A necesidade de volver ás esencias de Pablo Iglesias: "Os socialistas non morren; os socialistas seméntanse"

O PSdeG vive unha longa crise interna que ameaza con desestabilizar o novo proxecto de Besteiro. Os problemas, lonxe de pecharse, aumentan, e as novas batallas abertas en Santiago ou Ourense acreditan a necesidade de unidade e acción.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Nós estamos dispostos a vencer -enténdese?-, non a defendernos. A matar e a deixarnos matar. A todo". Que actual é a cita de Pablo Iglesias, o fundador, o número cero, o ideólogo do socialismo moderno en España. Pero, neste caso, a cita non está aplicada á Igrexa, ao exército ou a burguesía, os seus tradicionais inimigos, senón ao seu propio partido. Un partido que, como os carunchos, leva meses comendose por dentro. 

Xuventudes Socialistas de Galicia, con Aitor Bouza no centro.
Xuventudes Socialistas de Galicia, con Aitor Bouza no centro.

"Temos un partido fallido, sen disciplina, sen poder orgánico efectivo", di un veterano socialista consultado por Galicia Confidencial sobre o que está acontecendo no PSOE galego. E non só polo que acontece en Santiago, senón noutras agrupacións locais e mesmo provinciais, como a de Ourense. E, o problema, no que coinciden distintas voces, non é só da actual dirección do PSdeG, con José Ramón Besteiro á fronte, senón as feridas abertas e supurantes que deixaron os distintos secretarios xerais que pasaron por el desde a marcha de Emilio Pérez Touriño.

De feito, non hai militante ou dirixente que vivira aquela época que non se refira a ela como o momento de "gloria" do PSdeG en Galicia.  "Desde entón, todo foi a peor. Divisións, enfrontamentos persoais, loitas enconadas entre dirixentes, cotas de poder e frustracións", asegura un ex alto cargo da época de Touriño consultado que leva xa anos vendo a política desde unha fiestra secundaria.

Pero non é a opinión dos "vellos". Os "novos", entendendo a este grupo polos que hoxe andan na corentena, opina o mesmo. Estes "novos" son os últimos dunha fornada que hai tempo que non ten relevo xeracional. Algo que si teñen no PPdeG e no BNG. "Quedamos aí, parados no tempo, sen ideas, sen proxecto, sen saber como atraer á mocidade", indica un militante que anda na corentena e que ocupou cargos orgánicos do PSdeG e que agora prefire centrarse no seu traballo.

O "SURESNES" QUE NON CHEGA

Tras o fracaso electoral do PSdeG nas pasadas eleccións galegas foron moitos os militantes que pediron unha refundación, un "Suresnes" á galega. Non estaban contentos coa época de Gonzalo Caballero, nin coa de Valentín González. E chegou José Ramón Besteiro. Pero a súa chegada, lonxe de calmar a situación, semella que a ten encerellado aínda máis. De feito, tras a súa proclamación como secretario xeral do PSdeG, creceronlle os ananos no partido. Fondos cambios no concello da Coruña, graves problemas en Ourense coa política de pactos e negociacións e, agora, o cisma do PSdeG en Santiago. 

Pablo Iglesias, fundador do PSOE
Pablo Iglesias, fundador do PSOE | Fonte: arquivo

"Son problemas herdados, veñen de lonxe", xustifican fontes afíns a Besteiro. As cousas, din, non se poden cambiar en cinco meses. Queren e piden tempo para amañar unha desfeita de proporcións bíblicas. Pero, precisamente, tempo é o que lle falta a este PSdeG. A dirección galega decidiu abrir expediente aos concelleiros que asinaron un pacto co PP no Carballiño, pero deixou en mans na dirección provincial da Coruña a resolución do expediente aberto, agora, aos edís de Santiago de Compostela que apoiaron a iniciativa de BNG e Compostela Aberta de regular as vivendas de uso turístico.

"Se queres atallar un problema hai que coller o touro polos cornos. Para iso está un secretario de Organización, para resolver os problemas. Besteiro non está para iso, claro que non, pero ten que ter a xente no seu equipo que o faga e, agora, iso non está pasando. Non pode ser que nun sitio se meta a dirección nacional galega e noutra a provincial. Hai que actuar en todos os sitios igual", apuntan fontes consultadas. 

Polo momento, tanto a crise do Carballiño --onde o PSdeG goberna--, como a de Santiago, teñen difícil solución. "Ao final abriranse expedientes pero todo quedará en tirón de orellas e negociacións para tentar encamiñar a situación", apuntan este mesmo ex dirixente socialista. O que si quedou xa moi tocado, senón afundido, é ao secretario local do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza. E niso coinciden distintas fontes consultadas. 

O ÓRDAGO A PEITO DESCUBERTO DE AITOR BOUZA

"Perdeu estrepitosamente o órdago que lle lanzou a Mercedes e ao grupo municipal. E agora o único camiño digno que lle quedaría sería a dimisión", apunta o militante corentón. "O que non se pode é meter con calzador a un chaval, que ademais é de Ferrol e non coñece nada do que pasa aquí, a dirixir o partido en Santiago. Iso foi un grave erro", di un veterano político e ex concelleiro socialista en Santiago. 

De feito, o ultimatum de Bouza conseguiu unir aos dous sectores enfrontados do grupo municipal socialista, o de Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños. Os dous, xunto co resto dos concelleiros, decidiron votar a favor da normativa parar regular as VUT, a pesar das ordes en contra lanzadas polo secretario local. "E isto é moi significativo. Significa claramente que Aitor perdeu o órdago porque conseguiu que todos so sectores se uniran contra el", apunta a fonte consultada. Sectores entre os que están afíns a Caballero, afíns a Pepe Bugallo e, mesmo algún, pro dirección galega.

Polo momento, a dirección galega garda silencio e di que é un problema local, mentres que numerosos dirixentes amosaron xa publicamente, a través das súas redes sociais o apoio a postura de Rosón e do grupo municipal. É o caso do alcalde de Ames, Blas García, quen nun tuit lembraba ese luns que "a política real, a de verdade, faise desde o consenso, o diálogo e a responsibilidade, non desde o ordeno e mando con cartas e vídeos. Que difícil é entender que na política hai que ser responsable, e que non é un xogo de quítate ti para poñerme eu”, nunha clara crítica a Aitor Bouza.

Quizais, o que máis precise o socialismo galego nestes momentos é o zume do seu fundador. "Sodes socialistas non para amar en silencio as vosas ideas nin para recrearvos coa súa grandeza e co espíritu de xustiza que as anima, senón para levalas a todas partes... Os socialistas non morren; os socialistas seméntanse". A ver se é certo é o socialismo é quen de volver sementarse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta