O xogo dos bolos celtas, unha práctica transmitida pola tradición oral

A partir do día 21 ata o 30 dispútase o Campionato Intercontinental, na comarca do Val Miñor.

Por Amanda Fernández | Lugo | 22/06/2024 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Escoitaches algunha vez falar de bolos celtas? Non é o mítico de xogar aos bolos nun centro comercial ao máis puro estilo americano, senón algo moito máis tradicional. Xógase cuns birlos ou bolos e unha bóla feitos en madeira e actualmente en Galicia consérvanse diferentes modalidades segundo á zona xeográfica. Historicamente, tal e como recolle a Federación Galega de Bolos Celtas, a orixe xogo dos bolos celtas non está clara. Dependendo do autor, procedería de Exipto, da antiga Grecia, do mundo romano ou de orixe celta, introducido neste caso polo norte de Europa. A última teoría que colle máis forza sobre como se introduciu é a que sinala aos peregrinos que chegan a Santiago, xa que en toda a ruta do Camiño xógase ou xogouse aos bolos con variantes, dependendo da zona xeográfica. Non existen documentos escritos sobre o xogo, a pesar de que a tradición oral certifica que as normas e regras de entón tiñan moitas similitudes coas de agora.

Así xogan aos bolos celtas en Os Anguieiros
Así xogan aos bolos celtas en Os Anguieiros | Fonte: Asociación Boca do Monte

Durante case todo o século XX, a práctica do bolo celta foise desenvolvendo en dous aspectos fundamentais, por un lado, como complemento festivo dos actos profanos nas festas de vilas e barrios e, por outro lado, como lugar de reunión nunha bolera á sombra dunha árbore na praza da vila na que se xogaba unha xarra de viño en cada partida. Esta modalidade practicábase en toda a rexión, pero con máis intensidade en comarcas do Val miñor (Baiona, Gondomar, Nigrán) e no baixo Miño (Tomiño, Oia). 

O xogo dos bolos forma parte do "patrimonio cultural inmaterial de Galicia", xa que se practica en toda a rexión, pero con variación no número de bolos segundo a zona. Responde a un legado transmitido secularmente por tradición oral, polo menos ata o século XX, coa fructificación dos regulamentos e as constitucións das federacións deportivas. A partir do 1990, tanto clubs como xogadores tiveron a opción de estar inscritos na Federación Galega de Bolos e na Secretaria Xeral para o deporte da Xunta de Galicia. 

ASÍ SE XOGA AOS BOLOS CELTA EN OS ANGUIEIROS

Este é un xogo popular tradicional, pero a cuestión é: como se xoga? Situámonos en Quiroga, concretamente en Os Anguieiros para obter unha resposta. Xosé Manuel Fernández é presidente da asociación sociocultural Boca do Monte, que fai por organizar xogos e por que non se perda. "Descubrin esta práctica a través do que ía contando a xente maior desta zona e logo xa fun consciente de que se espalla pola xeografía, especialmente na zona de Pontevedra, onde compiten ao estar na Federación", comenta.

Así xogan aos bolos celtas en Os Anguieiros
Así xogan aos bolos celtas en Os Anguieiros | Fonte: Asociación Boca do Monte

O xogo "sen entrar nas discusións do número de bolos", que é a principal diferenza entre as modalidades, nesta zona de Quiroga xógase con seis bolos e como di Xosé Manuel "chegan ben".  A xogada parte dunha rampa que se conforma cunha pedra, plana na súa forma, e que se coloca achantada na terra en forma de rampa, "co que por unha parte está tocando máis o chan e por outra máis ergueita" [ver infografía ao final]. Os seis birlos ou bolos caracterízanse por estar feitos en madeira de castiñeiro e incluso de oliveira, árbores autóctonas de Quiroga e arredores.´Teñen a súa vez unha pequena punta afiada duns 12 ou 14 centímetros e chántanse no extremo da rampa. Conta o presidente de Boca do Monte que antigamente para que se suxeitasen se lles poñía na base bosta de vaca e, como agora non hai vacas en os Anguieiros, optan por poñer lama.

E chega o momento de lanzar a bóla para que os bolos cheguen o máis lonxe posible, así o explica: "Collendo velocidade a un ou dous metros cunha bóla, o máis rendonda posible, non é unha esfera perfecta, intentar guindar os bolos. Require maña e forza, importantes para o lanzamento". Como particulariedade da forma de xogar desta zona é que non teñen foxo, como si ocorre en Nigrán ou Viana. Á hora de puntuar existen dúas raias de lanzamento desde a rampa: unha a dez metros e outra a outros dez, polo que hai raia de dez e raia de 20, marcadas con cal. "A primeira regra importante é que para que a xogada sexa válida a bóla ten que pasar da primeira raia dos dez metros, necesariamente, e despois de dar aos bolos", expón e así a xogada xa contabiliza: cada bolo que pase a raia de dez son dez puntos; da raia de 20, serían 20 puntos; e a bóla conta nove puntos. Co paso do tempo comentaban os máis maiores que habería que implementar unha segunda regra, denominada "o reboleo". A acción de "bolear" é tirar e isto implicaría unha segunda acción: "Se puntuaches tes a opción de tirar a bóla desde a raia de dez aos bolos dispostos na rampam no punto de saída. Á inversa, cada un que tires da rampa sería un punto máis. Súmanse á puntuación da xogada".

Así, os xogos pódense facer a un número de puntos ou por tiradas. Xoxé Manuel destaca que fan dúas primeiras rondas de tiradas, súmanse os puntos e os dez mellores clasificados xogan unha final e hai cinco premios en categoría masculina e feminina. "No último torneo xogaron 18 persoas, a xente vaise sumando porque é simpático e ten atractivo e curiosidade", sinala. 

ASÍ SE XOGA AOS BOLOS CELTAS NA ZONA DO VAL MIÑOR

Na zona do Val Miñor, os bolos celtas practícanse sobre unha superficie de terra ou xabre totalmente en forma de cono truncado. Na parte máis estreita do cono colócase a base ou lugar desde o que o xogador lanza a bóla sobre os bolos; a unha distancia de entre 5,30 e 5,80 colócase unha pedra dunhas dimensións de 1,20 m de ancho e unha lonxitude de 0,50 mts, con pequena inclinación para que os bolos sexan proxectados a unha maior distancia; a unha distancia de 21 metros colócase unha liña ou foxo perpendicular á pedra de colocación dos bolos que se chama raia de 10, e que fai que cada bolo que sobrepase a raia teña un valor de 10, o resto de bolos caídos suma 1 punto. 

Hai diferenzas en Galicia segundo á disposición dos bolos: en liña (Bolos Xove, Viana, Val Miñor, do Barbanza, Quiroga, Catro de Rei, Meira) ou en lousa (Bolo Canteiro, en Ferreira de Pantón, O Bolo, Dodro, Rosal, no Mosteiro en Santa María de Oia). Tamén segundo o número de bolos: na zona do Baixo Miño (en O Rosal con 13-9 bolos; en Oia con 5; en Tomiño con 5,7 e 18; en Gondomar, Baiona e Nigrán á modalidade de 18 bolos); na comarca de Vigo (con 9 bolos); na zona de Viana (6 bolos); zona de Terra de Caldelas (9 bolos); zona de Terra de Lemos, da Terra Chá e na Mariña lucense (con 9 bolos); zona de Quiroga (con 6 bolos); e zona da Barbanza (con 12 bolos en Boiro e na zona de Dodro con 9). 

No que hai unanimidade é nos beneficios da práctica deste xogo tradicional, tanto a nivel físico como a nivel social. "A nivel físico destaco a mañá á hora de tirar e a nivel social, o feito de preservar unha tradición que che contan os máis maiores. Estes queren lembrar, atrávense a probar ou simplemente observan, pero contribúe a que os veciños de diferentes aldeas se reúnan", apunta Xosé Manuel. Aló na zona de Os Anguieiros gusta e resulta "moi interxeracional", o máis novo que xogou tiña uns 14 anos e o máis maior andará preto dos 80 anos. 

E COMO SE COMPITE? ESTA FIN DE SEMANA CAMPIONATO INTERCONTINENTAL

Nesta zona de Quiroga fan por que se manteña esta disciplina e os campionatos celébranse coincidindo coas festas, xa que fóra diso non hai moita xente. "Por exemplo, pola Magdalena dos Anguieiros, o 21 de xullo convocamos unha competición, xa que antes se facía con máis regularidade, pero agora é máis puntual". 

Na provincia de Pontevedra, xógase unha liga rexional en tres categorías (primeira, segunda e terceira división) composta de 24 equipos, tamén se xogan os campionatos galegos senior, individuais e por parellas en primeira e segunda categoría; campionatos de categorías inferiores; campionato galego feminino; campionato galego de veteranos e superveteranos e campionato galego de parellas mixtas. Todos, agás o de categorías inferiores, son clasificatorios para os campionatos de España de cada unha das especialidades. 

Precisamente esta fin de semana, a Federación Galega de Bolos Celtas organiza o Campionato Intercontinental de Bolos Celtas, que terá lugar entre os días 21 e 30 de xuño, na comarca do Val Miñor. Os días 22 e 23 xogarase a primeira fase da competición na que participarán as seguintes seleccións: Selección Arxentina de Bolos; Selección de Bos Aires; Selección Uruguaia de Bolos; Selección Española de Bolos; Selección de Portugal; Selección Madrileña de Bolos; Selección Asturiana de Bolos; Selección Galega de Bolos; Selección de Coruña; Selección de Lugo; Selección de Ourense e Selección de Pontevedra, un total de 12 equipos e de 4 xogadores (48 xogadores) que competirán individualmente, por parellas e por equipos. 

O día 22 a partir das 10,00 horas, faranse as fases de clasificación para o día 23, a partir das 9,00 horas xogar as finais de cada unha das modalidades. Os días 29 e 30 continuarase ca competición en si, unha segunda parte do torneo, na que competirán ademais das seleccións anteriormente nomeadas, cluns de bolos celta de Galicia, Asturias e Madrid. As sedes nas que se desenvolverá a competición serán en terreos de xogo dos clubs de bolos de Baiona, Gondomar e Nigrán e ademáis nos campos federativos que a Federación posúe na casa de cultura de Camos (Nigrán) e en terreos aledaños a mesma (un total de oito terreos de xogo). Participarán nestes días 29 e 30, un total de 160 xogadores. 

Note Board
Infogram

Así xogan aos bolos celtas en Os Anguieiros
Así xogan aos bolos celtas en Os Anguieiros | Fonte: Asociación Boca do Monte
Así xogan aos bolos celtas en Os Anguieiros
Así xogan aos bolos celtas en Os Anguieiros | Fonte: Asociación Boca do Monte
O cartel
O cartel | Fonte: Federación Galega de Bolos Celtas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Debéranse chamar birlos, o de bolos foi unha castelanización. En Mañufe ainda se conserva unha pedra de birlos no adro da igrexa, malia as ameazas de excomuñón por practicalos. Por certo, a parroquia de Belesar (Baiona) é unha potencia mundial!