Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/11/2015 | Actualizada ás 10:35
“A Esquerda Europea. Garante dos dereitos das persoas fronte ás políticas de austeridade”. Ese é o título dunhas xornadas na que participarán representantes de organizacións políticas da esquerda de toda Europa e que abordarán a situación actual de “ditadura do euro”.
O evento posibilitará poder escoitar na capital galega as teorías de representantes do Sinn Féin irlandés, do Bloco de Esquerdas de Portugal, de Unidade Popular de Grecia ou do Die Linke alemán. Tamén intervirán persoas expertas na materia procedentes da Universidade de Barcelona e de Euskadi, así como o Portavoz Nacional de Anova-IN e Portavoz de AGE no Parlamento Galego, Xosé Manuel Beiras.
O seu obxectivo é “poñer en debate e análise as políticas económicas que o neoliberalismo está a aplicar coa escusa da crise, debullar o que realmente se agocha detrás das medidas de austeridade e poñer enriba da mesa os eixos que garanten a defensa dos dereitos das persoas por diante dos intereses do Capital”.
As xornadas están organizadas polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). Contarán con Lídia Senra, eurodeputada por Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), como anfitrioa do evento. Terán lugar o vindeiro sábado no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. Habilitarase tamén na propia Facultade de Filosofía unha área con servizo de gardería, para facilitar que as persoas con nenas e nenos ao seu cargo poidan vir ás xornadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.