Por Europa Press / Redacción | VIGO | 13/05/2024 | Actualizada ás 17:07
Unha moza de 18 anos de idade resultou ferida na mañá deste luns na localidade pontevedresa de Moaña tras saírse da vía e caer por un desnivel de máis de 10 metros de altura. En concreto, a muller é a secretaria xeral das Xuventudes Socialistas do devandito municipio da comarca do Morrazo, Rihanna Currás, que se atopa estable no hospital.
Tal como informaron fontes do 112 Galicia consultadas por Europa Press, os feitos ocorreron sobre as 08.00 horas no punto quilométrico 24 da PO-551, ao seu paso pola parroquia de Tirán. Alí, os Bombeiros do Morrazo tiveron que retirar as portas do vehículo para acceder á muller, que se atopaba consciente no seu interior tras caer por un desnivel de máis de 10 metros de altura e circular costa abaixo uns 60 metros por unha zona de difícil acceso. Ata o punto tamén se desprazaron a Policía Local, a Garda Civil e os servizos de urxencias sanitarias, que trasladaron á moza a un hospital de Vigo.
Segundo fontes dos Bombeiros do Morrazo, á súa chegada a moza estaba "consciente, pero aparvada". O seu coche, un Citroën Xsara Picasso, parou contra o valo dunhas viñas, que o detiveron antes de caer a un regato que pasa pola zona, o que impediu que dese voltas de campá. Por todo iso, desde a dirección de Xuventudes Socialistas de Galicia mandaron todo o seu apoio á nova, que está estable no hospital, segundo aseguraron nunha mensaxe na rede social X (antigo Twitter). "O noso agarimo con ela e coa familia. Querémoste pronto de volta", engadiron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.