Acordo no Parlamento para a renovación do CGPJ entre reproches cruzados de PP e PSdeG

Os votos dos populares permitiron que saíse adiante a proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista, á que tamén se sumou o BNG e o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2024 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

Sete meses despois e nunha nova lexislatura, o Parlamento galego alcanzou outro acordo unánime para reclamar o desbloqueo do proceso de renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), aínda que o consenso non aparcou as cruces de reproches entre os grupos, especialmente entre PP e PSdeG.

Os votos dos populares permitiron que saíse adiante a proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista, á que tamén se sumou o BNG e o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea.

Populares, da man da súa viceportavoz parlamentaria, Paula Prado, e socialistas, a través da deputada Paloma Castro; repartiron culpas a ambos os dous lados do bloqueo no CGPJ, pendente de renovación desde o ano 2018 por falta de acordo entre as dúas forzas maioritarias no Estado.

Na defensa do texto, adoptado pola Cámara que pide pasos para cumprir coa Constitución e avanzar cara á renovación do CPGJ, Castro asegurou que o seu partido tratou en "numerosas ocasións" de alcanzar un acordo co PP que, primeiro con Pablo Casado e, máis tarde, con Alberto Núñez Feijóo, rexeitou aproximar posturas e manter "unha maioría de maxistrados conservadores" que proceden da etapa de maioría absoluta do Goberno de Mariano Rajoy.

Tras advertir que esta situación está a levar "ao bordo do colpaso" á xustiza polos problemas que derivan da situación de interinidade do CGPJ, a deputada socialista insistiu na necesidade de "cumprir" coa Constitución e alcanzar un acordo para que a composición deste órgano reflicta a composición do resultado das eleccións xerais de xullo de 2023.

Na súa quenda, Paula Prado lembrou que esta mesma iniciativa foi traída en outubro de 2023 e, tras avanzar que, como naquel momento, apoiarían a proposición, centrou as súas críticas no Partido Socialista, ao que acusou de non ter intención de dar pasos cara a alcanzar un acordo sobre a elección dunha nova cúpula da xustiza.

"Temos o mesmo interese en normalizar a situación da xustiza e que leve a cabo o seu despolitización, algo que, á vista dos últimos acontecementos, está máis lonxe de conseguirse", espetou Prado, que engadiu que os encargados de "impulsar o proceso de renovación" son as Presidencias de Congreso e Senado, que levan anos en mans do PSOE "sen que se produzan pasos".

A continuación, acusou da o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "converteu no seu casarío" a Fiscalía Xeral do Estado e fixo "un rídiculo internacional" cos seus días de reflexión "porque non lle gustaba o que dicían os xuíces e os xornalistas".

Pola súa banda, o deputado do BNG, Iago Tabarés, responabilizó da situación actual ao PP porque, durante os seus anos de maioría parlamentaria, "puido modificar o sistema de elección" dos membros do CGPJ "e nunca o fixo", polo que refugou o argumento dos populares da falta de vontade para acordar un novo modelo ao entender que o actual non é válido.

"Non resultan cribles os argumenots que dá o PP para xustificar o bloqueo", sentenciou Tabarés, que cre que o bloqueo se debe á "vontade" dos populares de "controlar por detrás" a sala do Penal do Tribunal Supremo, aseverou antes de pedir que as negociacións se realicen de forma "transparente" e "dentro das institucións".

Arquivo - Imaxe do hemiciclo do Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Imaxe do hemiciclo do Parlamento de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta