A FP galega, que abrirá a preinscripción a semana do 24 de xuño, contará o próximo curso con 1.799 grupos

A Xunta presenta o novo catálogo desta modalidade formativa que sube prazas en case todas as áreas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/06/2024 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A Xunta abrirá a semana do 24 de xuño o prazo de preinscrición para cursar un ciclo de Formación Profesional (FP), que o próximo curso 2024/25 contará cun récord de 46.714 prazas de novo ingreso e 1.799 grupos de clase en total. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou este mércores o detalle do novo catálogo de ciclos aprobado o luns na reunión semanal do Goberno galego. Foi nun acto celebrado no CIFP Compostela ao que tamén asistiu a directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, atende aos medios. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, atende aos medios. XOÁN CRESPO

Rodríguez reivindicou a "oferta histórica" que vai ter esta modalidade formativa a partir de setembro, cun aumento dunhas 4.500 prazas de novo ingreso, ata as 46.714 --case un 11% máis--, que foron deseñadas cun "proceso de participación e de escoita aos principais axentes económicos de Galicia". Todo iso con dous obxectivos: "poñer ao alumno no centro do sistema", para darlles as "destrezas necesarias para formalos como profesionais"; e para adaptar os ciclos ás "necesidades de profesionalizar as empresas para adecuar a formación aos requirimentos dos sectores produtivos".

O total de titulacións de FP pasará a 214 diferentes, tras a creación de 17 novas. En total, ofertaranse 153 ciclos de grao medio, básico e superior (+2), 22 másteres (+2), 24 títulos de alta especialización (+13) e outros 15 programas orientados a persoas con necesidades educativas especiais.

En concreto, os ciclos contan con 44.408 prazas, das cales 8.622 son da modalidade semipresencial e a distancia; os másteres con 1.658 vacantes, 420 semipresencial e a distancia; e outras 648 de programas para persoas con necesidades especiais, todas elas presenciais.

MÁIS PRAZAS EN TODAS AS PROVINCIAS

Por áreas xeográficas, a cifra de prazas de nova creación crece en todas elas. O groso concéntrase na provincia da Coruña, con 19.498 (+10,43%), e en Pontevedra, con 15.806 (+8,1%); ás que hai que sumar 6.459 prazas na de Lugo (+17,3%) e outras 4.951 en Ourense (+12,78%). O aumento das vacantes para estudar un FP é especialmente notable en zonas como A Mariña lucense, onde soben un 26,4%, e na área da cidade de Pontevedra, cun 22,5% máis. Neste contexto, o conselleiro de Educación destacou que tamén soben as prazas rurais, "básico para fixar poboación e dar saída ás necesidades nestes ámbitos territoriais".

SUBIDA EN CASE TODAS AS ÁREAS PROFESIONAIS

Se se observan os datos por familias profesionais, destaca o crecemento das prazas en modalidades como edificación e obra civil (+29,3%), instalación e mantemento (+22,5%), e seguridade e medio ambiente (+20,7%).

As únicas modalidades que non soben son as de vidro e cerámica, que se mantén con 18 prazas, e a de actividades físicas e deportivas cunha redución do 1,82% --14 prazas menos--. Isto último débese, segundo explicou a directora xeral na rolda de prensa, a un "erro na admisión" ocorrido o ano pasado nun centro e que provoca que onde había dous grupos de alumnos agora haberá un.

Román Rodríguez destacou o "avance cualitativo" que supoñerá a próxima oferta, cun "impulso" a áreas de alta especialización e que requiren "un modelo de tecnificación moi significativo".

Non en balde, o conselleiro e a directora xeral insistiron nas altas cifras de inserción laboral que cultiva o modelo educativo, que está en torno ao 85% nos ciclos ordinarios --que pasarán a chamarse duais-- e no 100% nos que ata o de agora eran consideradas duais --pasarán a ser duais intensivos--.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta