Allariz convida ao comercio local e á veciñanza a celebrar o Día do Orgullo LGTBI+

As áreas de Benestar Social e Promoción Económica, Comercio e Turismo do Concello convidan a todas as persoas comerciantes e hostaleiras do municipio, así como tamén á veciñanza en xeral, a unirse a esta celebración decorando e ornamentando os seus negocios coas cores do arco da vella.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 27/06/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O próximo 28 de xuño, Allariz sumarase a celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI+, unha data emblemática dedicada á loita pola igualdade e a diversidade. Ao mesmo tempo, dende as áreas de Benestar Social e Promoción Económica, Comercio e Turismo do Concello de Allariz convidan a todas as persoas comerciantes e hostaleiras do municipio, e resto da veciñanza, a unirse a esta celebración decorando e ornamentando os seus negocios coas cores do arco da vella. 

Campaña Día Internacional do Orgullo LGTBI+ en Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Campaña Día Internacional do Orgullo LGTBI+ en Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

O Concello de Allariz sumarase á iniciativa decorando a propia Casa do Concello e outros espazos municipais e suxire decorar escaparates e fachadas con bandeirolas, globos, carteis e outros elementos que representen as cores do arco da vella.

INCENTIVAR E PREMIAR A PARTICIPACIÓN 

"Os establecementos comercias e hostaleiros que se sumen a esta iniciativa non só contribuirán a unha causa importante, senón que tamén obterán maior visibilidade", afirman dende o concello ao tempo que informan que darán difusión á participación dos negocios nas súas redes sociais e na prensa local. Ademais, organizarase un pequeno concurso, aberto ata o 7 de xullo, no cal premiaranse os mellores escaparates decorados para esta ocasión.

As persoas interesadas poden enviar fotos dos seus escaparates ao correo electrónico comercio@allariz.gal e etiquetar as súas publicacións nas redes sociais cos hashtags #OrgulloAllariz #LGTBI+ #Igualdade #Diversidade.

“Desde o Concello de Allariz, consideramos que a participación das persoas comerciantes e hostaleiras é fundamental para crear un ambiente inclusivo no noso municipio e para mostrar o noso apoio á comunidade LGTBI+” declararon dende o consistorio as responsables de Benestar Social e Promoción Económica, Tania Ayán e María López.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta