Máis de 19.000 firmas avalan a ILP para protexer as actividades tradicionais de pesca e marisqueo

A iniciativa pretende protexer por lei a pesca de baixura, marisqueo e cultivo de mexillón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2024 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

Representantes das federacións de confrarías da Coruña e Pontevedra, así como patróns maiores dalgunhas das maiores confrarías da comunidade, agrupacións de mariscadoras e colectivos ecoloxistas e vinculados co mar acudiron na mañá deste martes ao Parlamento galego para rexistrar as máis de 19.900 firmas recollidas en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular que reclama o recoñecemento e protección das actividades tradicionais de pesca e marisqueo en Galicia.

A iniciativa pretende protexer por lei as actividades tradicionais de pesca de baixura, marisqueo e cultivo de mexillón, que son "o corazón" da estrutura "socioeconómica de toda a sociedade galega" e que teñen "unha importancia moi grande" no actual contexto socio-político, porque son "actividades sustentables, fijadoras de CO2 atmosférico e que garanten a soberanía alimentaria". Así o dixo o presidente da Plataforma de Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, que exerceu como portavoz dos diferentes colectivos que presentaron na Cámara galega as firmas recollidas.

Ademais do seu valor ecolóxico e estrutural, Rubido lembrou que "hai miles de familias que viven desas actividades" que, no actual contexto, "necesitan dun maior apoio, recoñecemento e impulso por parte da administración".

DE INTERESE XERAL

Por iso, reclaman que este tipo de actividades sexan declaradas "de interese xeral, dándolles un status xurídico equivalente ao que teñen as multinacionais mineiras ou as enerxéticas" e que se prioricen á hora da "ordenación do espazo marítimo de Galicia" fronte a "outro tipo de actividades que queiran ocupar o mesmo espazo" ou a actividades que teñan "efectos ambientais" nocivos.

"En suma, trátase de darlle un horizonte de futuro a todo o sector pesqueiro-marisqueiro de baixura e de mexillón, para que sigan sendo o cerne vertebrador da sociedade galega", dixo Rubido.

Bieito Rubido lembrou que actualmente hai "unha maior competencia polo espazo marítimo", con proxectos como a "acuicultura industrial", a minaría, a eólica mariña ou "empresas contaminantes como Altri". "Pretenden ocupar os bancos pesqueiros onde pesca a nosa xente", afeou.

Os feitos, para o colectivo responsable da ILP "falan do abandono das competencias administrativas que ten a Xunta no sector do mar de baixura" e en canto ao saneamento "das rías galegas". "Vimos denunciando desde hai máis de 10 anos que hai unha falta no saneamento integral das rías e no sistema de rexeneración dos bancos marisqueiros", dixo Rubido, que reclamou normativa legal que regule cuestións como o desembalse de auga, para que non poida facerse en períodos de baixamar, prexudicando o marisco cun incremento da mortaldade.

Máis de 19.000 firmas avalan a ILP para protexer as actividades tradicionais de pesca e marisqueo
Máis de 19.000 firmas avalan a ILP para protexer as actividades tradicionais de pesca e marisqueo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta