Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2024 | Actualizada ás 16:21
A Xunta ten previsto realizar este martes e mércores, días 25 e 26 de xuño, unha activación de proba das sereas de aviso á poboación adscritas a 39 presas con Plan de Emerxencia. Así, durante a proba sonora activaranse máis dun centenar de sirenas situadas por todo o territorio coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alúmina, Emalcsa, Endesa, Iberdrola, PHG, Naturgy, Xeal e Augas de Galicia.
Tamén participará persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, así como membros de Protección Civil dos concellos afectados, xunto con persoal da Confederación Hidrográfica Miño Sil. Ademais, activaranse as catro sereas adscritas ao plan de emerxencia exterior da balsa de lodos vermellos, situada no municipio lucense de Xove.
O primeiro sinal de aviso audible será a partir das 09.00 horas do día 25 augas abaixo da presa de Belesar, nos concellos de Chantada, O Saviñao, Carballedo e Pantón. A partir desa hora as probas desenvolveranse ata as 16.30 horas, finalizando na presa do Con, en Vilagarcía de Arousa. Ao día seguinte, o mércores 26, retomaranse as probas ás 09.00 horas na presa de Vilagudín, en Tordoia, e finalizarán ás 13.00 horas na de Velle, en Ourense.
Estas probas non afectarán á actividade diaria da veciñanza. En calquera caso, a poboación dos lugares nos que o aviso será audible será informada da proba e das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.