Nicolás González, PSOE: "O PP de Feijóo quere romper o cordón sanitario contra a ultradereita en Europa"

Nico González Casares é eurodeputado socialista galego en Madrid. Alí leva cinco anos batallando para conseguir unha "Europa máis social e inclusiva" e pelexando "polos intereses de Galicia". Di que un dos seus obxectivos nesta nova lexislatura é que haxa un comisario de Pesca que mire máis pola pesca, traer máis recursos económicos para Galoicia e, sobre todo, evitar que a ultradereita entre no goberno das institucións europeas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Xusto estaba mirando os xornais e non vexo que se lle adique moito espazo a estas eleccións. Non cres que está sendo unha campaña electoral anómala?

O eurodeputado galego do PSOE, Nicolás González Casares. PSDEG
O eurodeputado galego do PSOE, Nicolás González Casares. PSDEG

Si porque estas eleccións non son como unhas eleccións xerais, locais ou á Xunta e tamén porque levamos certa fatiga electoral. Pero creo que a xente é máis consciente do que nos xogamos nestas eleccións. Europa, nestes cinco anos, marcou unha etapa. As respostas á crise da pandemia non foi como a doutros anos. Por exemplo, á resposta á crise financeira do 2008 foi neoliberal e agora o que se ve é unha resposta socialdemócrata, de axudar á xente. E penso que iso pode axudar a votar nestas eleccións. Tamén é certo que son unhas eleccións na que nos xogamos o futuro da UE, entre a tradición de máis dereitos e libertades sociais, ou todo o contrario por mor do ascenso de forzas de ultradereita e reaccionaria.

Precisamente eu comentabache isto porque, se non se visualiza que hai campaña electoral, non vai haber resposta electoral, nin aquí, nin Europa, e isto pode favorecer, precisamente, a esa ultradereita, non cres?

Pois si, certo. Por iso os socialistas planteamos unha campaña europea, de máis Europa, porque cremos en Europa. Outras forzas, como o PP, non quere falar de Europa o que amosa o seu euroescepticismo ao nivel de Vox. Nós queremos falar da Europa social, da Europa dos dereitos,  a da loita contra o cambio climático e a que vela polos intereses de Galicia na pesca, na industria ou na agricultura. Esa é a Europa que se precisa.

E cal é a Europa que precisa Galicia?

Nicolás González Casares, eurodeputado do  PSOE europeo. PSOE EUROPA
Nicolás González Casares, eurodeputado do PSOE europeo. PSOE EUROPA

Desde que Galicia está na UE, pode haber momentos mellores ou peores, pero o balance é netamente moi positivo. Só fai falla dar unha volta polo país e ver que as distancias son xa máis curtas, en tempo, quero dicir, grazas ás posibilidades que nos deu estar en Europa. E, nestas eleccións, precisamente, Galicia xógase moito porque nesta transición enerxética, Galicia ten moitos potenciais e se os sabe aproveitar pode ser líder en moitos campos da industria sostible. E logo tamén hai que defender esa pontecialidade da calidade dos seus produtos. Por iso aí nos xogamos moito e non só en termos de fondos, senón tamén de posibilidades.

Desde que Galicia está na UE, pode haber momentos mellores ou peores, pero o balance é netamente moi positivo

En todo caso, ti que es de Lalín, unha gran zona agraria de Galicia, non percibes que nos últimos anos está habendo un gran problema co futuro do agro? Un futuro no que Europa debería estar presente e axidar porque a xente xa non quere vivir no rural...

Primeiro a propia industrialización agraria que sufrimos nos últimos anos fai que, con menos xente, se produza máis. Ademais tampouco hai que esquecer que Galicia é unha rexión netamente exportadora de produtos agrarios; exportamos leite, viño, porcino...

Pero tamén importamos moito, especialmente, en alimentación...

Pero tamén somos exportadores, e de calidade. Non é certo que as nosas producións diminuiran, senón que houbo unha atomización e iso deu lugar a un abandono rural porque hai menos persoas para producir, aínda que produzamos máis con menos persoas. Iso merece unha reflexión. Non podemos ir todo ao sector servizos. Hai que fixar poboación no sector rural e isto é un reto, tamén europeo. Pero tampouco hai que dicir que os problemas demográficos que temos veñen derivados das políticas europeas.

Non. Eu non digo iso. O que digo é que ano tras ano agravase ese problema demográfico e que haberá que buscar solucións conxuntas...

O problema do abandono do rural é común a toda Europa e a Política Agraria Común (PAC) non deixa de ser unha fonte que aumenta os ingresos comúns dos nosos agricultores e gandeiros. Pero está claro que os obxectivos hai que melloralos. Desta PAC xa conseguimos que cheguen máis recursos a explotacións con menos base territorial, como é o caso de Galicia, aínda que quedan moitas cousas por facer. E para adaptarnos tamén ao futuro, Galicia tamén debería cultivar máis territorio do que xa cultiva, aproveitar esas axudas para isto, pero non hai que esquecer que as políticas da PAC non van conseguir parar o abandono rural e de emigración cara as cidades. E para iso hai que dotar ao rural de servizos como son as axudas á banda ancha que veñen de Europa. Pero, claro, se nesa vila do rural hai un centro de saúde, pero está sen medios e sen persoal, iso xa non é un problema da UE, é un problema da Xunta, que é quen ten que xestionar iso.

Está claro que moitos deses servizos dependen dos gobernos propios, pero tamén a UE debe velar por unha política de prezos máis acorde a súa realidade e non permitir, por exemplo, traer leite, ou outros produtos, máis barato doutras zonas

O prezo do leite non é do peor dos últimos anos, aínda que baixara agora un pouquiño. Pero moitos deses gandeiros tiveron axudas durante a pandemia do goberno de España e tamén da UE, precisamente, para paliar o problema da suba de prezos e a rebaixa de IVE. Con isto quero dicir que tamén se fixeron cousas para avanzar nese ámbito. E España tamén puxo unha lei de da cadea alimentaria para poñer prezos xustos, precisamente, e o PP non quixo apoiar esa lei porque moitos dos prezos radican nos intermediarios.

Efectivamente, aí quería chegar, por que igual haberá que meterlle man aos intermediarios e ás grandes distribuidoras, non?

Eu falo de políticas europeas e isto é máis de política nacional.

Pero intermediarios hai en toda Europa e as grandes cadeas de supermercados son europeas

É un problema europeo pero cada país ten as súas dinámicas. Aquí temos unha lei da cadea alimentaria que precisamente loitou contra iso e conseguiu moitos avances. Eu lembro cando se saía á rúa cando gobernaba o PP en Madrid porque os prezos estaban a 18 céntimos, hoxe están xa por riba do dobre diso. E, claro que isto non pode deixarse en mans do mercado e por iso o PSOE quixo controlalo con esta lei.

 

"Eu, que estarei na Comisión de Pesca, xa emprazo a BNG e PP a que fagan forza dentro dos seus grupos, non individualmente, para que haxa un comisario de Pesca e Oceanos"

E falando doutro sector fundamental para Galicia, tamén regulado por políticas europeas, o da pesca. Que avances son necesarias neste sector na UE?

Nós si que denunciamos xa moitas veces que, nestes últimos cinco anos, a Comisión deixou de lado a Política Pesqueira Común e priorizou o medioambiental, sobre o económico. Non quero dicir que haxa que abandonar o medioambiental, pero o social e económico é moi importante. Por iso hai que reformar a Política Pesqueira Común para ter en conta esa visión social e económica. E eu, que estarei nesa Comisión de Pesca, xa emprazo a BNG e PP a que fagan forza dentro dos seus grupos, non individualmente, para cambiar esa política pesqueira e para que haxa un comisario de Pesca e Oceanos, ou de Oceanos e Pesca, que non estea compartido con Medio Ambiente que foi un atranco.

E cres que partillando esa Comisión e tendo un comisario de Pesca vanse solucionar os problemas de pesca? 

Pois xa é unha primeira mensaxe política; a de non compartir pesca con medioambiente. Porque é verdade que sucedeu que se apostou moito máis polo medioambiente que pola pesca. Por exemplo, o Grupo ALE- Os Verdes, onde se integra o BNG, non están interesados nisto. O BNG aí só ten un voto, o deles, pero non moven o voto de todo ese grupo, como podemos facer nós co grupo socialista europeo.

Dame temas concretos no caso de pesca no que movechedes o voto de todo o grupo socialista...

Pois por exemplo na política de control, na política de pesca común, na política de peche de zonas de fondo.. Aí o grupo socialista posicionase no que nós dicimos. O grupo de ALE - Os Verdes non se mobilizan polos postulados que defende Ana Miranda. Por exemplo, nós que estamos en contra da política de peche de zonas de fondo do arrastre, pois eu falo cos socialistas portugueses, italianos, e eles se posicionan no que nós dicimos, por norma dixital. No grupo de ALE - Os verdes non pasa iso, aínda que é certo que Ana Miranda si se posicione con nós. E, ollo, que non é por tirar en contra de Ana. 

O grupo de ALE - Os Verdes non se mobiliza polos postulados que defende Ana Miranda

Outro tema importante para Galicia é o da industria. Acaba de aterrar unha industria chinesa en Vigo para vender coches eléctricos. E como está Galicia a nivel industrial nese mercado global, porque o único que temos, e falo en termos globais, é Inditex, Stellantis e asteleiros

Non só temos iso, temos moito máis

Eu falo a nivel global, de megaindustrias...

A España chegan moitas oportunidades económicas que teñen que ver coa enerxía limpa e a electricidade na que a peninsula ibérica, xunto con outros países do sur e do norte de Europa, pode ser unha potencia. Aí hai unha oportunidade e, certo que temos, a Stellantis, pero hai outras moitas e hai que avanzar nestas novas oportunidades. Por exemplo, Aragón está facendo unha aposta moi forte. Falas de Stellantis pero o outro día viñeron fondos para Ferroglobe, Pansogal en Vigo... E chegan fondos a Galicia porque son obxectivos da UE pero tamén porque ven eles que son unha oportunidade industrial. 

 

Entendo o que dis pero depende da industria que se queira potenciar. O presidente da Xunta defende a instalación de Altri argumentando, precisamente, o que ti dis, que non se poden perder oportunidades . Entón, Altri si ou Altri non?

Eu non comparto esa visión. Non se pode comparar unha empresa dixital cunha megafábrica de celulosa. O problema é que a Xunta non sabe por onde camiñar na reendistrialización do país. Non sabe. E así hai risco de que marche Alcoa. Se o modelo imos producir máis celulosa, pois ese é un modelo errado, pero aquí houbo un engano e a Xunta ten que explicalo. Aquí díxose que ía haber unha fábrica de liocel, de fibras téxtiles, e resulta que logo ía ser unha celulosa. E agora o director da empresa dicía estes días que manteñen o proxecto inicial, pois aquí hai alguén que non conta a verdade. Por iso os socialistas pedimos explicacións porque, de entrada, non nos queremos posicionar á espera de que se clarifique isto. A nós se mañán nos din, non hai celulosa pero si fábrica de fibras téxtiles, pois igual hai que pensar iso. O que non pode ser é darlle cartos europeos a unha celulosa porque hai riscos medioambientais importantes. Ese modelo non é o do futuro de Galicia e hai que saber a realidade para ver que se fai.

 

Entón ti cres que se o proxecto é o orixinal, o que se vendeu ao principio, sería proveitoso para Galicia?

A ver. É que non o creo eu. Críamolo todos os grupos parlamentarios galegos xa que PPdeG, BNG e PSdeG apoiamos iso na Cámara; unha fábrica de fibras téxtiles sostibles para A Mariña.

 

PPdeG, BNG e PSdeG apoiamos a Altri na Cámara, pero unha fábrica de fibras téxtiles sostibles para A Mariña.

 

En Alcoa?

Alí porque está sufrindo un declive industrial e hai perda importante de postos de traballo. E agora din que na Ulloa. Quen decidiu iso?. Iso foi entre a empresa e a Xunta. Por iso necesitamos máis información sobre isto.

 

Cambiando de terzo. Falabas antes da ultradereita e como se tensiona a política, sobre todo en Madrid, no que Sánchez xa chama xa "política do fango". Ti en Europa percibes esa tensión política tamén?

Tensión non hai tanta, pero nós con esta xente temos un cordón sanitario.

 

Un cordón sanitario que pode romperse se hai pactos entre a ultradereita e o Partido Popular europeo...

Ese cordón compartimolo agora o PP, liberais, socialistas, verdes. Nós seguiremos nesa liña para avanzar nunha Europa social. E quen quere saír dese consenso é o PP que xa ten pactos coa ultradereita e asume moitas das súas teses de perseguir a diversidade ou a cultura. Iso ocurre aquí en España agora pero xa pasaba en Hungría ou en Polonia. O que agora nos preocupa é que este PP leve a parte do PP europeo ás súas teses, como queren facer agora con Fratelli de Italia de Meloni, que son neofascistas de libro. E Vox tamén é un partido neofascista. E Abascal vai abrazar a Netanyahu en plena aprobación do Estado de Palestina. E mesmo vemos a alguén no PP que defende as teses de Rusia, por exemplo.

 

E non cres que imos, precisamente, en Europa cara ao mesmo escenario político que en España, de tensión e guerra continua porque as enquisas falan dun aumento importante da ultradereita?

Eu penso que os cidadáns teñen que participar masivamente tamén nestes comicios. A Europa hai que construila cada día e por iso a campaña de "usa o teu voto" ten esa mensaxe, de usar o voto para parar á ultradereita e ás forzas reaccionarias e facer unha Europa máis ampla, máis integrada e con máis dereitos.

 

E a relación Nico, Ana Miranda e Paco Millán Mon, como é?

Pois ben. Somos forzas políticas diferenciadas. É probable que eu teña máis relación persoal con Ana que con Paco, aínda que quizais teña que ver máis con cuestións xeracionais, aínda que facemos colaboracións comúns como o Festival Emigrason. A relación é correcta con dous e tamén con Paco que é unha persoa sensata, educada e cabal. Non vexo eu a Paco Millán Mon pactando coa ultradereita.

 

Paco Millán Mon é unha persoa sensata, educada e cabal. Non o vexo pactando coa ultradereita

 

E a Adrián Vázquez, a nova fichaxe de Feijóo?

A Adrián entra case xa no terreo da amizade por outras cuestións familiares. Ten familia en Lalín

 

Por iso che preguntaba sendo ti de Lalín e el di que tamén...

Si pero non é galego. Cada un decide o galego que quere ser. E eu aí non son como outros que negan o dereito a ser galego. Pero a súa carreira política é certo que non a fixo aquí como a fixen eu. Eu penso que Adrián ten que explicar algunhas cousas, pero sobre todo, o PP. Como unha persoa que ía reflotar Cs pois dun día para outro acaba nas listas do PP como se fixo con outros cargos de Ciudadanos.

 

E xa para ir rematando, por que Pedro Sánchez non vén desta volta a Galicia?

Iso aínda non o sabemos

 

A min dinme que non vai vir...

Pedro Sánchez é impredecible. En todo caso nesta campaña fai moi poucos mítines e estará en moi poucos territorios. Pero aquí estivo o ministro Alvares falando do conflicto en Gaza e Ucrania, ou a nosa cabeza de lista, Teresa Ribera.

 

Por certo, segues tendo moi boa relación con el, ou agora xa non?

Non é que teña amistade con el. Hai anos que o coñezo e que apostei por el para a Secretaría Xeral

 

Pero estás de eurodeputado porque el hai cinco anos che quería alí?

Eu estou alí porque así o decidiu o meu partido, como o decidiu agora.

 

E que tal te levas con Gonzalo Caballero?

Con Gonzalo, ben

 

E iso de saír o seu nome a pasear para substituirte a ti en Bruxelas?

Iso hai que preguntarlle a el. Foi secretario xeral e eu sempre me levei ben con el. Traballamos xuntos pero os meus méritos destes cinco anos seguro que teñen que ver con que siga aquí.

 

E xa para rematar. Como é esta campaña para ti porque no persoal vas ter unha alegría, non?

Xa tiven, xa tiven. Pois é unha campaña diferente e tes que facer máis esforzo para chegar á xente e logo a dinámica persoal porque eu agardaba un fillo para despois das eleccións e chegou un pouco antes e, benvido sexa. Todo foi ben e, a verdade, é que a sanidade pública é un tesouro que temos que que hai que coidar. Estou moi feliz pero temos que seguir facendo campaña.

 

Pois a ver se segue a alegría o domingo...

Eu penso que haberá un moi bo resultado do PSOE o 9 de xuño e que porá en problemas a Feijóo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Rectificación: Non era a Irmandiña era a Festa do Centenario do Celta en día de luto OFICIAL decretado por el mesmo... https://www.vigoe.es/vigo/local/cab... Ao bombeiro e a súa famila que os parta un raio...

1 Gamela

Houbo un tempo no que todos falaban da ultradereita mentras facían a mesma política sectarea e miserenta que denunciaban como políticas de ultradereita... Os que levamos soportando 17 anos ao Autócrata que goberna Vigo podemos tranquilamente denominalo de ultradereita e non teríamos dificultade en demostralo: aporofobia, traballa para os ricos e os turistas, non paga as nóminas de policías e bombeiros, non fixo unha vivenda social en 17 anos pero subastou 40 pisos públicos aos amiguetes que os compraron para facer negocio sen que ninguén rechistara... E se levas 3 meses en folga Vitrasa aínda se rí de tí na cara dicindo que os traballadores do transporte público están manipulados pola CIG ! O día que os bombeiros incineraban ao compañeiro morto en acto de servizo, el estaba tomando unhas cañas en Balaídos coa Irmandiña... Este home que mantén a Cruz dos Caídos no Castro ¿non é de ultradereita porque se presenta co PSOE? Manda Carallo !