O Perte Agro 2, dotado con 300 millóns de euros, facilitará o acceso ao financiamento das pemes

Galicia foi a terceira comunidade autónoma con maior volume de subvencións recibidas no marco do Perte Agro, cun total de 16 empresas beneficiarias e unha partida acumulada de máis de 14 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 25/06/2024 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, aproveitou a súa visita este martes ás instalacións do Grupo Lence en Lugo para anunciar a inminente convocatoria do Perte Agro 2, o segundo proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica do sector Agroalimentario dotado con "300 millóns de euros" e que facilitará, como principal novidade, o acceso ao financiamento das pequenas e medianas empresas.

Blanco, que visitou as instalacións da empresa do sector lácteo no polígono industrial do Ceao en compañía da presidenta da compañía, Carmen Lence, e da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, trasladou durante a súa intervención ante os medios o "apoio decidido" do Executivo central ao sector primario e subliñou a aposta do Goberno pola "reindustrialización do país" reflectida, dixo, na convocatoria do novo Perte.

"Proximamente vai saír un segundo Perte agroalimentario dotado con 300 millóns de euros que están destinados a que as empresas sigan fortalecéndose, sigan dixitalizándose e sigan actualizándose para seguir sendo punteiras", explicou Pedro Blanco, para acto seguido adiantar que o novo Perte estará "directamente dirixido ás empresas". E é que unha das principais novidades da nova convocatoria é a flexibilización dos criterios para facilitar o acceso ás axudas e ao financiamento dun maior número de pequenas e medianas empresas.

O delegado do Goberno en Galicia, que puxo ao Grupo Lence (beneficiario de 9,7 millóns de euros da primeira convocatoria do Perte agroalimentario) como exemplo da "aposta do Goberno polo sector lácteo galego", destacou tamén que Galicia foi a terceira comunidade autónoma con maior volume de subvencións recibidas no marco do Perte Agro, cun total de 16 empresas beneficiarias e unha partida acumulada de "máis de 14 millóns de euros".

O PREZO DO LEITE

Tras as palabras do delegado do Goberno e da alcaldesa de Lugo, que destacou a importancia de empresas como Grupo Lence á hora de "fixar poboación na cidade", tomou a palabra a presidenta da compañía, Carmen Lence, que tachou de "irresponsabilidade" a baixada do prezo do leite efectuado esta mesma semana por parte dalgunhas cadeas de distribución.

"Non me parece que sexa o momento para baixar o prezo do leite. A xente ten que entender que detrás do prezo do leite hai unha chea de familias, co cal me parece que é unha irresponsabilidade", manifestou, para acto seguido garantir, en relación á renovación dos contratos lácteos que Leche Río pagará o produto "por encima da media de Galicia". "Faremos o que facemos sempre, pornos por encima da media de Galicia para seguir mantendo o valor", asegurou. Finalmente, Carmen Lence resaltou o papel das axudas dos pertes agroalimentarios para contribuír ao crecemento das empresas máis pequenas e "fortalecer" así o "tecido empresarial para que os nosos fillos", dixo, "non teñan que marcharse a traballar a outro sitio".

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nun momento da súa visita este martes ás instalacións do Grupo Lence, no polígono industrial do Ceao. En Lugo, a 25 de xuño de 2024
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nun momento da súa visita este martes ás instalacións do Grupo Lence, no polígono industrial do Ceao. En Lugo, a 25 de xuño de 2024 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta