Protesta nun supermercado de Santiago para que se retiren ofertas de leite a 73 céntimos

Unións Agrarias (UU.AA.) realizou unha acción protesta despois de que os produtores encadeen xa 14 meses de baixadas do prezo, cun recorte do 30 %.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2024 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

Unións Agrarias (UU.AA.) realizou unha acción protesta nun supermercado de Santiago, situado en Volta do Castro, para que retiren ofertas reclamo de leite a 73 céntimos o litro. Segundo informou este luns o secretario de Acción Sindical de Unións Agrarias (UU.AA.), Félix Porto, con este acto reivindicativo conseguiuse "retirar a oferta", polo que agora estarán vixiantes para que no resto de supermercados da cadea Lidl quiten o leite a este prezo (unha oferta que prevía levar a cabo do 24 ao 30 de xuño). Avisa de que, de ser necesario, continuarán con estas actuacións para "sinalar" aos que "utilizan este tipo de prácticas".

"Non imos permitir, baixo ningún concepto, que se volva a utilizar o leite como produto reclamo", deixa claro Porto, nun "momento sensible" no que se encadean 14 meses de baixadas do prezo que se paga aos produtores galegos, que sufriron un recorte do 30 %. Actualmente, as explotacións galegas cobran de media 46 céntimos e prevese un novo recorte de dous céntimos na renovación de contratos en agosto. Así, sofren os prezos máis baixos do país, uns dous céntimos menos que a media e sete menos que a veciña Asturias. "Dificilmente se podese explicar, salvo que haxa unha política de incrementar os resultados das industrias a conta de sempre os mesmos, que son os produtores galegos", agrega Porto.

Alerta de que Galicia sufriu no último ano unha perda de 350 explotacións lácteas, de modo que tan só quedan ao redor de 5.500. "Este tipo de prácticas fai que se acelere ese ritmo de desaparición de explotacións", expón. Por todo iso, Unións Agrarias avisa de que van "loitar por todos os medios" por que "se elimine definitivamente" esta loita entre a distribución con ofertas reclamo de leite. E é que Porto sostén que "só é explicable que se poida comercializar leite" a 73 céntimos por litro "se se extorsiona á industria para que baixe os prezos, porque están a vender a perdas". "É imposible que se comercialice leite a este prezo e que se gañe diñeiro", apostila.

Protesta de Unións Agrarias nun supermercado de Santiago
Protesta de Unións Agrarias nun supermercado de Santiago | Fonte: UNIÓNS AGRARIAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta