Nicolás González Casares imponse a Gonzalo Caballero na lista galega ao Parlamento Europeo

O ex secretario xeral do PSdeG queda fora da lista para as eleccións europeas. Na candidatura tamén estarán a ourensá Lorena Guerra Vigo --número 38-- e a exalcaldesa de Vilalba Elba Veleiro --número 50--.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2024 | Actualizada ás 19:57

Comparte esta noticia

O político lalinense Nicolás González Casares concorrerá en postos de saída na candidatura coa que o Partido Socialista presentarase ás eleccións europeas do próximo 9 de xuño. Segundo confirmaron fontes consultadas por Europa Press, González Casares, que foi eurodeputado neste mandato, ocupará o número 11 da lista que encabeza a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira.

A candidatura foi ratificada este martes pola Comisión Federal de Listas, na que como representación galega está José Manuel Lage --ex secretario de Organización do PSdeG--, despois de que a cita prevista para o pasado venres se pospuxese ata coñecer a decisión do líder do PSOE, Pedro Sánchez, sobre a súa continuidade á fronte da Presidencia do Goberno.

González Casares ocupou o número 8 da papeleta coa que os socialistas concorreron ás eleccións europeas no ano 2019, cita na que o PSOE logrou facerse con 20 representantes no Parlamento Europeo. O número oito será ocupado nesta ocasión pola exministra do Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero Leire Pajín.

Tras coñecerse a noticia, o propio Nicolás González publicou unha mensaxe a través do seu perfil da rede social X, no que destaca que é unha "inmensa honra" continuar na candidatura para o Parlamento e comprométese a "dalo todo por Galicia" e polo "PSdeG".

Ademais, nun comunicado remitido aos medios, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou a inclusión de Casares no número 11 da candidatura ao asegurar que o partido lle dá así "continuidade" ao "gran traballo desenvolvido" polo lalinense o pasados cinco anos. Para Besteiro, o feito de que o lalinense figure nun posto destacado "garantirá que o PSdeG siga contando cun extraordinario eurodeputado, cunha enorme capacidade de traballo e con gran coñecemento de asuntos cruciais para a comunidade".

O eurodeputado galego do PSdeG Nicolás González Casares. PSDEG
O eurodeputado galego do PSdeG Nicolás González Casares. PSDEG | Fonte: Europa Press

Na lista tamén figuran a ourensá Lorena Guerra Vigo --número 38-- e a exalcaldesa de Vilalba Elba Veleiro --número 50--.

NA LISTA NON FIGURARÁ FINALMENTE GONZALO CABALLERO

O nome do lalinense foi proposto por moitas das asembleas locais que os socialistas celebraron en Galicia, aínda que as decisións das asembleas non son vinculantes e é a dirección federal quen configura a lista para unhas eleccións nas que a circunscrición é única.

Precisamente, no marco deste proceso de presentación de propostas por parte das asembleas, a executiva local de Vigo optou polo que fose secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, como candidato para esta encomenda.

De feito, algúns medios de comunicación anunciaran que Caballero ía ser o substituto de Nicolás González algo que finalmente non se materializou polo inmenso apoio da candidatura do actual eurodeputado, non só por parte das asembleas locais, senón tamén da dirección socialista. A súa elección tamén como membro da Executiva de Besteiro supuxo un respaldo oficial da dirección. Fontes consultadas por Europa Pess aseguran que Caballero foi proposto para ir na lista ás europeas pero que, finalmente, declinou ir, posiblemente, porque non fora en postos de saída.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta