Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 06/06/2024 | Actualizada ás 20:24
O Partido Socialista pediu a dimisión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras coñecerse a sentenza do xulgado do social número 1 da cidade, que declara nulo o cesamento do interventor do Concello e considera "constitutiva de acoso laboral" a conduta do rexedor.
O Partido Socialista pediu a "dimisión inmediata", mentres que os outros dous partidos da corporación -Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego- cuestionan quen fará fronte á indemnización de 30.000 euros que debe pagar o concello ao interventor municipal, Gonzalo Alonso.
A sentenza recolle e tipifica unha conduta que para os membros do grupo municipal socialista "non resulta allea". A edil da formación, María Fernández, subliña que "o continuo abuso da súa posición con difamacións, calumnias e insultos que exceden con moito a crítica política" son "unha constante" no salón de plenos do concello.
O xuíz afirma no seu escrito que o rexedor "iniciou unha campaña de desprestixio" cara ao interventor municipal "sen outra finalidade que a de xustificar ante a opinión pública o futuro cesamento do seu posto" por "resultar un funcionario incómodo".
Ante estas afirmacións, así como ante o feito de que o apartase dos seus traballos a pesar de existir un informe o Ministerio de Facenda que se "opón radicalmente" a iso, os socialistas consideran que a dimisión do rexedor municipal debe "producirse inmediatamente".
"Esta non é a primeira denuncia á que se enfronta o alcalde e o concello, e reflicte ao longo das súas 18 páxinas a situación tóxica e de perigo para a saúde mental e laboral dos traballadores municipais, así como dos membros da corporación", reclaman os socialistas, que lembran que se trata da segunda sentenza deste estilo baixo o bastón de mando de Pérez Jácome, despois de que a xefa da policía local, María Barreira leva, ao xulgado por acoso laboral ao alcalde e tamén saíse indemnizada con 30.000 euros.
Precisamente sobre a indemnización fanse preguntas desde o PP e o BNG. Os populares rexeitan "todas as prácticas de acoso e fustrigación" aos traballadores municipais, coas que critican "o alcalde leva anos deteriorando o clima de traballo" do concello.
Á vez pregúntanse "quen pagará os 30.000 euros", se "van ser todos os cidadáns ou o alcalde que foi quen cometeu o acoso ao interventor, simplemente por realizar o seu traballo".
Pola súa banda, desde o BNG celebran que a nulidade do cesamento do interventor "confirme" que se trata dunha "persecución e caza de bruxas, contra todos aqueles funcionarios que simplemente fan o seu traballo, con obxectividade e rigor, pero non son dóciles aos intereses da alcaldía".
O Bloque considera que o sucedido "responde á incapacidade manifesta" do rexedor, ao que acusan de "buscar culpables ante a insustentable situación económica" na que "asumiu" ao concello.
Do mesmo xeito que os socialistas, pon o foco en que se trata da segunda sentenza que condena ao concello por acoso a unha indemnización de 30.000 euros "que sairá dos petos dos veciños", lamentan.
Ademais dos partidos políticos tamén reaccionou a sección sindical de Comisións Obreiras, solicitou a dimisión do alcalde "polo continuo ataque aos traballadores" do consistorio "con inxurias, mentiras, insultos e por último acoso laboral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.