Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2024 | Actualizada ás 18:49
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse este luns cos responsables da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abarca 16 concellos da provincia de Pontevedra e dez da CIM Alto Minho.
No encontro estiveron tamén o director da AECT Río Miño e alcalde da Guarda, Roberto Álvarez; o vicedirector e alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira; o presidente da CIM Alto Minho e alcalde de Melgaço, Manoel Batista; e os alcaldes de Salvaterra, Marta Valcárcel, das Neves, José Manuel Alfonso, e de Tui, Enrique Cabaleiro.
Ademais de tratarse temas de actualidade relacionados co funcionamento da institución, examináronse aspectos vinculados coa cooperación transfronteiriza, co obxectivo de mellorar as condicións e a calidade de vida da cidadanía das zonas limítrofes, potenciando as relacións entre territorios.
Segundo informa a Xunta, trátase da primeira visita que realiza o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que continuará co resto das AECTs, de forma que xa está previsto que o faga cos responsables da Chaves-Verín e da futura da Raia Seca, que xuntas compoñen a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.