Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/11/2015 | Actualizada ás 10:00
O ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, acendeu unha mecha que vai ser difícil de apagar. A mecha dunha bomba que vai descargando metralla ós poucos en forma de críticas veladas a José Ramón Besteiro. Sen embargo, o actual secretario xeral conta con sólidos apoios que, este xoves, non dubidaron en saír na súa defensa.
Escollía Pachi Vázquez os medios públicos galegos, eses que día si e día tamén son utilizados polo Goberno do PP para atacar á oposición, para descargar a súa artillería contra Besteiro reclamando que non se presente como candidato á Xunta pola súa imputación no caso Garañón.
Pero non tardaron nin un día outros dirixentes do partido en responderlle ao díscolo presidente provincial do PSOE de Ourense; entre eles, dous presidentes de deputacións, o presidente da Fegamp ou a alcaldesa de Lugo. O presidente da Fegamp, Alfredo García, non dubidou en cualificar a Besteiro como o "candidato idóneo" á presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas que se celebran en 2016. “O caso da urbanización do Garañón vai quedar en nada”, dixo.
Tamén o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, dixo que o ve como candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG e considerou que é un erro que haxa loitas internas en lugar de preocuparse "polos problemas da xente". "Confío en que vai ser o candidato; á xente dóelle ver as loitas dos políticos cando os problemas da xente son outros; preocuparnos dos problemas da xente e non mirarnos tanto ao embigo", recomendou.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, describiu ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como unha persoa "que reúne unhas condicións que o fan un gran candidato á Xunta de Galicia". "Eu sígome reafirmando no que teño dito noutras ocasións, que é que Besteiro é o mellor candidato que temos a día de hoxe para a Xunta de Galicia", incidiu.
Unha opinión semellante á do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, quen aseverou que "o 95%" dos socialistas da provincia de Lugo "apoian" a Besteiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.