Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/06/2024 | Actualizada ás 16:07
O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), dependente do Ministerio de Sanidade, ve previsible un aumento da probabilidade de exposición da poboación residente en España ao virus do sarampión nestes momentos, debido ao incremento de casos que está a ter lugar a nivel mundial, aínda que considera que o contaxio é baixo grazas ás altas coberturas de vacinación.
En 2023 notificáronse 14 casos confirmados, 7 deles importados. En 2024, en España, segundo os últimos datos publicados pola Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica, notificáronse 249 casos sospeitosos, dos que 123 están confirmados por laboratorio, o que supón un crecemento do 778% con respecto ao ano anterior.
Ademais, identificáronse máis de 20 brotes cun número limitado de casos; e observouse transmisión no ámbito sanitario, identificándose as salas de espera, zonas de atención de urxencias e zonas de hospitalización como áreas nas que se produciu transmisión.
Nalgunhas comunidades autónomas está a ocorrer transmisión en grupos de poboación non vacinada, fundamentalmente procedentes doutros países onde actualmente hai altos niveis de transmisión; a transmisión está especialmente relacionada con traballadores do sector agrícola que se desprazan entre comunidades autónomas.
Nisto casos, incide en que existe a posibilidade de transmisión en grupos de poboación susceptibles nos que non se alcanzaron as coberturas de vacinación adecuadas nin pasasen a enfermidade con anterioridade. Neste sentido, mentres se manteña a situación de alta incidencia nalgúns países da nosa contorna, é esperable que continúen aparecendo casos e brotes en poboación que non presenta inmunidade fronte á enfermidade.
No contexto actual, "é fundamental manter altas capacidades de detección de casos e implementación de medidas de saúde pública de forma precoz no noso territorio". E, por tanto, "débense facer esforzos en conseguir e manter elevadas coberturas de vacinación en todas as comunidades e cidades autónomas".
Desde finais do ano 2022, detectouse un aumento no número de casos e brotes de sarampión a nivel mundial que continuou o seu ascenso durante 2023 e 2024. Na Unión Europea, comunicáronse máis de 10.000 casos de sarampión nos últimos meses. Romanía é o país máis afectado co 80% dos casos. España atópase en situación de eliminación de sarampión desde 2016 e conta cunha cobertura media de vacinación superior ao 90% con 2 dose e ao 95% con 1 dose.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.