contemplan de antemán, ten consecuencias alleas a eses riscos". "Se a administración non é capaz de explicar por que causas se produciu ese resultado tan chamativamente anómalo, haberá de asumir a responsabilidade, pero non así cando probe debidamente que tal resultado se produciu no entanto a observancia da lex artis, cando probe unha causa de que non deba responder", conclúen os maxistrados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.