Sabes que papel xogaron as mulleres durante a Idade Media no intercambio cultural entre Galicia e Portugal?

Na Península Ibérica, ao igual que aconteceu noutros territorios, o intercambio cultural entre comunidades de mulleres relixiosas trascendeu tamén reinos e ordes relixiosas. Da man da doutora Mercedes Pérez Vidal, da Universidade Autónoma de Madrid, coñecemos como se realizaron algúns deses intercambios.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Na Península Ibérica, ao igual que aconteceu noutros territorios, o intercambio cultural entre comunidades de mulleres relixiosas trascendeu tamén reinos e ordes relixiosas. No caso do Noroeste peninsular, ese intercambio produciuse entre Galicia, Portugal e Castela e León. Hoxe, da man da doutora Mercedes Pérez Vidal, profesora da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) que participou no IV ciclo de webinarios divulgativos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) 'Vidas medievais entre Galicia e Portugal', coñecemos como se realizaron algúns deses intercambios transfronteirizos entre Galicia e Portugal.

Xenealoxía dos Reis de Portugal, BL, Add. Ms. 12531
Xenealoxía dos Reis de Portugal, BL, Add. Ms. 12531

Pérez Vidal forma parte, dende marzo de 2021, do equipo interdisciplinar do proxecto trianual liderado por Catarina Barreira sobre os manuscritos litúrxicos do mosteiro de Lorvao, no Instituto de Estudos Medievais de Lisboa (FCT-NOVA). En concreto, a investigadora apunta a catro formas de intercambios: o desprazamento de mulleres relixiosas e laicas; a transferencia de modelos fundacionais; a circulación de textos litúrxicos, normativos ou devocionais (artefactos escritos); e a circulación ou intercambio de obxectos e artefactos da cultura material.

Por unha banda, esa transferencia a través do desprazamento físico real das mulleres ben sexan relixiosas ou laicas dun reino a outro, transfronteirizos, tiña lugar, segundo conta a investigadora da UAM, "para realizar unha nova fundación ou para ocupar un cargo de liderado nunha fundación xa existente". Pon o exemplo de Branca de Portugal, que "foi señora, un cargo que ocupaban mulleres vinculadas normalmente á familia fundadora e pertencentes á aristocracia ou á realeza que debían controlar unha serie de aspectos no tocante á xestión dun mosteiro". Posteriormente "trasladouse a Castela e, alí, foi señora tamén do Mosteiro de Las Huelgas e doutro mosteiro dominico". Non obstante, esta non foi a opción ou estratexia máis frecuente.

Por outra banda, estaba a transferencia de modelos fundacionais que non implicaba xa o desprazamento físico das mulleres, senón que se daba "a través das súas relacións de parentesco" que xeraban esa influencia transfronteiriza. Neste caso, Pérez Vidal pon o exemplo da comunidade desaparecida establecida en 1160 en Santa María de Nogueirosa, na Coruña, que "inicialmente foi un mosteiro benedictino masculino e transformouse nunha pequena comunidade feminina cistercense grazas a Urraca Enríquez, irmá de Afonso I de Portugal, o rei, que, á súa vez, era avó de Teresa Sanches, a infanta portuguesa que transformou entre 1205 e 1211, ao igual que Urraca Enríquez, un mosteiro benedictino masculino preexistente, o de Lorvao, nunha comunidade de monxas cistercenses". É dicir, Teresa seguiu o mesmo modelo que a súa tía avoa en Galicia. 

Unha terceira forma de intercambio transfronteirizo era a través da circulación de textos litúrxicos, normativos ou devocionais entre distintas comunidades transfronteirizas. A investigadora pon o exemplo neste caso de Branca de Portugal, que "probablemente levou algúns libros feitos en Portugal, manuscritos posiblemente no mosteiro de Alcobaça, ás Huelgas, en Burgos, cando se trasladou alí, ao redor do ano 1200". "Aínda que non temos probas fehacientes, é unha hipótese que ten o seu fundamento", asegura Pérez Vidal, e que implicaría que eses manuscritos circularon por varios mosteiros femininos. Tamén pon outro exemplo, un libro que está no mosteiro das cistercenses de Arouca, "un volume misceláneo que viaxou, como se sabe polas notas que figuran no propio libro, dende Arouca en Portugal a Montederramo en Galicia e volveu a Arouca posteriormente". Arouca era un mosteiro feminino e Montederramo era un mosteiro masculino, pero ambos da mesma orde relixiosa. 

Burgos, Santa María de las Huelgas, coro das monxas, sepulcro de Branca de Portugal (m. 1321)
Burgos, Santa María de las Huelgas, coro das monxas, sepulcro de Branca de Portugal (m. 1321) | Fonte: Flora Ward

Finalmente, a última forma de transmisión transfronteiriza estudada polo grupo de Pérez Vidal sería a través da circulación de obxectos que transmiten, á súa vez, prácticas relixiosas. A investigadora centrouse no papel das abadesas de Lorvao durante os séculos XVI e XVII na reparación, renovación e constante actualización destes obxectos. Como apunta, "normalmente eses obxectos transmitíanse mediante doazóns feitas ás veces por mulleres, doazóns de obxectos litúrxicos, fundamentalmente relicarios, aínda que tamén altares portátiles, vestimentas litúrxicas e outro tipo de obxectos, mesmo imaxes, que doan a unha comunidade e en ocasións proceden doutra, que pode ser transfronteiriza ou non". Estes obxectos "serven como transmisores de cultos, relixións, prácticas litúrxicas e, ás veces, mesmo teñen detrás unha compoñente dinástica vinculada á muller que doou eses obxectos, que normalmente forma parte da aristocracia". Deste xeito, como evidencia a investigadora, "únense os significados litúrxicos e devocionais cos da propia memoria desta muller e da súa familia".

En conclusión, Pérez Vidal asegura que "os exemplos analizados evidencian que as mulleres da elite foron transmisoras da memoria dinástica e de prácticas funerarias influídas polas dos seus grupos de parentesco, así como de modelos fundacionais, pero tamén de prácticas litúrxicas, devocionais e artísticas". "Distintos textos e obxectos da cultura material empregados na liturxia foron soporte ou manifestación de todas elas e á vez vehículo na creación da auctoritas litúrxica e sacramental por parte de mulleres relixiosas ou laicas", explica a investigadora, que engade que "trátase, non obstante, de aspectos aínda pouco coñecidos non só para Galicia e Portugal, senón para todo o mundo ibérico".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta