Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2024 | Actualizada ás 13:22
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a relación de convenios subscritos pola Secretaría Xeral de Emigración no primeiro cuadrimestre do ano, entre os que figuran os acordos subscritos coas dioceses galegas e coa de Astorga, para o financiamento de gastos derivados da emisión de certificados de ascendencia galega para persoas do colectivo emigrante, ou gastos de informatización de datos rexistrais dos fondos parroquiais.
Así, estes acordos, que veñen subscribindo desde varios anos, permiten financiar gastos derivados da consulta e expedición de certificados que acreditan a ascendencia galega de persoas emigrantes, de maneira que estas ou os seus descendentes poidan acceder á nacionalidade española. Igualmente, os convenios prevén cubrir gastos derivados da informatización ou indexación dos datos rexistrados das persoas físicas que se atopa nos libros sacramentais dos fondos parroquiais, e que están concentrados nos arquivos diocesanos.
Neste 2024, entre febreiro e marzo, subscribíronse convenios coa diocese de Tui-Vigo (3.000 euros), a diocese de Mondoñedo-Ferrol (5.000 euros), a diocese de Ourense (12.000 euros), a diocese de Lugo (5.000 euros), e a arquidiocese de Santiago de Compostela, (30.000 euros). Así mesmo, este ano asinouse tamén un convenio coa Diocese de Astorga para o mesmo fin, cunha contribución de 2.500 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.