A Lei de recursos naturais quere promover o peche de ciclos produtivos en Galicia, asegura a Xunta

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu a postura da Xunta de facer compatible o aproveitamento dos recursos naturais e o respecto absoluto ao territorio e ao medio ambiente

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2024 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

Un dos obxectivos da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se aprobará a próxima semana no Pleno do Parlamento, é promover o peche dos ciclos produtivos na comunidade autónoma e xerar industria de transformación, segundo destacou este mércores a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

Así o manifestou na clausura do ciclo de xornadas Capacita 2024, organizadas polo Instituto Económico de Galicia (Igape), en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia, Nordés Club Empresarial e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e que, nesta última convocatoria, abordaron o tema: "Galicia con Sinerxía. Recursos naturais (pedra, madeira, cerámica). Economía circular. Moda".

Na súa intervención, Lorenzana ha explicaod que a Lei de Recursos Naturais busca "conciliar o aproveitamento dos recursos naturais con que eses beneficios vaian ás empresas" galegas e ás industrias galegas, "garantindo sempre o respecto ao territorio e potenciando o binomio entre a enerxía e a industria, que é fundamental para continuar avanzando".

"Temos unha vantaxe competitiva inmensa en Galicia e temos que ter estratexia, intelixencia, talento, e a colaboración suficiente para pensar a medio e a longo prazo que queremos facer en Galicia", apuntou para sinalar que "eses recursos naturais son unha das claves para que realmente Galicia poida despuntar neste momento económico tan complexo a nivel internacional pero tamén cheo de moitísimas oportunidades".

Lorenzana defendeu a postura da Xunta de facer compatible o aproveitamento dos recursos naturais -"e, por tanto, da xeración de riqueza, de economía, de industria en Galicia"-, e o respecto absoluto ao territorio e ao medio ambiente. "Isto é compatible, podémolo conseguir con sentido común, con rigorosidade e traballando con todo o tecido produtivo".

"Se conseguimos todo isto, conseguiremos crear un modelo de desenvolvemento sustentable que beneficie tanto ás empresas, como ao medio ambiente, como á nosa xente, e conseguiremos crear riqueza e benestar", dixo, para sinalar que "as sinerxías entre os distintos sectores son fundamentais para, aos poucos, impulsar unha transformación positiva na economía".

Nesta liña, en relación á temática das xornadas, a conselleira avogou por impulsar a economía circular en determinados sectores como o téxtil; en seguir promovendo a construción en madeira -co futuro mercado voluntario de créditos de carbono que incorpora a Lei de recursos naturais-; en avanzar no autoabastecimiento de minerais propios ou na implantación das enerxías renovables en todos os ámbitos.

Lorenzana concluíu destacando a importancia da formación e de atraer e afianzar talento nas empresas como fórmula para incrementar a súa competitividade. E, respecto diso, destacou os resultados do programa Capacita Directivos do Igape desde 2015, con máis de 90 actividades formativas programadas, máis de 19.000 participantes e un investimento que consegue os 1,5 Meuro.

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana. XUNTA
A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 José

María Jesus Lorenzana é fan acérrima de Chiquito de la Calzada

1 DGqj

José, imos xogar a un xogo. En vez de rirte de Lorenzana, ¿por qué non nos contas cál e o teu modelo para pechar os ciclos productivos do agro, a madeira, a minaria, a pesca e demáis en Galiza ?. Veña animate. Sé forte José, animate camarada !!! ;-) Unha aperta.