Colapso no servizo do Hospital de Día Oncolóxico do CHUS: condicións "inadmisibles" para pacientes e sanitarios

"Non é tolerable desde o punto de vista dos dereitos dos pacientes seguir mantendo indefinidamente, e a pesar das reiteradas denuncias públicas e administrativas, unha situación que require mellora dos medios materiais e unha maior dotación do cadro de persoal sanitario", denuncian dende a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 27/05/2024 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS tivo coñecemento, a través de C.Q.N., filla e acompañante dunha paciente de cancro dende o ano 2011, da situación de colapso do servizo do Hospital de Día Oncólóxico do CHUS.

Contorna e aparcadoiro do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS)
Contorna e aparcadoiro do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) | Fonte: Europa Press - Arquivo

"Persoalmente acompaño a miña nai a este servizo dende o ano 2011. Desde ese momento, o único que aumentaron foron en centos o número de doentes, pero non ocorreu así co persoal sanitario. Sen ir máis lonxe, esta mesma semana a xente non tiña espazo suficiente para sentar, con pacientes e acompañantes de pé polos corredores e salas de espera. O venres, 3 de maio, miña nai chegou ao hospital ás 09.00 horas da mañá e saíu cerca das 22 horas. Doce horas entre esperas e tratamento. No último ano, a pauta de miña nai consiste en 3 semanas seguidas de tratamento e descansar unha. Isto provoca unha fatiga física e psicolóxica engadida aos efectos secundarios da quimioterapia, pois as horas de espera fanse eternas e, sobre todo, nunha sala de espera que é un corredor, con cadeiras de madeira que semellan táboas, por onde pasa xente sen máscara continuamente. Resulta evidente que moitas persoas das que van alí non están en condicións de pasar unha media de 5 ou 6 horas nunha sala de espera que non garda as mínimas condicións de confortabilidade. E non pedimos unha comodidade excesiva, senón o mínimo aceptable para o estado en que se encontran estes doentes", denunciaba C.Q.N.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS asegura que "ao longo destes últimos anos as condicións materiais non cambiaron e seguen sen cumprir as recomendacións publicadas polo Ministerio de Sanidade no ano 2013: as salas de espera seguen sendo cada vez mais insuficientes convertindo algunha delas en zonas de paso; os asentos dispoñibles son escasos e non cumpren os requisitos de confortabilidade nin dispoñen de fontes de auga fría; a zona de admisión non conta cun espazo de atención que garanta un certo grao de privacidade; a área de tratamento, non garante o noso dereito á intimidade e só contamos cunha leve cortina que nos separa dos resto dos pacientes da sala e en moitas ocasión non se dipón de asento para acompañante; na farmacia as demoras para recibir a medicación pode prolongarse ata dúas horas;  o menú que se nos proporciona dun bocadillo, peza de fruta e iogur, resulta manifestamente insuficiente para pacientes que teñen que pasar no servizo ata 12 horas".

"O PERSOAL NON DÁ ABASTO PARA ATENDER A MÁIS DE 100 PACIENTES AO DÍA"

Explican que "o normal nun paciente que asiste a quimioterapia sería chegar ao hospital unha hora e media antes da súa da consulta, asistir a ela e despois dunha hora, aproximadamente, tempo no que preparan e dan de alta o tratamento, entraría na sala para inicialo". Con todo, denuncian que "a realidade é ben distinta, sobre todo no último mes, debido á cantidade de festivos que houbo, aínda que no resto do ano a situación é moi similar, pois os pacientes chegan coincidindo no tempo de espera da análise coa hora da consulta, e, así, vaise demorando a saída do hospital".

Lamentan que aínda que "contamos cun equipo médico e de enfermeiros e enfermeiras impecable", é tamén "insuficiente", xa que "son 12 oncólogos e 6 enfermeiros e enfermeiras pola mañá, quedando soamente a metade pola tarde". "Hai días no que non dan abasto para atender as 6 salas de tratamento, pois cada unha está deseñada para atender á vez 8 pacientes, e diariamente hai máis de 100 nas salas de espera", afirman, preguntándose: "Como pode este persoal dar o mellor de si, se teñen que estar esgotados e saturados, ao mesmo que presionados?".

"Unha falta de organización e de persoal na que os prexudicados últimos somos os pacientes que estamos a sufrir esta doenza. O esgotamento que padecemos e a vulnerabilidade que soportamos, converten a loita por unha saúde digna nun esforzo adicional, moitas veces inasumible, e que moitos afrontan cun cansanzo e unha tensión que repercute directamente no seu proceso de curación", explican.

Segundo datos feitos públicos pola xerencia do CHUS, o número de tratamentos ao ano é superior a 30.000. E a pesares das denuncias que dende a asociación realizaron no 2017 e despois de case 8 anos, o Hospital de Día segue sen cumprir en aspectos esenciais de confortabilidade, acceso e privacidade. "Non é tolerable desde o punto de vista dos dereitos dos pacientes seguir mantendo indefinidamente, e a pesar das reiteradas denuncias públicas e administrativas, unha situación que require mellora dos medios materiais e unha maior dotación do cadro de persoal sanitario", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta