Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/06/2024 | Actualizada ás 10:07
Un tráiler ardeu na noite do luns na A-52, ao seu paso polo concello ourensán de Cenlle, sen que houbese que lamentar ningún dano persoal. Ocorreu sobre as 21:00 horas no punto quilométrico da citada autovía en sentido Benavente (León). O vehículo articulado, composto por un camión e un semirremolque, transportaba pezas de automoción para Zaragoza.
Segundo informa a Garda Civil, o lume iniciouse na parte do motor e propagouse a ambas as partes do tráiler, para posteriormente alcanzar a vexetación do noiro. Ademais, o combustible fluíu cara ás canaletas das augas pluviais e, tras incendiarse, contribuíu a estender o lume. Ao lugar acudiron tres patrullas do destacamento de Ourense da Garda Civil, os bombeiros e o servizo de mantemento da estrada. Non fixo falta cortar o tráfico na A-52, xa que nese punto existen tres carrís para circular.
De acordo con datos do 112 Galicia, si necesitou asistencia médica un bombeiro do parque comarcal do Carballiño despois de que el mesmo chamase por un posible golpe de calor. Así, os profesionais de Urxencias Sanitarias-061 ocupáronse de evacuar ao traballador ferido ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Mentres, o operativo de apagar o lume continuou os membros do GES de Ribadavia. O incendio foi "complexo por momentos", tal e como indica o 112, porque se chegou a propagar a unha zona de monte, o que obrigou a intervir a equipos dos distritos forestais máis próximos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.