Unha manifestación percorrerá As Pontes este xoves para demandar garantías de emprego no desmantelamento da central

A protesta partirá ás 20.00 horas desde as inmediacións da praza do Carme.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 12/06/2024 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

Unha manifestación percorrerá as rúas das Pontes este xoves para demandar garantías de emprego para os traballadores das empresas auxiliares que participaron nas tarefas de predesmantelamento da central térmica de Endesa nesta localidade e que prosigan coa obra de desmonte do complexo.

A protesta, convocada polos sindicatos CIG, UGT e CC.OO., partirá ás 20.00 horas das inmediacións da praza do Carme das Pontes para reclamar concrecións sobre o proceso de desmantelamento da planta que deixou de operar definitivamente no outono de 2023. O sindicato CIG, a través dun comunicado, manifestou que a día de hoxe "non está garantida a continuidade no emprego de todo o persoal das auxiliares nin as condicións de traballo que se lles van a ofrecer" nos devanditos traballos.

Inciden desde a parte social que no encontro celebrado na tarde deste martes en Santiago, con presenza da Xunta, Concello das Pontes e Endesa, que estes últimos trasladaron que, no mellor dos casos, "ata dentro de dez días non decidirá a que empresa vaille a adxudicar as tarefas de desmantelamento". A CIG advirte que a licenza de obra "non está concedida", ao que hai que sumar "o tempo do proceso de selección, contratación do persoal e creación do novo centro de traballo", co que "pasarán meses ata que os traballadores das auxiliares se incorporen ás obras de desmantelamento".

FIN DE CONTRATOS

Segundo o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, "estes traballadores de auxiliares iranse ao paro o vindeiro venres", co que "se incumpre novamente o compromiso de continuidade do emprego e a promesa dunha transición xusta" e que "este proceso non se faría a conta das prestacións do paro do persoal".

O representante do sindicato nacionalista tamén incidiu en que nos últimos meses "ocultáronse as condicións nas que se contratou ao persoal, non se informou de cales eran as compañías subcontratadas" e que todo iso "se fixo co consentimento de Endesa, onde estas subcontratas non aplicaron o convenio do metal, como era preceptivo, e nin sequera se lle mantiveron as condicións previas ao persoal que viña das auxiliares".

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: Raúl Lomba - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta