Ulloa Viva reúnese este martes cos grupos no Congreso para trasladar o "rexeitamento social" á planta de Altri

O proxecto recibiu unhas 25.000 alegacións ata o 17 de abril.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2024 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A Plataforma Ulloa Viva trasládase este martes a Madrid, onde manterá reunións con representantes e portavoces de Industria dos principais partidos políticos para trasladarlles "a preocupación e o rexeitamento social" ante o proxecto de instalación da planta de Altri en Palas de Rei. 

A delegación estará integrada pola presidenta da Plataforma, Marta Gontá; a presidenta das mariscadoras a pé de Carril, María Porto; e a produtora de carne ecolóxica de Traloagro, Isabelle Gómez, que darán a coñecer aos partidos os informes elaborados por expertos "que acreditan que o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei atenta contra o corazón de Galicia, pondo en perigo o seu modelo socioeconómico, o medio ambiente, a cultura e a calidade de vida e benestar dos veciños da Ulloa, Deza, Terra de Melide e Arzúa".

Segundo sinalou Marta Gontá, as reunións deste martes teñen como finalidade deixar "claro" en Madrid a postura contraria a un modelo socioeconómico "que rompe" co que se está creando "entre todos" no corazón da comunidade galega. Ademais, a plataforma quere que se pidan explicacións aos gobernos sobre "por que se reúnen con Altri e Greenalia e non cos veciños e veciñas que coidan esta contorna". "Non lles imos a permitir que impoñan pola forza unha industria que rompe co noso tecido socioeconómico e a nosa maneira de vivir", advertiron desde a Plataforma.

A delegación abordará cos partidos políticos os riscos para a actividade agrogandeira pola demanda de eucalipto ou pola contaminación ambiental. Tamén advertirán do perigo que corre o patrimonio do Camiño de Santiago, ou a actividade marisqueira, que afecta de forma directa e indirecta a "miles de familias"; así como as afeccións no sector forestal e na propia saúde dos veciños. O proxecto de Altri recibiu unhas 25.000 alegacións ata o 17 de abril, actualmente en período de estudo, "o maior número de alegacións rexistrado a un proxecto industrial na historia de Galicia", recalcaron.

Na xornada este martes Ulloa Viva reunirase coa deputada do PNV Idoia Sagastizábal (10,30 horas); con Manuel Lago e Verónica Martínez, de Sumar (13,00 horas); con Néstor Rego (16,00 horas), con Inés Granollers de ERC (17,00 horas); e coas socialistas Adriana Maldonado e Patricia Otero (17,30 horas). Igualmente, están previstos encontros con Francisco Conde (PP), Josep María Cervera (Junts) e Óskar Matute (EH Bildu).

Marta Gontá, da Plataforma Ulloa Viva.. ULLOA VIVA
Marta Gontá, da Plataforma Ulloa Viva.. ULLOA VIVA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta