(ANÁLISE) Alternativas para o cambio en Galicia

Galicia Confidencial continúa coa publicación dunha serie de artigos de sociólogos, politólogos, ex políticos e profesores universitarios, entre outros, nos que tenta analizar o que acontece en Galicia desde o punto de vista electoral. Unhas reflexións que tentan afondar na socioloxía do pobo galego e nas estratéxias políticas para tentar entender o que, elección tras elección, acontece neste país. Este artigo é de Serafín Pazos, responsable de politica europea da Convención de Autoridades Locais Escocesas (COSLA) e o seu representante en Bruxelas, donde también se encarga do secretariado dos membros do Comité das Rexións e do Congreso de Autoridades Locais e Rexionais.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 15/05/2024 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Pasaron xa as eleccións máis disputadas en quince anos e polo tanto proliferan moitas análises para ben explicar retrospectivamente “que pasou”, e bastante menos sobre o “agora que”.

Rueda, Pontón e Besteiro
Rueda, Pontón e Besteiro | Fonte: RTVE

Non podemos deixar de destacar o interesante que foi esta campaña, malia a ausencia de debates por incomparecencia do principal candidato, senón polo uso intelixente das redes sociais e formatos audiovisuais. Nunca tanta música (desde os merengues da Pontón ao bus de Rueda), humor e comentarismo político (Carretando, OU Ké! e Cafe Derby 21 son bos exemplos), maiormente á marxe dos medios tradicionais, se ten despregado nunha campaña, malia a intención do oficialismo de facer da reelección un trámite ou dos seus xefes de Madrid de usala de referendo sobre Xénova ou a Moncloa.

Ao final o pobo galego amosou ser moi sofisticado. Votou o que votou e fíxoo en clave (dual) galega. Algo que pode sorprender a quen non coñece por dentro o mundo do PP(dG)  é o medo atávico que teñen a perder o poder, mesmo cando parten de grandes vantaxes: perder sete escanos sería case igual ao “swing” histórico de Tony Blair no 1997. Ao final pasou o previsible, unha vitoria do PP. O que é máis destacable non é iso - Galicia é coma eses distritos do Reino Unido tan seguros que podes pór un burro de candidato e sair elixido- senón que subiran de novo aos 700.000 votos.  Logo de 14 anos e cun candidato eficaz para a dentro pero non tanto para fora. Suficiente marxe para abrir un novo ciclo. Emporiso é de demócratas desexarlles acerto, pois o máis probable é que sigan a gobernar por un bo anaco máis.

A oposición fixo o máximo posible, no senso de non dar pé a acusacións de bigoberno (obviamente había un acordo tácito), e coa eficacia da campaña de Pontón (máis ca do BNG), apoiada nunha podemización da mensaxe (coma tamén fai a antiga HB en Euskadi) o bypass vía Madrid e cos medios non tradicionais á barreira das forzas vivas galegas– mérito de Xavier Campos, e apoio tácito do sector pro-Sánchez- . Isto levou a que, malia as cansiñas acusacións de filoterrorismo e ditadura lingüística -o que vivimos agora debe ser o paraíso-, por primeira vez o BNG se convertese no voto útil, superando o teito de Camilo Nogueira e deixando ao espazo das antigas Mareas (abrazo post Amio mediante) na marxinalidade habitual en Galicia das esquerdas disque unidas españolas.  Daí a apuntar, coma fixo Antón Losada no excelente postelectoral de Luzes “A Actualidade Está Sobrevalorada”, que se producira un realiñamento estrutural do electorado galego, hai aínda un paso. Só hai que ver a deficiente penetración territorial e en Madrid do BNG de hai menos dun ano.  Algo que non se soluciona con “ir máis ós enterros” como apuntou o postelectoral de Praza, entre outros.

Se ben o triunfalismo postelectoral do PPdG, coma no artigo do País onde o delegado provincial en Ourense lle dicía ao candidato dos populistas de DemOU “'¿Cantos votos queres que che deixe ter?”, tamén é esaxerado, o certo é que se algo se confirmou nestas eleccións é que o chamado “telón do grelo” do que se fala desde a Transición, non está no Padornelo, senón que é un espectro que divide Galicia en dous.

Así pois, como diría Lenin, “que facer?”.

Está claro que unha sociedade en confortable mais inevitable decadencia coma a nosa non lle beneficia seguir cun goberno que non pasa de por parches e unha oposición que nin é capaz de reemprazalo, nin de facer vía oposicíón un revulsivo para que os que si están no poder fagan algo máis ca administrar a decadencia.

Velaquí van unha serie de escenarios, escritos coma provocación, sobre as alternativas posibles.

1/ “Agardar a que morran”

Este é o recorrente desexo inconfesable de moitos. Agora ben algo di (moito) do noso país onde os galegofalantes votan o PPdG e os castelanfalantes ao BNG. Hai que pensar unha cousa: os que agora teñen 60 anos tiñan 20 nas primeiras eleccións democráticas. Seguro que moitos daquela levaban melenas e votaron papeletas radicais. Non eran fascistas rabiosos. Coma apuntou  Alex Alonso Nogueira, nunha sociedade na que hai pouco a repartir, o máis probable é que os que herden se vaian facendo máis conservadores, no sentido psicolóxico do termo, preservar o pouco que van tendo. O statu quo. E iso pasa tamén na oposición, por certo.

2/  “Se non es do Be-Ne-Gá, fó-de-te”

O PP existe coma unha curtida rede de favores (“El Poder del Favor” tese nunca publicada da que xa falamos aquí anteriormente). Moitas veces non son favores reais senón a expectativa de telos ou o mero sentido de pertenza. Cantos galegos escasamente por enriba da liña da probreza votaron fervorosamente ao PP no interior do país. Atribuír todo iso ao carrexo de votos é unha explicación de folgazáns.  Dixo Barreiro Rivas co gallo doutras eleccións que un aspecto positivo do PPdG é converter (ás veces) asuntos de interese público nalgo de interese persoal para a súa base electoral.  Ninguén valora as cousas gratis e a cambio de nada, os galegos menos. O erro da oposición, e nomeadamente o BNG é pensar que o pobo quere ser liberado. Para moitos esta lenta decadencia é, e lonxe, a época de maior progreso e benestar da nosa historia. Por iso o punto de partida non pode ser liberar, senón conquistar.

3/ O espellismo do “Galeguismo de Dereitas”

Este é un dos grandes clásicos das sucesivas conversas postelectorais galegas. Certamente unha disfunción grave do noso sistema é que a alternativa ao status quo – os partidos de Estado- está claramente escorada á esquerda da socialdemocracia. Pero non se xenera  un espazo onde as bases sociais non existen. Mesmo antes do experimento de Compromiso x Galicia, hai que pensar onde acabou boa parte do galeguismo conservador da posguerra, todos aqueles persoeiros rescatados por Fraga ou na mesa camilla de Ramón Piñeiro. Ou mellor aínda, preguntarse onde están os seus fillos, e en que idioma falan. O conservador o que quere é conservar e buscar o mellor acomodo dentro do posible, non inventar novas realidades. O da boina quere que os fillos leven birrete. E se non pode ser, que alomenos se poñan gomina no pelo. Outra cousa é que o BNG puidera incorporar perfís coma Rafa Cuíña, de forma masiva, e non coma fixera de xeito excepcional con Carlos Mella.

4/ “A Galicia que come churrasco” vs “a Galiza que come quinoa”

Nunha das ducias de entrevistas e podcasts de Pontón nesta sobresposición de campaña, vencendo sen dúvida unha timided innata, confesou que lle gusta comer ceviche. Algo que, coma moito da súa imaxe renovada, que ten máis ca ver cunha estética centroeuropea ou de parte da esquerda rupturista española, pode callar no electorado obxectivo que lle votou desta e por primeira vez (40.000 PSdG,  110.000 ás esquerdas desunidas) mais renxe entre boa parte da poboación galegofalante nativa e non postmoderna. E aí está o grande dilema da coalición coxuntural que foi capaz de sumar o BNG/Pontón: ao nacionalismo tradicional sumou toda unha serie de capas do que se chama as identidades postmateriais que ao mesmo tempo supón unha alienación para moitos que, lonxe de ser uns retrógrados intolerantes, non se atopan nin se atopararán nesas coordenadas.  Nesta campaña – nas que, mérito do BNG cun bo programa, se falou das enormes eivas do transporte en Galicia- non se falou de que neses mesmos días comezou a ser obrigatorio ter unha licencia para ter pitos. Algo indignante para a maioría de galegas que non votan ó BNG, pero denunciar isto supón alienar esa nova camada de votantes que pensan que os animais son coma os dos debuxos animados. Por non falar do catastrazo e outras formas de opresión urbanita que sí lle doen a xente coas que o BNG non é capaz de conectar.

5/ Buscar non gañar

Se algo destacou a campaña de Ana Pontón foi que culminou o presidencialismo que se instalou co cambio de século na nosa política -como afirmou a propia UPG- e tamén a americanización da campaña: nunha verás nos Estados Unidos o nivel de exposición familiar que fixo a candidata. Excelente storytelling, por xenuíno. O vídeo co pai no campo, o xersei da nai, a filla coma metáfora do país posible. Pero o certo é que ata facendo todo isto non abonda. Nin é probable que o faga nunca. Haberá que ver os postelectorais pero igual a burda acusación de comunismo e terrorismo, a  comnivencia euro-electoral con Bildu e o apoio á amnistía de Puidgemont supoñen un lastre maior do que o BNG pode admitir. Lastre para gañar a maioría social, non só para intercambiar cromos na oposición. Igual que a candidata apareza falando en español para tranquilizar a esa xente que pensa que as matemáticas en galego crea diminuídos psíquicos, ou condenar explicitamente o terrorismo supón aceptar os marcos e desnivelar o taboleiroimpostos por outros, mais é algo que guste ou non, é un lastre na nosa sociedade. A real, non a imaxinada que busca ser liberada. 

Máis resulta lóxico que isto supón acumular demasiadas contradicións internas para a forza líder da oposición. Por iso, paradoxalmente a esperanza da alternativa é o PSdG. De Besteiro Pontón dixo con razón que pode ser un excelente vicepresidente. Certamente non terá problema en que o vexan a comer churrasco, é capaz de pronunciar as vogais e as xis coma fan os galegofalantes nativos e ten menos alforxas ideolóxicas cás que acumula neste momento o Bloque.  Só hai que ver o programa de 200 ideas improvisado na urxencia electoral.  Temíase que a enorme derrota electoral, agriada polos torpes comentarios da ministra Montero sobre os “votos prestados” envelenase estructuralmente a relación da oposición realmente existente BNG-PSdG.  A cesión dun membro da Mesa ao PSdG, mesmo cando non é seguro que se devolvese o favor se o PSOE non precisase do disputado voto do BNG en Madrid, é intelixente.  Do mesmo xeito que houbo un reparto de roles e de non agresión na campaña, o mesmo cómpre facer na oposición, non só na contestación ao previsible goberno de funcionarios do Grupo A da Xunta senón na conformación de alternativas.

Dito doutro xeito. Nestes días repúxose a excelente “Os 1.000 días de Allende” que, se ben non ten a crudeza documental d´”A Batalla de Chile”, amosa a quen queira ver que unha alternativa en primeira minoría non pode reclamar representar ao pobo, como facía a Unidade Popular (HB en Euskera), sobre todo diante dunha dereita prebendaria e extractiva que se cre co dereito á terratenencia de todo un país (falamos do Partido Nacional chileno, claro). Así que o fundamental, que Allende foi incapaz, foi atraer e manter aos mediopensionistas da Democracia Cristiana, que compartían boa parte do programa pero que acabaron sumándose ao bando sublevado.  A Besteiro tócalle o papel de Eduardo Frei galego.   O futuro do país depende que Pontón non sexa a nosa Allende.      

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta