Pensionistas da CIG reclaman ante o Sergas unha atención sanitaria "digna, con orzamento e persoal suficiente"

"Para moitas persoas maiores, conseguir unha cita mediante unha chamada que é atendida por recoñecemento de voz, xa non digamos a través da app ou da páxina web do Sergas, supón unha dificultade engadida", lamentan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2024 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG concentrouse este xoves ante o Sergas para reclamar unha atención sanitaria "digna, con orzamento e persoal suficiente". Así, tal e como recollen nun comunicado, continuaron co seu calendario de mobilizacións para denunciar o "dificultoso camiño" dos maiores para ser atendidos na sanidade pública.

Concretamente, reclamaron á Xunta de Galicia "que consigne máis presupostos e persoal para garantir unha "atención integral, digna e áxil na sanidade pública galega". Remarcan que á deterioración na atención sanitaria hai que sumarlle outros "moitos obstáculos" como o acceso ao propio sistema. "Para moitas persoas maiores, conseguir unha cita mediante unha chamada que é atendida por recoñecemento de voz, xa non digamos a través da app ou da páxina web do Sergas, supón unha dificultade engadida", lamentan.

Censuran tamén a "terrible" situación da Atención Primaria, con listas de espera, ou os problemas para conseguir unha consulta nunha especialidade médica. Advirten de que cando unha persoa maior ten que esperar meses ou anos por unha proba ou por unha operación "non só empeora a súa situación de base, senón que ademais, deixa de ter unha existencia activa e normal, algo que en moitos casos acurta a esperanza de vida".

A este respecto, inciden en que as demoras e os problemas para recibir atención nos centros de saúde e PAC agravaranse durante o período estival "pola falta de profesionais" e critican que "a única solución proposta pola Consellería de Sanidade sexa sobrecargar de traballo ao pouco persoal que queda nos centros e acurtar a formación do persoal residente".

Pensionistas da CIG concéntranse ante o Sergas por unha sanidade 'digna'
Pensionistas da CIG concéntranse ante o Sergas por unha sanidade 'digna' | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta