Coñecendo a verbena galega: Noly e Os Satélites apostan sempre por facer bailar

Leva uns 18 anos nesta formación i é unha das caras máis recoñecibles do panorama das orquestras, pero como é realmente? A que se dedicaría de non ser cantante?

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 22/06/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Si se pensa nunha orquestra das míticas, que puidese estar nos recordos de avós, pais e netos e se atope no máis alto da verbena actual... Os Satélites! E se un pensa nos Satélites, automaticamente se lle vén á cabeza o nome de Noly. Un cantante sen dúbida moi querido, así o demostra o clasificación do mes de maio de Orquestas de Galicia como único do Top 10 que continúa subindo. Coñecido como 'Noly', José Manuel Rodríguez González, conta como lle puxeron ese alcume: "É como se me coñece no mundo das orquestras, na primeira na que estiven, os meus compañeiros dician que José Manuel era moi longo, que Manolo soaba a persoa máis maior e Nolo non soaba de todo ben e puxéronme Noly, aló polo 1999". 

Noly, cantante de Los Satélites
Noly, cantante de Los Satélites

Estaba facendo o último ano de Electrónica Industrial, pero recoñece que sempre lle gustou á música e ía a clases particulares de solfeo. "Estaba cun rapaz en Carballo, que fora director da orquestra Trebol, e díxome que había unha formación que buscaba cantanate e se quería facer a proba", expón Noly que recorda que foi a finais de setembro e xa en outubro o chamaron da orquestra Los Príncipes para comezar así no mundo da verbena. Foi en 2007 cando chegou a Los Satélites, onde aínda sigue a día de hoxe, "xa perdeu a conta", pero ronda os 18 anos. 

Recoñece que se cadra a conta non é exacta porque pensa en tempadas coa orquestra e non en anos naturais, pero que leva moito tempo. E nunca pensou en probar outras opcións? "Sempre tes ofertas, pero non chegou unha que me convencese ou que me compensase. Estou nunha orquestra de renome, Os Satélites, teño traballo e seguridade, tampouco hai moito máis a onde ir, de aquí para arriba". Se ben é certo que, segundo destaca, pode ser que chegado a un punto da vida, un precise estar nalgo máis tranquilo sen deixar a verbena: "Estamos facendo unha media de entre 200 e 210 datas ao ano, pero eu, polo de agora, vou aguantando", expón en ton alegre. 

"A XENTE QUERE VOLVER BAILAR UN PASODOBRE, CUMBIA..."

Noly leva tempo observando á verbena desde o escenario e aprecia bastantes cambios co que se facía fai anos. "Lembro a verbena cando eu era un rapaz e ver as orquestras daquela non ten nada que ver co que se fai hoxe en día, evolucionou moitísimo". Comenta que nos inicios, Os Satélites tocaban sentados e había un cantante ou como moito dous, "estáticos" e onde predominaba a música instrumental. Os cambios chegaron e cada vez había máis cantantes, que comezaron a bailar, a ter un repertorio máis actual no que predomina a música latina. Sobre o seu público, ese que cada noite baila fronte ao escenario no que cantan Noly, Alejandra, María José e Arturo e tocan o resto de compoñentes, confesa: "Temos un público de antes, que se criou cos Satélites, e tamén moita xente moza que nos sigue". 

Neste sentido, avoga pola importancia da variedade no repertorio, máis aló dos estilos que se escoitan na radio ou nas redes sociais. Considera que nunha verbena de tres horas ten que dar tempo a tocar de todo e que cada vez é algo que se demanda máis e tamén se oferta. "Eu vexo que xente de 20 e pico ou 30, desfruta de bailar bachata, merengue ou dunha mexicana. Máis aló da música de actualidade, a xente quere volver bailar un pasodobre, cumbia...", comenta Noly, que ensalza da súa formación que fai música que incita a mover o esqueleto ou aínda que sexa os pés "coa copa na man". 

E que música escoita? De primeiras se cadra non lle pega moito ser fan do rock, aínda que recoñece que o escoita e que valora o que está feito. É fan declarado dos boleros e de "artistas latinoamericanos que aló triunfan e aquí nin se coñecen", como Juan Carlos Coronel. Así, máis aló do estilo musical, considera fundamental que o artista vaia acompañado dunha banda ou orquestra: "Se vén Marc Anthony con música gravada, non iría velo por moito que me gusten os seus temas". 

NOLY, MÁIS ALÓ DA MÚSICA

Se Noly non fose cantante de orquestra, expresa que se adaptaría ben porque xa fixo "moitas cousas", desde colocar fiestras, traballar na construción ou ser camionero. Iso si, ten claro que non vale para estar sentado nunha oficina ou nun traballo que lle implique parar quieto. "Eu preciso moverme", comenta. Naceu no rural, a súa nai era gandeira e o seu pai traballaba na construción e el foi facendo de todo. Con seis anos foron vivir para o concello de Tordoia e actualmente vive en Arteixo. "Non teño algo específico pensado para facer cando deixe a orquestra", recoñece. 

Sobre os ritmos e a conciliación traballando na verbena, incide en que practicamente traballan "todos os días en verán" e que xa non fan sesión vermú por ser "inviable". Hai días que se deita sobre as seis da mañá e que xa a unha ou dúas se ergue para ir coas fillas á praia ou por aí. Lembra que cando eran máis pequenas resultara moi duro compaxinar todo: "Cando naceu a segunda filla, unha tiña tres anos, a muller ía traballar e eu chegaba teño chegado ás seis da mañá, xa sentaba no sofá, agardaba a que espertasen, levaba a unha ao colexio e á outra a gardaría, durmía unhas tres horas e ía recollelas". Hoxe esas nenas, xa teñen 16 e 13 anos, polo que xa a cousa cambiou e para Noly o principal sempre era compartir con elas "o máximo de horas posibles". De feito, un dos seus soños por cumprir e que lle faría moita ilusión é gravar un par de cancións con elas, aínda que, comenta, vai estar difícil porque non sacaron esa vea do pai. 

Xa a mediados de xuño, cada vez son máis as festas que se anuncian e Noly e Os Satélites xa teñen o calendario de verán "practicamente todo cuberto". E non só este, para a tempada próxima tamén está case todo contratado e xa teñen "80 e algo días contratados par ao ano 2026". Así explica Noly este fenómeno: "Somos unha orquestra con bastante demanda e se tocas un fin de semana, cando acabas de tocar moitos xa te contratan para o ano que vén, sobre todo nesas comisións que sabes que seguirán para o próximo ano. Hai casos que xa pechan contrato a dous ou tres anos vista e xa xusto despois de actuar". 

E para rematar unhas preguntas de resposta breve e sinxela para Noly: Cal é a comida favorita? Que lugar recomendaría para comer ou cear? Unha viaxe soñada? Un pobo e unha cidade de Galicia? Unha prenda de roupa? Un soño por cumprir? As respostas xa no Instagram do Galicia Confidencial. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta