Recuperando a esencia da pesca tradicional: así é unha lancha xeiteira no século XXI

Nas augas de Galicia, entre ondas e gaivotas, atópase a lancha xeiteira, un símbolo da pesca tradicional da sardiña. Esta embarcación, vital para as comunidades costeiras, está a renacer grazas á asociación Canle de Lira, que loita por preservar esta xoia do patrimonio marítimo galego.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 03/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nas augas costeiras de Galicia, entre o murmurio das ondas e o berro das gaivotas, xace un tesouro da tradición pesqueira: a lancha xeiteira. Este barco pesqueiro, agora en desuso, foi unha vez o centro da actividade pesqueira ao longo da costa galega, dende A Coruña ata o río Miño, onde se especializou na pesca da sardiña "ao xeito". Durante séculos, a xeiteira sucou os mares, levando a esperanza e o sustento das comunidades pesqueiras.

A lancha xeiteira da asociación cultural Canle de Lira
A lancha xeiteira da asociación cultural Canle de Lira | Fonte: Fonte: Asociación Cultural Canle de Lira

CARACTERÍSTICAS DA EMBARCACIÓN

Coa súa distintiva vela de relinga e remos auxiliares, a xeiteira era máis que unha simple embarcación: era un símbolo da destreza e o enxeño dos mariñeiros galegos. Construída con habilidade artesanal, utilizando madeira de carballo e piñeiro, a súa cuberta estendíase desde a proa ata o centro, protexida por un cinto interior contra a entrada de auga. Esta meticulosa construción era un testemuño do profundo coñecemento e respeto que os pescadores tiñan polo mar e os seus recursos. A medida que o tempo pasaba, a xeiteira converteuse nunha parte integral do tecido cultural e económico de Galicia. Con todo, coa chegada da crise da sardiña na década de 1950, a súa presenza comezou a desvanecerse lentamente, relegada ó recordo de tempos pasados.

RENACEMENTO A TRAVÉS DA ASOCIACIÓN CANLE DE LIRA

No medio da bruma do esquecemento, unha faísca de esperanza ardeu en forma de asociación cultural, Canle de Lira. Fundada en 1992 por un grupo de veciños cunha paixón compartida polo seu patrimonio cultural, A Canle de Lira propúxose revivir a gloria perdida da xeiteira. Con recursos limitados pero unha determinación inquebrantable, a asociación embarcouse na ambiciosa tarefa de construír unha réplica desta icona pesqueira. Hugo Saborido, vicepresidente da asociación, destaca que "a nosa embarcación é unha obra mestra da construcción naval tradicional galega porque foi diseñada e creada por dúas figuras imprescindibles na cultura mariñeira da Galiza: o etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling e o mestre carpinteiro de ribeira José Triñanes Domínguez". A xeiteira foi construída dende a sabedoría que ambos atesouraron tras toda unha vida adicada ao mundo das embarcacións da costa galega. A súa creación inspirouse nos planos que Staffan Morling rescatara dunha xeiteira feita na Fontevella-Caldebarcos (Carnota) no ano 1952, chamada A Gitanilla.

DESAFÍOS NA CONSTRUCCIÓN E NO MANTEMENTO DA XEITEIRA

A construción desta embarcación non foi sinxela, xa que tiveron que reunir unha gran cantidade de recursos para levar a cabo o proxecto. Hugo Saborido conta que a meirande parte dos recursos conseguíronos a través da Consellería de Cultura, “eran épocas de bonanza económica” polo que a idea fraguouse tras unhas xornadas adicadas á cultura mariñeira tradicional, organizadas pola asociación cultural Canle de Lira no ano 2001. “Quero aproveitar a ocasión para destacar a importante labor cometida por Lino Lema para que a xeiteira Canle chegase a ser unha realidade da que hoxe todos nos sentimos tan orgullosos, tamén salientar a implicación de Francisco F. Naval no proxecto e de toda a directiva da nosa asociación cultural que naqueles tempos estaba presidida por Rogelio Saborido”, engade Hugo.

Podería parecer que unha vez rematado o proxecto, non habería grandes complicacións, pero o mantemento desta embarcación supón grandes desafíos para a asociación. Hugo menciona que “os maiores desafíos para mantela son a falta de axudas dende as administracións públicas e de colaboración institucional”. Por outra banda, afirman ser unha asociación cultural pequena, dun porto mariñeiro pequeno, polo que adoitan atoparse bastante xustos en recursos humanos.

A IMPORTANCIA CULTURAL DA LANCHA XEITEIRA

"A lancha xeiteira non é só un barco: é un símbolo da resistencia e a perseveranza dos mariñeiros galegos, unha conexión co pasado e unha promesa para o futuro. A importancia das lanchas xeiteiras na vida e na economía das comunidades pesqueiras foi de primordial importancia debido a que era a embarcación axeitada para a pesca da sardiña, sustento principal dos habitantes da nosa costa e peixe do que derivou unha importante industria de salazón e logo conserveira na Galiza” indican membros da asociación. 

Hugo conta como as lanchas xeiteiras foron desaparecendo paulatinamente dos portos galegos, quedando só dúas testemuñas do pasado a Nova Mariña con base na Illa de Arousa e a súa lancha, A Canle de Lira. Nun mundo onde a modernidade ameaza con borrar as pegadas do pasado, a xeiteira lémbranos a importancia de preservar as nosas raíces culturais, honrando a aqueles que viñeron antes que nós e achandando o camiño para aqueles que virán despois.

IMPACTO NA COMUNIDADE LOCAL E MARÍTIMA

O vicepresidente da asociación tamén destaca o impacto positivo que a lancha xeiteira tivo na comunidade local e na comunidade marítima máis ampla. "Fai 21 anos, cando a xeiteira chegou a Portocubelo, suscitou moita curiosidade e atención, especialmente das persoas maiores que aínda tiñan gravada na retina a imaxe das lanchas xeiteiras navegando polo noso mar na súa xuventude. Recibimos bos consellos de vellos mariñeiros que aínda se lembraban de como navegar nelas", comenta. A comunidade marítima galega aprecia a xeiteira como o que é: unha obra de arte única, unha alfaia do patrimonio mariñeiro.

ACTIVIDADES PARA PROMOVER E MANTER VIVA A TRADICIÓN

Para manter viva a tradición da lancha xeiteira, a asociación realiza numerosas actividades. “Levamos a cabo actividades de colaboración con outras asociacións. Tentamos saír a navegar o maior número de veces posible na tempada estival para lucir a xeiteira no marco incomparable do mar de Lira aos pés do Monte Pindo, flanqueados pola inmensa praia de Carnota e co cabo de Fisterra de fondo. Tentamos facer partícipes das navegacións á xente que nolo solicita, sempre tendo en conta as restriccións impostas polas compañías de seguros marítimos”, afirma.

Canle de Lira tamén colabora co GALP (Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro) e co Concello de Carnota nun proxecto pioneiro a nivel europeo, onde unha caseta tradicional de mariñeiros en Portocubelo, a Caseta de Pepe do Cuco, converteuse nun museo onde se pode vivir unha experiencia totalmente virtual e autónoma. “Esta experiencia da Caseta de Pepe do Cuco tamén está enmarcada dentro da ruta de sendeirismo de 'andar ao mar' que transcorre dende a praia de Carnota ata o faro de Lariño e a que recomendamos a todos os amantes do mar e da natureza”, explica.

O FUTURO DA LANCHA XEITEIRA

Toda a plantilla da asociación está entusiasmada cos proxectos futuros, como a creación dunha exposición fotográfica sobre a xeiteira na Lonxa Vella de Portocubelo e a organización de xornadas cheas de actividades culturais e lúdicas coa xeiteira como principal protagonista. "A mocidade galega é o noso gran tesouro e o noso futuro, tan só temos que pór algo da nosa parte para facerlles ver que temos un tesouro cultural que debemos preservar, desfrutalo, amosalo e sentirnos orgullosos del", destaca.

E a xeiteira 'Canle' non podería ser unha realidade sen a súa actual tripulación pola súa implicación dende fai un par de anos no mantemento e posta a punto da lancha. "A día de hoxe tanto esforzo estáse a facer notar e a perla da Costa da Morte loce en Portocubelo empatenada como unha fermosa pombiña. Queda aínda traballo por diante, mais encarámolo con moita ilusión, e xa estamos desexando que chegue o verán e as melloras das condicións climatolóxicas para lucir polo mar galego a mellor embaixadora de Lira, Carnota, a Costa da Morte e da nosa inmensa riqueza cultural e mariñeira", destaca Hugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta