Couto Mixto, unha república rescatada

Efectivamente, tal como afirmamos no enunciado desta colaboración, aquela institución xurídica e territorial, que elixía os seus cargos representativos por sufraxio universal en tempos de monarquías absolutas, semellaba ser unha lenda. Coa decida intervención duns amigos evitamos que o que podería derivar nun conto da tradición oral é hoxe unha páxina histórica na súa acepción canónica.

Por Xosé Glez. | Vigo | 28/06/2024

Comparte esta noticia
O rescate e actualización da historia daquel territorio arraiano ten a súa intrahistoria que con brevidade relato. Un bo día, e disto xa van aló 27 anos, Luís M.García Mañá ofrecéume facer unha viaxe á fronteira da Baixa Limia. Quería que coñecese un territorio do que apenas había referencias escritas na historia de Galicia. “Este é o Couto Mixto, unha Andorra galega”, díxome, nada máis botarmos os pés fóra do coche. Percorrimos algúns camiños no que  albisquei o rastro escuro daquela historia. Cando rematamos a andaina levoume a xantar a Allaríz. Como observaba que eu apenas falara, quixo saber o meu parecer: que podemos facer por este patrimonio?
 
Lembro que nunha servilleta de papel describín un plan para afrontar unha tarefa difícil pero engaiolante. Sempre me gustaron (aínda hoxe) os retos difíciles. En primeiro lugar, díxen, temos que publicar a historia do Couto Mixto, tarefa ímproba que asumíu García Mañá, e crear unha asociación de amigos do CM. Semanas despois, nun autobús de estrea, recén carrozado, que levaba o nome de Luís Seoane, cedido polo gran amigo que foi Ramón Castromil, propietario da empresa homónima de transporte público, metimos a bordo a trinta persoas de  profesións diversas (sempre tiven a vocación de redeiro para facer boas mareas). Chegados á casa abandoada que fora de  Delfín Modesto Brandón,o derradeiro Xuíz daquel Estado abolido en 1864, baixamos para fotografarnos no patín e escaleiras.
 
Pouco tempos despois, na reitoral de Randín constituimos a Asociación de Amigos do Couto Mixto. En colaboración coas Universidades de Vigo e Alto Minho celebramos un curso de verán que se desenvolveu en Chaves e Celanova; queda constancia  del nunha placa colocada na fachada da igrexa de Santiago de Rubiás. Decidimos institucionalizar unha data para celebrarmos anualmente o rescate da memoria do Couto Mixto, poñendo en valor os Homes de Acordo, que asesoraban ao Xuíz, e, desde entón concedémoslles as honras de Xuíces e Xuízas Honorarias a tres persoas recoñecéndolles o traballo que fan polas relacións transfronteirizas. A falta de fotografía  de Delfín Modesto Brandón, idealizamos a súa imaxe perpetuándoa nunha estatua en bronce realizada polo escultor José Molares, que preside o adro onde se celebraban as xuntanzas de goberno. Fixemos xestión coa Consellería de Cultura para rescatar os gravados do século XVII, que estaban baixo unha capa de cal na sancristia. Nese traballo de posta en valor daquel territorio recuperamos tamén o histórico Camiño Privilexiado que une Santiago de Rubiás e a freguesía de Tourém.
 
Dar a coñecer a memoria do Couto Mixto foi unha tarefa incesante. Solicitamos o seu recoñecemento dos parlamentos de Galicia, Catalunya, de Europa  e Portugal. As Cortes Españolas, Congreso e Senado, tamén foron receptoras destas iniciativas de noso.
 
Capítulo aparte foi a presentación de relatorios en congresos internacionais e a través de colaboracións periodísticas publicadas por amigos e amigas nos medios de comunicación de aquén alén da fronteira. Pero, sobre todo, con documentais realizados por cadeas de moitas televisións que atoparon no Couto Mixto unha fonte de inspiración para divulgar tal engaiolante realidade rescatada da brétema dos tempos. Non descoidamos ningún aspecto constitutivo daquela singular república. O médico e poeta Armando González escribíu un texto para  un fermoso Himno que foi gravado e divulgado pola voz galaicoportuguesa da cantautora María do Ceo.
 
O próximo día sábado, día 6 de xullo, ás 12:00 horas, celebraremos o acto de investidura de dous novos Xuíces Honorarios e unha Xuiza. Os homes son Felipe Lubián Lubián, alcalde do municipio irredento de Lubián, que aínda pertencendo inxustamente a Zamora, é galego por xeografía  e cultura. A lingua galega está presente na vida cotiá da veciñanza e nas actividades municipais; e   un artesán daquelas terras, don Celso Ferreira Fernández. A nova Xuiza Honoraria nomeada será dona Helena Pousa, veciña de Goián, cun abondoso curriculo de estudos sobre a memoria histórica e  cultural da raia miñota.
 
Amigos e amigas lectoras, a presenza de vostedes no acto anunciado servirá para recuperarmos a memoria do patrimonio común da vella Gallaecia.
 

Couto Mixto
Couto Mixto | Fonte: vortegmax.net
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA