Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2024 | Actualizada ás 17:01
A folga convocada polo Comité Intercentros da CRTVG, que a partir de leste mesmo mércores tórnase indefinida, volveu a provocar problemas na emisión de 'O Termómetro', programa que pon de exemplo de "externalización" e "dilapidación de recursos públicos". A CRTVG, pola súa banda, argumenta que o 26,7% dos traballadores secundaron a folga.
Nun comunicado, o comité lamentou que a CRTVG non teña vontade "de negociar", "unha actitude persistente durante os últimos tempos que non colle por sorpresa á representación sindical".
Ante esta situación, explican, a folga vólvese indefinida. Este mércores, os folguistas decidiron "encomendarse" ao Apóstolo Santiago, peregrinando desde o centro de emisión de San Marcos ata a Catedral de Santiago para asistir á misa de 12, "coa intención de rogar polas almas descarriladas da dirección que non cumpren o mandamento de servizo público que ten encomendada a Corporación de Radio Televisión de Galicia".
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, participou nesta xornada de folga para "apoiar" ao persoal que participa no parón. Carril puxo a mobilización como "exemplo de resistencia contra o mal uso dos recursos públicos, unha demanda que asumirá boa parte da cidadanía grazas tamén á iniciativa lexislativa popular 'Liberemos a Galega', en marcha para promover un cambio lexislativo que permita pór a CRTVG ao servizo do pobo".
Os sindicatos rexeitan os argumentos da CRTVG para defender a externalización e apelan ao "deber" que ten o ente público de promocionar o audiovisual galego, que non cumpren ao contratar un programa "elaborado por unha produtora que é filial dunha empresa con capital e sede en Madrid vinculada a persoas que ocuparon postos de responsabilidade no Partido Popular".
O Comité Intercentros considera "inaceptable" que se destinen 16.000 euros diarios para que unha empresa produza "o mesmo que antes elaboraba o persoal da Corporación e, ademais, achegándolle medios técnicos e documentais públicos".
Denuncian tamén o "cerco" que o sistema mediático galego "afín ao réxime" está a levantar para ocultar "unha nova mobilización", empezando pola propia CRTVG que, "con xa a quinta xornada de folga, aínda non dedicou nin un segundo dos informativos da TVG e da RG a informar á sociedade galega da existencia e das razóns desta protesta".
POSTURA DA CRTVG
Consultada por Europa Press, a CRTVG informou de que o 75% dos traballadores non apoian a convocatoria de folga. Aseguran que a participación este mércores foi do 26,7% "nunha convocatoria que non está apoiada por todos os sindicatos da Corporación".
Alegan ademais que 'O Termómetro' é unha coprodución da TVG con dúas empresas do sector audiovisual galego e "segue exactamente o mesmo esquema que se utiliza na actualidade en TVE e no resto de canles autonómicas".
Lembran tamén que o 100% do cadro de persoal da CRTVG será fixo a finais de 2024 a través dunha consolidación de emprego, "polo que este programa non ten ningunha afectación sobre o persoal".
Por último, e aínda que respectan as mobilizacións, lamentan que o sector sindical, "no canto de fomentar o emprego, presione sen ningunha base legal para provocar a cancelación dun programa e o consecuente despedimento dos traballadores das produtoras asociadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.