O Goberno de Santiago apela á "responsabilidade" na votación das VUT: "O PSOE ten toda a documentación"

"Nunca tivemos problema en manter un diálogo fluído, pero é a propia organización do PSOE quen ten que decidir quen son as interlocutoras", aseverou Míriam Louzao despois de que o secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, avanzase que a postura da dirección local do partido pasa pola abstención.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2024 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A portavoz municipal do Goberno local de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, volveu a apelar á "responsabilidade" na votación da ordenanza das vivendas de uso turístico (VUT), que se debaterá no pleno extraordinario convocado para a tarde deste luns, e asegurou que o PSOE ten "toda a documentación" sobre este asunto. A preguntas dos medios nunha rolda de prensa, Louzao insistiu en que o Executivo local non entra "en cuestións internas" doutras organizacións políticas e en que "sempre" foron "respectuosos coas persoas que foron elixidas pola cidadanía".

"Nunca tivemos problema en manter un diálogo fluído, pero é a propia organización do PSOE quen ten que decidir quen son as interlocutoras", aseverou despois de que o pasado venres o secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, avanzase que a postura da dirección local do partido respecto deste tema pasa pola abstención, mentres fontes consultadas por Europa Press explican que algúns membros do grupo municipal son partidarios de non impedir que saia adiante esta ordenanza.

Así, a edil nacionalista apelou á "responsabilidade", destacando que con esta ordenanza péchase "un proceso que se iniciou en anteriores mandatos" e que agora non poden "parar" co obxectivo de "protexer o uso residencial das vivendas". Aínda que pediu "non adiantar acontecementos, Míriam Louzao mostrouse "segura" de que no pleno desta tarde "vai haber responsabilidade por parte de todo o mundo".

Sobre o "diálogo" cos socialistas, a portavoz municipal sinalou que entende que debe ser "cos representantes da corporación que elixiron os veciños", pero defendeu que "nunca" tiveron "problema" en falar "cunha persoa que o PSdeG decida que é a interlocutora". "Por nós nunca vai quedar algo sen levar a cabo por non dialogar. Entenderedes que non podemos interceder en cuestións internas de organizacións políticas. Esperemos que o solucionen da mellor forma posible porque será bo para Compostela", resolveu.

Xunta de Goberno local de Santiago
Xunta de Goberno local de Santiago | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO

PONTÓN PIDE AO PSOE PÓR SANTIAGO POR ENRIBA DE "INTERESES PARTIDISTAS"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou ao Partido Socialista a pór á "cidade" e aos veciños de Santiago por encima dos seus "intereses partidistas" e aprobar a ordenanza sobre a comunicación das vivendas de uso turístico (VUT). Preguntada respecto diso nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega, a líder do Bloque considerou que se trata dunha ordenanza "positiva" para a cidade e incidiu en que Santiago de Compostela "debe de estar por diante de calquera outra cuestión ou de calquera outro interese partidista". "Por tanto, pido que esa ordenanza se poida aprobar porque vai permitir empezar a dar solucións a un problema tan grave como é o da vivenda", dixo Pontón que insistiu en que a "cidadanía" e o dereito á vivenda debe estar "por encima de calquera cuestión partidista".

BESTEIRO ELUDE RESPONSABILIDADES NA POSTURA DO PSOE LOCAL

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, eludiu responsabilidades na postura do PSOE local de Santiago sobre a ordenanza de comunicación das vivendas turísticas ao considerar que é un asunto do ámbito municipal e provincial. Preguntado respecto diso nun acto en Ourense, Besteiro reduciu a importancia da medida que se vai a someter a votación ao asegurar que se limita a unha "cuestión de comunicación previa" deste tipo de vivendas. "Non creo que sexa moi relevante nese sentido", dixo para lembrar as medidas postas en marcha polo PSOE local durante a súa etapa no goberno para regular estas infraestruturas.

"Haberá que preguntar na agrupación local, no goberno municipal e sobre todo no ámbito provincial da Coruña", respondeu Besteiro apuntando que "en todo caso, parece evidente que o que hoxe se vota é unha cuestión dunha comunicación previa" que cre que "non será moi relevante". Neste sentido, lembrou que a súa formación prohibiu as vivendas turísticas no centro histórico de Santiago de Compostela coa aprobación do Plan Xeral no ano 2023 e destacou que a súa formación "limitou dunha forma moi restrinxida" o seu uso fóra desa zona. "O que van votar hoxe creo que é en relación a unha cuestión previa, así que supoño que se aclarará máis no ámbito municipal", insistiu Besteiro.

OBRAS POMBAL

Por outra banda, cuestionada sobre as críticas dalgúns veciños da rúa do Pombal polas obras de reurbanización que comezan esta semana, Louzao dixo entender que cando hai obras "sempre hai molestias", pero defendeu que se trata dunha obra "moi demandada polos veciños" e "moi necesaria". "Dentro diso, o que pedimos aos veciños é paciencia e desculpas polas molestias", manifestou antes de insistir en que son os técnicos os que definen a forma máis adecuada de levar a cabo as obras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta