Por Europa Press / Redacción | MADRID | 01/05/2024 | Actualizada ás 14:42
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, alertou do "altísimo grao de concentración bancaria" en España ante o anuncio dunha posible fusión entre BBVA e Banco Sabadell e que pode converterse en "un risco sistémico".
"Tiñamos un país no que a concentración bancaria era do 40%, hoxe está no 70% e, se se me permite, case en réxime de oligopolio", afirmou Díaz nunha entrevista na cadea Ser recollida por Europa Press, engadindo ademais que cre que esta fusión podería levar un expediente de regulación de emprego.
A vicepresidenta tamén entende que, en caso de levarse a cabo a operación, prexudicarase ao servizo bancario e suporá "máis exclusión financeira", cun "deprecio" na atención e o servizo público á cidadanía. "Sen dúbida, vai empeorar a calidade do servizo", lamentou.
Díaz explicou que é algo que xa falou cos seus socios de Goberno e que tratará "na intimidade" esta cuestión, aínda que adiantou que desde o Executivo hai "sen dúbida" capacidade para "esixir garantías de emprego" en caso de saír adiante a fusión entre as dúas entidades bancarias.
"Estamos a falar dun mercado de traballo con persoas en desemprego, con procesos que, ademais, normalmente estas fusións aprovéitanse para o peche de oficinas e despedimentos moi importantes: non operan na lóxica de empregar ou incorporar persoas para outras funcións que agora mesmo son claves", alertou.
A vicepresidenta cre necesario "falar nunha democracia" da repartición da riqueza e dos beneficios e asegura que terá un debate co sector bancario "sentada na mesa con eles", nun momento no que "hai unha transferencia de rendas da cidadanía á banca brutal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.