Por Moncho Mariño | Santiago | 20/05/2024 | Actualizada ás 22:00
A Confederación Anpas Galegas abriu unha enquisa entre familias con fillos e fillas usuarios do sistema de ensino dixital en Galicia. Esta enquisa busca recoller impresións sobre o funcionamento do Edixgal e se está cumprindo coas expectativas de formación en competencias dixitais no alumnado. Nunha reunión entre Anpas Galegas e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a confederación sinalou que non buscan dar un paso atrás no desenvolvemento educativo en competencias dixitais senón ter información relacionada con como se está implantando a dixitalización nas aulas e se realmente está dando resultados. Con anterioridade, o presidente Alfonso Rueda prometía reunirse con representantes das anpas e dos profesores para abordar este asunto. Aínda así, Rueda remarcaba que o modelo Edixgal está tendo unha acollida positiva pois "segue habendo moitísimos máis centros" nos que "se está implantando sen ningún tipo de problema".
EDIXGAL
“O E-Dixgal é o proxecto de libro electrónico da Xunta de Galicia, no que participan arredor de 600 colexios e institutos adheridos voluntariamente e que contan cun ultraportátil en réxime de préstamo para o seu uso. Pode ir desde 5º de Primaria (antes non) ata 4º da ESO”. Así describe a Consellería de Educación a iniciativa do goberno galego para a implantación de competencias dixitais nos nenos dentro do sistema público de educación.
Desde a Consellería continúan describindo o proxecto: “os alumnos usuarios de E-Dixgal desenvolven parte da súa actividade nunha contorna virtual de aprendizaxe que lles permite acceder a contidos dixitais totalmente gratuítos. Inclúe recursos para todas as materias e os centros que participan no programa poden acceder a todos eles”. Os materiais son elaborados por editoras, que participan nun concurso público para acceder ao correspondente contrato de elaboración de contidos.
Alén disto, ANPAs galegas abriu unha enquisa entre pais e nais de alumnos que pechará o día 20 de maio. Con esta enquisa búscase “primeiramente se os nenos e nenas están collendo competencias dixitais” di Isabel Calvete, presidenta de ANPAs Galegas. Máis aínda, “queremos recoller datos sobre o funcionamento do libro dixital, porque son moitas as opinións que o describen máis como un libro que coma un método de aprendizaxe”.
INFORMACIÓN
Calvete apunta que non hai abondo información sobre o libro dixital entregado ao alumnado, sobre todo pensando en que poden facer os pais co ordenador entregado aos alumnos e alumnas. “Cremos que falta información e formación arredor deste sistema, mesmo se considera que é outra ferramenta máis para unha formación educativa clásica”.
Os contidos do libro electrónico moitas veces redúcense a soportes pdf do libro tradicional. Isto fai que haxa familias que decidan imprimir o libro entrando en contradición coa “gratuidade” do libro dixital. “Realmente queremos coñecer cal é a folla de ruta en relación co libro dixital, á parte que desde a súa implantación en 2010, o Edixgal non evolucionou”.
O LIBRO ELECTRÓNICO E O LIBRO CLÁSICO
Dentro do programa Edixgal cada centro escolle como empregar estes recursos e a súa combinalos con outras metodoloxías tradicionais, como libros ou fichas, “sempre tendo en conta que a adquisición da competencia dixital é transversal a todo o currículo”. O ordenador que se entrega ao alumno serve para gardar datos que recollan nas aulas. “Ademais, os profesores teñen á súa disposición aulas virtuais onde facilitar recursos ou plantexar outras actividades”, din desde Educación.
O departamento de Román Rodríguez explica tamén que “este sistema dixital convive coa aprendizaxe máis tradicional”. Isto busca un modelo híbrido onde poder usar dispositivos dixitais, mais tamén papel e lapis. “O libro dixital está artellado como ferramenta de aprendizaxe complementaria ao emprego de libros en papel e lectura, pero non os exclúe”.
Aínda así, e unha vez que ANPAs analice os datos da enquisa aberta para consultar as familias, exporá os resultados mais non os ofrecerá para reclamar cambios no sistema educativo: “vai ser un documento informativo que entregaremos no seu momento” di Calvete. Xunto a isto, as familias tamén piden que naqueles centros que reclamen o libro dixital (actualmente 600 centros segundo Educación) tamén se lles permita ás familais o acceso ás axudas para libros de texto.
Un centro pode pedir libro electrónico como mínimo para seis materias como mínimo por curso, mais eses centros quedan excluídos das axudas para o libro de texto clásico en papel. A opción é que ou ben recollen todo o currículo en soporte dixital ou renuncian a el. “Queremos que as familias duns centros e doutros accedan por igual ás axudas para libros de texto”.
Despois do día 20 de maio coñeceranse resultados e opinións das familias sobre o libro dixital. Haberá materia para avaliar se se están dando as expectativas postas nel e se realmente nenos e nenas están recollendo as competencias dixitais necesarias e que pide o currículo da UE. Todo isto logo de que noutros lugares da UE se estea pensando ou materialmente volvendo a libro en papel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.