Galicia entrega 53 novas distincións 'Q' de Calidade e 39 'S' de Sustentabilidade en destinos turísticos

Sitúase como a segunda comunidade con máis Q de Calidade e a cuarta con máis S de Sustentabilidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2024 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

A Axencia de Turismo de Galicia entregou este venres 53 novas distincións 'Q' de Calidade e 39 'S' de Sustentabilidade en destinos turísticos galegos. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na cerimonia de entrega dos novos distintivos, que sitúan a Galicia como a segunda comunidade con máis Q de Calidade e a cuarta con máis S de Sustentabilidade.

Alí, o titular do Goberno galego felicitou ao sector turístico galego por contribuír a "reforzar a calidade do destino" e, deste xeito, "facelo máis atractivo para os viaxeiros". Tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, o mandatario galego tamén quixo destacar o traballo que se realiza en Galicia para combinar ambos os aspectos, apostando por un turismo que sexa respectuoso co medio. Neste sentido, puxo a Muxía como modelo claro neste ámbito. "Muxía é un exemplo perfecto, que está a ver no turismo un recurso fundamental que está a cambiar Muxía para ben sen cambiar a súa esencia", manifestou Rueda.

DESESTACIONALIZAR

Para o presidente da Xunta, o sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras marca no 2023 e "cada vez máis diversificado e desestacionalizado". Nesta liña, fixo referencia aos máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron en establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5 por cento do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano. "Fai catro anos, en plena pandemia, todo o mundo pensaba que ía custar moitísimo chegar ás cifras do 2019, e resulta que estamos moi por encima", subliñou.

Por todo iso, Rueda reiterou o apoio do seu Executivo ás empresas e entidades que conforman o sector. De feito, destacou a Xunta, este ano increméntase un 23 por cento a contía de axudas para apoiar a establecementos e servizos turísticos nos procesos de certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade ou a S de Sustentabilidade no marco do Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística ao que este ano destina máis de medio millón de euros. "Canta máis sustentabilidade e calidade haxa, iremos conseguindo algo que xa é unha realidade: a desestacionalización", concluíu Alfonso Rueda.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na entrega das distincións turísticas de Calidade e Sustentabilidade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na entrega das distincións turísticas de Calidade e Sustentabilidade | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta