Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 01/06/2024 | Actualizada ás 14:00
En Galicia existe un deporte a medio camiño entre o fútbol e o rugby, que se xoga con mans e pés e chegou en 2010, o fútbol gaélico. Despois de falar de petanca e rugby, abordamos esta disciplina deportiva na procura de realizar unha panorámica da súa situación. Ángel Negrete, presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico define en que consiste: "É un deporte tradicional irlandés, con preto de 150 anos de historia, un deporte que enche estadios dos máis grandes de Europa, como é Crocke Park, estadio de referencia en Dublín". Ademáis de ser mestura de fútbol e rugby, tamén ten "movementos doutros deportes como o balonmán ou o baloncesto". No fútbol gaélico si que contan cunha portería, que ten forma de "H", e pódense anotar tanto goles por baixo como puntos por riba. "En Irlanda xógase en campos de 150 metros de longo por 100 de ancho bastante grandes porque xogan 15 para 15", explica Ángel que engade, que fóra de Irlanda non hai campos desas dimensións, e xógase en campos de fútbol ou rugby adaptándose a nove ou a once xogadores.
No que atinxe ás posicións no campo, en fútbol gaélico, adóitase falar por liñas: estaría o porteiro, xa que "ao poder meter gol abaixo precisas de alguén que garde"; na primeira, os defensas centrais; unha segunda liña con mediocentros defensivos/laterais, "xente que corre moito porque sube o balón para conectar cos dianteiros"; terceira liña, que será de centrocampistas e mediapunta; e a cuarta, cos dianteiros.
Permítese o mesmo contacto ca no rugby? Ángel sostén que nisto tamén sería "un punto intermedio" entre fútbol e rugby, no que se permite "máis intensidade ca no fútbol", pero non existen as "placaxes do rugby". Desta maneira, no fútbol gaélico, tal e como conta, adóitase levar o balón na man e á hora de defender, estaría permitido "facer carga de ombreiro a ombreiro". Poderíase chocar o teu ombreiro co do rival cunha intensidade alta. Porén, en calquera outro tipo de impacto, sexa por diante ou por detrás, sería falta. Como diferenza co fútbol, está o feito de protexer tamén as mans: "Cando un xogador vai coas máns e o outro vai co pé, é protector nese sentido, xa que podería reventar as máns do rival. Conta con normas protectoras da integridade dos xogadores nos puntos máis conflictivos".
COMO CHEGA O FÚTBOL GAÉLICO A GALICIA?
Di Ángel que sempre conta esta historia cando fala das orixes do fútbol gaélico en Galicia. Remóntanse ao 2010, cando un rapaz que traballaba na Universidade da Coruña, Wenceslao García, foi de viaxe a Irlanda. "Descubriu este deporte, gustoulle e quixo formar un equipo de fútbol gaélico na Coruña, nace así o primeiro, Fillos de Breogán", conta Ángel. Os primeiros anos "non foron moi bos deportivamente porque se partía de cero". No 2012, celebrouse un amigable entre a versión primixenia da Selección Galega contra Bretaña. "Este foi o primeiro boom en popularidade que tivemos co deporte porque chamou a atención", expón. Xa na seguinte tempada había cinco equipos masculinos, que permitía formar unha liga e pensar xa nunha competición de forma autónma aquí.
Na actualidade, o día a día dos equipos galegos de gaélico céntrase nas competicións galegas. A principal é a Liga Galega, de formato regular; logo competicións de Copa, en formato sede; e o Gol Galicia, que se xoga neste momento, no que queda pedente a Final Four, consiste nunha competición de copa, inspirada no All-Ireland, máxima competición de gaélico en Irlanda, que se celebra por condados. Así, existen diferentes formatos e os que hai vanse adaptando. A nivel nacional, fai nada estiveron algúns equipos en Salou no Campionato Ibérico, no que participan tamén conxuntos de Xibraltar e Portugal. "Os mellores equipos clasificados do Estado xogan por rexións, Galicia tería tres representantes masculinos e femininos na final absoluta, de seis en total que viaxan", comenta Ángel.
A maiores, hai competicións a nivel europeo: "Todos os anos celébrase, cara outubro, un campionato europeo de clubes que este ano será en Lyon, penso". Pode participar todo o mundo, xa que hai diferentes categorías, para que ningún equipo quede fóra. "Tamén para que se queres competir, poidas facelo con equipos do teu nivel. Ten o afán, neste tipo de torneos de un día, de fomentar a parte social, de unión, polo que se intenta que participe o maior número de persoas posible, intentando cadrar por nivel para que sexa a competición interesante", sinala.
"QUE NINGUÉN SE CORTE, QUE VEÑAN E PROBEN"
Que se precisa para comezar a practicar fútbol gaélico? "Pouco, mercar unhas botas de fútbol", afirma Ángel que anima a toda persoa que probe porque é un deporte moi dinámico, atlético e no que se empregan moitas habilidades do corpo. É curioso porque se traballa tren superior e tren inferior, case a partes iguais. Ademáis, destaca desta disciplina a parte social, neses terceiros tempos despois do partido, promóvese que sexa máis ca ir adestrar e marchar para casa. "Todos empezamos de cero e isto ao final leva montado en Galicia doce ou trece anos, pero que todos os anos comeza xente nova e as cousas se pillan rápido. Son tres, catro habilidades igual raras, pero que se pillan rápido, nun mes ou dous, se cadra, xa estás para competir", apunta.
No gaélico, hai algo moi curioso, é que a xente soe xogar no equipo da súa vila, en Irlanda fan especial fincapé no sentir de honra de defender ao condado, de feito, están prohibidas por normativa as fichaxes, non podes ir dun equipo a outro. Só poderías cambiar de equipo, se cambias de cidade por razóns de traballo ou así. En Galicia, está a Liga Galega e quen teña afán de máis nivel pode optar á Selección Galega, que ofrece ese punto extra de competitividade. "Esta Selección vén ser quinta do mundo, tanto a masculina como a feminina", expón. En canto aos clubes habería os seguintes: Auriense (Ourense), Estrela Vermelha (Santiago de Compostela), Fillos de Breogán (A Coruña), Grovias (A Garda), Herdeiros de Dhais (Lalín), Independiente (Vigo), Irmandinhos (A Estrada), Keltoi GAC (Vigo), Lorchos (Barbanza), Lume de Beltane (Poio) e Tunoria (Gondomar). "Que a xente non teña medo de probar, que ningúen se corte e que veña e probe", manifesta.
COÑECEMOS A ALBA RODRÍGUEZ, VETERANA NA SELECCIÓN
"Alba comezou a xogar gaélico fai dez anos e non fixera deporte a nivel federado nunca. Agora leva media vida na Selección Galega i é unha xogadora moi boa", así se expresaba Ángel sobre Alba Rodríguez, xogadora do Auriense Campus da Auga e da Selección Galega de fútbol gaélico. "Ao acabar os estudos universitarios marchei a Irlanda de Au pair para perfeccionar o inglés e aló a familia ensinoume o que eran os deportes gaélicos. Ese foi o meu primeiro contacto", conta Alba. Porén, non foi ata volver de Irlanda, xa en Galicia cando comezou a xogar grazás a que unha das súas amigas da infancia lle dixo que se estaba formando un equipo en Ourense. "Pensei que sería unha boa forma de manter contacto con Irlanda, estando na casa, así que me anotei a fútbol gaélico", destaca botando a vista atrás a ese 2015 cando este deporte pasou a formar parte da súa vida e lle permitiu competir, viaxar e facer amizades.
Recoñece que lle encanta que no gaélico hai "moita camaradaría" con ese terceiro tempo dos partidos nos que se comparte co equipo rival para tomar algo e confraternizar. "É un deporte que che permite, máis aló da parte física, deportiva e de competición, tamén socializar e facer amizades", comenta. Tanto a Selección Galega feminina como masculina son as quintas do mundo, polo que a diferenza non existe como noutros deportes. Neste sentido, Alba pensa que o fútbol gaélico ao ser "un deporte minoritario, se equiparan máis as cousas e non hai tantas diferenzas en canto ao coñecemento". De feito, en Galicia a nivel de éxitos, tal e como apunta, nun inicio foi a sección feminina á que obtivo máis resultados.
No que atinxe á competicións, existen as mesmas ca no masculino a nivel de clubes, coa Liga Galega, con seis equipos femininos, xógase no formato de ida e volta; logo está a Copa galega e o Gol Galicia, así tres competicións en total. Cos resultados obtidos, poden clasificarse a nivel Iberia, "rexión a que pertence Galicia a nivel Europa". Así, os mellores equipos de diversas subrexións clasifícanse para as finais do Campionato Ibérico. A partir de aí, optarían á competición europea a nivel de clubes.
No caso da Selección galega, teñen cada tres anos un Europeo, cada tres anos, un Mundial e despois o que se poida organizar a nivel de asociación de amigables e copas. "Este ano non hai competición de Europeo ou Mundial porque é descanso, pero o ano pasado tivemos Mundial en Irlanda, en Derbi, o ano anterior organizamos o Europeo de Seleccións en Poio, imos movéndonos. Sempre hai algo", resalta Alba.
"É UN DEPORTE QUE CHE FAI COMPETIR E MELLORAR COMO PERSOA"
En canto aos fitos acadados pola Selección Galega, Alba pode dicir que foron campioas de Europa no 2018 e nos diversos mundiais disputados, foron mellorando posicións. Ademáis, tamén acadaron o subcampionato no Europeo de 2022. Na actualidade, traballan para poder colleitar mellores éxitos nas vindeiras tempadas. Sinala que todo iso "virá só e da man" das "queridas escolas" que pouco a pouco van fructiferando e achegando novas xogadoras. "Xa é o caso de equipos como, o Estrela Vermelha, no que xa algunhas rapazas, que coñeceron o deporte a través da escola deportiva, xa teñen idade de competir coas maiores. Iso vén sendo aos 14 anos", explica. No seu equipo en Ourense, na escola parten de nenas e nenos de menos idade, de quinto ou sexto de Primaria. "Temos xogadoras noviñas e máis veteranas, hai mestura na Selección", expón
Fai fincapé en que o fútbol gaélico lle permitu coñecer a xente que doutro xeito non coñecería: "Lévome amigos para a vida. Aínda que sexa un deporte amateur, cando chega un Mundial, tentamos coidarnos a nivel de descanso e alimentación para chegar nas mellores condicións. Píchache o gusanillo e faiche competir e, para min o máis importante, mellorar como persoa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.