Jose Manuel Rey: "Hai boa relación persoal coa oposición e iso axuda a que haxa máis colaboración que enfrontamento"

É a segunda vez que accede á alcaldía de Ferrol. A primeira vez, foi hai trece anos. Tiveron que pasar outros oito para que José Manuel Rey tente,novamente, meter a esta cidade na liga das grandes urbes galegas. Insiste no proxecto, pendente desde hai máis de 20 anos, de abrir Ferrol ao mar. "Vai ser moito máis que tirar o muro do Arsenal", apunta nesta entrevista.

Por Xurxo Salgado | Ferrol | 20/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

José Manuel Rei destaca que o proxecto de abrir Ferrol ao mar tamén contempla abrir unha praia urbana en Caranza e unha senda verde, peonil e ciclista, de 10 quilómetros ao longo da ría. Aposta claramente pola peonalización, a pesar das criticas que o seu partido fixo noutras cidades, e, avisa, "eu son moi consciente de que temos moito orzamento no 2023 e 2024 que non imos ser quen de executar este ano".

José Manuel Rey Varela
José Manuel Rey Varela | Fonte: Raquel Rodríguez

Destaca o "modelo Rueda" de goberno, tras os cambios na Xunta, e lembra que "é moi normal que cada presidente imprima a súa impronta na xestión". "Non é nin mellor, nin peor ao de Feijóo. É diferente", aclara.  

Lembro aínda aquilo de Opa Ferrol!. Foi o lema da túa campaña electoral. Ao final, Opa Ferrol foi, non?

Si, foi. Foi un sentimento ferrolá de que esta cidade paga a pena, ten futuro. O que eu pedía era que nos uniramos os ferroláns para superar bloques e enfrontamentos e conseguimolo e despois de conseguilo hai que pensar na responsabilidade de non errar coa xente que confiou nese cambio.

Levas un ano xa no cargo. Eu xa vin a Ferrol algunha vez máis estes últimos meses pero non noteu moito cambio con respecto ao goberno anterior. Cando veñen os cambios?

José Manuel Rey Varela con Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial, nunha entrevista
José Manuel Rey Varela con Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial, nunha entrevista | Fonte: Raquel Rodríguez

Hai algúns datos que demostran obxectivamente que está habendo unha recuperación que é produto do traballo dos ferroláns. O primeiro é que temos o primeiro dato positivo de poboación en 40 anos. O segundo é o incremento do emprego. Hai que ser realista. Os datos son moi tentativos e, polo tanto, o que temos que facer é traballar máis para consolidar esa recuperación. E logo hai un tema de sentimentos que me parece máis potente que os datos. Vexo que agora a xente fala mellor de Ferrol, que os propios ferroláns queren máis á súa cidade, que aquí se pode vivir e que os que marcharon están pensando en voltar. Todo esta combinación de datos e sentimentos é un bo punto de partida para ese cambio que, como dis, non se percibe. E, eu, con esa confianza tan grande que recibín creo que eses cambios teñen que verse máis. O primeiro ano tiñamos unha axenda de grandes proxectos pendentes que non podemos errar con eles nestes catro anos porque a xente xa está cansa. Estamos traballando para que se vexan.

E cales son eses proxectos?

Son catro proxectos clave. 

A ver se acerto; abrir Ferrol ao mar, reformular Sánchez Aguilera, impulsar a Cidade dos Deportes e peonalización?

E queda saneamento do rural

E a xente sabe isto?

Si. Estamos comunicando. E está ben que a xente saiba o que temos entre mans e participe. Creo que unha das nosas grandes riquezas é a patrimonial e, especialmente, a nosa ría.

Coincido, pero está moi abandonada...

Si, moito. Por iso imos facer un proxecto de rexeneración urbana que é moito máis que tirar o muro do Arsenal. 

Para min é máis tentador, porque xa se leva falando diso máis de 20 anos, o de tirar o muro, digo...

Si, xa sei que é máis tentador. E tes razón porque eu o vexo como dous mundos. Ferrol é a Armada e a Armada é Ferrol. E, ás veces, falando conseguimos máis que tendo plantexamentos sectarios. Chegamos a un acordo logo de moitos anos de mirarnos uns aos outros. Vai ser moi positivo. E vai máis alá do propio muro.

Pero, a ver,  José Manuel, cando imos derribar o ditoso muro?

Neste mandato.

Mira que eu vouche lembrar isto que dis porque levo escoitando iso mandato tras mandato...

Nós xa quitamos a licitación. Levamos falando tanto disto que...

E que eu xa lembro falar disto desde hai máis de 20 anos...

Certo. Por iso agora estamos coa adxudicación do proxecto neste primeiro ano e redacción no segundo ano. Nós marcamos un prazo de seis meses e vai ser participado para que tamén aporten Defensa, Patrimonio, Costas e o propio concello. 

"Abrir Ferrol ao mar  contempla o de abrir unha praia urbana en Caranza. E despois está o de conectar 10 quilómetros de senda verde, peonil e carril bici"

E valoranse iniciativas como as que xa se puxeron en marcha na Coruña, de utilizar algún edificio de Costas ou da Armada para actividades culturais?

Xa hai edificios dentro permeables. O que pasa que o muro foi sempre de dividir. Polo tanto, imos superar iso e abriremos máis espazos de mútuo acordo. En todo caso, as obras de abrir Ferrol ao mar están xa abertas no porto. E despois está o barrio de Esteiro e a implicación de Navantia, que é moi importante, e logo Caranza, que é un barrio moi grande. E que o proxecto de abrir Ferrol ao mar tamén contempla o de abrir unha praia urbana en Caranza. E despois está o de conectar 10 quilómetros de senda verde, peonil e carril bici.

E desde onde iría?

Desde Caranza ata a Graña. Percorre case toda a ría.

De aí o que dicías da importancia da ría, non?

Efectivamente. Sei que é moi interesante o do muro pero isto é un proxecto máis real e para a xente cun modelo de cidade máis verde, sostible e de cidade do século XX.

Si e ese é o modelo europeo de cidade, urbes máis verdes, con menos coches e máis peóns e bicicletas. De aí a importancia da peonalización. Pero o PP sempre foi contrario a facelo. Lembro os casos de Pontevedra ou Santiago, por exemplo

Aquí déronse casos xa nos últimos mandatos de gañar espazo público e nós imos continuar nesa senda de valorizar o espazo peonil que temos nestes momentos, e de estudar outras posibilidades. Pero o meu plantexamento nisto é que non hai que ter visións sesgadas porque peonalizar supón tamén ofertar mobilidade e estacionamentos. Polo tanto se nós plantexamos limitacións de mobilidade, ofertaremos aparcamentos. De feito temos un plan de estacionamento disuario.

E hai moitos problemas para aparcar aquí tamén?

Temos moito que mellorar. Nós aspiramos a gañar poboación e para gañar poboación hai que gañar servizos e a que veña máis xente de fóra. Polo tanto, plantexaremos esta cuestión desde unha óptica integradora sabendo que o futuro das cidades vai por aí.

Falando do centro da cidade. Falabamos hai un ano disto e segue igual, hai moitos comercios pechados, casas abandonadas. Aí tamén tes un traballo inxente para volver facer o centro de Ferrol unha zona atractiva

Nós fixemos dúas cousas o primeiro ano e temos moitas por facer. Unha foi a ordenanza de licencias. Nós queremos licencias en tres meses. Cremos que hai grandes oportunidades para rehabilitacións e isto non só ten que vir acompañado de axudas, senón axilidade na tramitación. Que iso non sexa unha traba. E, por iso, esa ordenanza tan novidosa que aprobamos. En segundo lugar, mandamos xa a licitación o plan de Ferrol Vello. En Ferrol Vello foi onde naceu a cidade e, polo tanto, precisamos un plan especial que facilite esa rehabilitación. E nisto temos un esforzo importante da Xunta co Rexurbe.

Falando dese Ferrol Vello, ese Ferrol que naceu na Ilustración cun planeamento milimétrico e cun patrimonio espectacular. Hai posibilidade de recuperar ese gran patrimonio histórico da cidade, mesmo ese patrimonio histórico militar?

Por suposto. Estes proxectos urbanístos para a rehabilitación buscan isto. Como diciamos antes Ferrol ten dous grandes atractivos, o patrimonial e o natural, que ten que ver coa ría. E por iso temos que facer política para a súa recuperación.

E fálame do rural, que é sempre algo que queda como nun limbo cando falamos das grandes cidades galegas. E Ferrol é moi rural...

Si, ten nada máis e nada menos que 15 parroquias. Por iso outro dos nosos proxectos é o saneamento, especialmente no rural. Houbo pequenos concellos do interior que xa o fixeron e aquí non se fixo. Non imos mirar para atrás.

Home, ti tamén foches a alcalde e xa podías telo feito antes...

Tamén, tamén

"Eu deixei o proxecto de saneamento feito e pasaron oito anos sen que se executara"

Ousexa que algo de responsabilidade tamén tes

Por suposto. Si, pero eu deixei o proxecto de saneamento feito e pasaron oito anos sen que se executara. En todo caso, non se trata de buscar responsables, senón resolvelo.

Entón iso vas completalo nestes tres anos que quedan, entendo

Temos xa un acordo con Augas de Galicia e estamos actualizando proxectos. Polo tanto, servizos, que é o que necesita o rural e, despois, actividades de dinamización nas que estamos traballando. Só por poñer dous exemplos; o campo de tiro de Doniños e o campo de tiro de Covas. Imos buscar proxectos tractores de posicionamento turístico da cidade.

Falabas de que comezaban a fluír proxectos na cidade. Aprobaches xa dous orzamentos...

Que son os mesmos que se aprobaran nos últimos dous anos e, en breve, aprobaremos o terceiro.

Normal, ti tes maioría absoluta e así é máis doado

Os orzamentos pódense aprobar sen maioría

Pero hai que ter vontade e apoios para que saian adiante...

Si, pero logo hai que facer que se aproben

En todo caso, ter orzamentos tampouco significa que se fagan as cousas

Tamén tes razón. E eu son moi consciente de que temos moito orzamento no 2023 e 2024 que non imos ser quen de executar este ano. E xo digo para adiante porque hai un proceso de maduración dos orzamentos. O que fixemos neses dous foi o principio de todo, blindar os fondos, para desenvolvelo ao longo do mandato, porque se non os tes blindados, non podes pedir financiamento externo, nin contratar proxectos. Temos orzamento aprobado que non imos poder executar. Pero, se todo vai ben, a gran execución orzamentaria será no ano tres e no ano catro do mandato. 

Aí vou. Cando acaben os catro anos de mandato, que queres ter feito nesta cidade?

Pois imos ter unha parte importante de abrir Ferrol ao mar lista.

E esa parte importante cal será?

Abrir a muralla, sen dúbida.

E, ademais, diso?

O carril bici e senda peonil tamén son proxectos estratéxicos. Tamén ter un bo número de instalacións deportivas renovadas e cando remate o mandato ter tamén ter completa a urbanización dos miles de metros cadrados de Sánchez Aguilera e tamén as primeiras conexións de saneamento no rural.

E por onde comezarás?

En fase un corresponde ás parroquias de Doniños-A Cabana, A Graña-Brión e a conca do río Sardiña. Augas arriba, augas abaixo, din os técnicos. 

Que tal te levas coa oposición?

Temos unha boa relación persoal e iso axuda a que a vida municipal sexa máis de colaboración que de enfrontamento permanente.

Preguntocho porque non se ve o mal ambiente ou "mal rollo" que hai noutros concellos, ou o que se mira no Congreso. É bo ter un ambiente político san, non cres?

Esta cidadade necesita moita responsabilidade de todos, igual que nós tamén temos que reflexionar se o estamos facendo ben para tentar implicar a todos os grupos. Supoño que esa reflexión tamén a fai a oposición. O que desexamos e construír esta cidade entre todos.

"Tampouco creo que favoreza nin a uns, nin aos outros entrar nunha guerra porque a xente o que quere é que se traballe"

Precisamente, é que en política hai que ser responsable, tanto se se está no goberno, como na oposición. Non cres que é lamentable o que pasa no Congreso?

Sen dúbida. A xente valora máis os acordos e non temos un calendario electoral ata dentro de tres anos. Tampouco creo que favoreza nin a uns, nin aos outros entrar nunha guerra porque a xente o que quere é que se traballe. Nós traballamos por Ferrol e ese é o obxectivo que nos marcamos. Unha maioría ten unha vantaxe porque unha minoría sobe a crispación. Con maioría tes garantido que sa aproben as cousas, pero tamén ten partes negativas como é que cando tes unha maioría non buscas suficientemente a implicación doutros. Hai que traballar nesa dicotomía.

Vexo que tes aí a pulseriña de Galicia Rueda. Segue rodando Galicia?

Pois si, efectivamente. Lémbrome da entrevista que tivera contigo hai un ano e xa che avanzara que Rueda ía ser un magnífico presidente. É unha persoa eficaz, unha persoa directa. Por iso Galicia, "Rueda" e Ferrol "Rueda" grazas ao apoio da Xunta de Galicia. Dos catro grandes proxectos, tres teñen financiamento da Xunta. 

Home, sodes da mesma cor política. Foches conselleiro tamén

E tamén hai que ir falar co presidente con proxectos e con corresponsabilidade. Non só para pedir, senón para ter solucións. E aí esta abrir Ferrol ao mar, cun financiamento de 50-50; Cidade do Deporte, 50-50 e saneamento do rural, 70-30. Non só se trata de pedir, senón de quitar cuestións adiante. 

Rueda acaba de ser elixido presidente hai uns meses e xa comezou a aplicar unha política diferente a de Feijóo. Como ves ese estilo Rueda de presidente?

Pois moi normal que cada presidente imprima a súa impronta na xestión. El ten toda a confianza do partido e dos galegos e, polo tanto, vivimos nun mundo no que o cambio é lei de vida.

"Estou seguro que os cambios --de Rueda na Xunta-- son bos para o funcionamento de Galicia"

E ese modelo é diferente ao de Feijóo, mellor, peor?

Son distintos. E por iso non quere dicir que un sexa mellor que o outro. Estou seguro que os cambios son bos para o funcionamento de Galicia. E cando Feijóo sexa presidente do Goberno de España fará cambios tamén sobre modelos que pensabamos que non se podían cambiar.

E o cambio de que Diego Calvo deixe de ser vicepresidente, como o ves?

Iso corresponde a unha configuración nova do goberno. E nas configuracións xerais do goberno a competencia exclusiva é do presidente. Escolleu un sistema no que só hai consellerías, que xa era un sistema que Feijóo tamén tivo implantado na primeira lexislatura. Hai que lembrar que Diego Calvo é presidente provincial e é o número un na candidatura do PP na provincia por primeira vez.

E como está a provincia para o PP?

Eu véxoa ben.

Digo porque dentro do escenario de votos acadados polo PP agardabase máis da provincia da Coruña

É a provincia máis grande en poboación, con tres áreas urbanas moi importantes. Temos que seguir traballando.

E tomar nota para as seguintes?

Seguir traballando.

Un último desexo. Que agardas de Ferrol para os últimos anos?

Eu o que espero é, sobre todo, que os ferroláns se sintan máis orgullosos da súa cidade e que esta cidade estea no lugar que lle corresponde entre as grandes cidades de Galicia e España.

José Manuel Rey Varela. PP
José Manuel Rey Varela. PP | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta