Unión dos alcaldes da Costa da Morte para converter o Camiño dos Faros nunha Gran Ruta

Os concellos están de acordo en impulsar un Camiño que pode ser unha nova vía de desenvolvemento turístico da comarca.

Por Galicia Confidencial | Ponteceso | 17/11/2015 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

Parece que tiveron que saír os trasn@s na tele para convencelos. Pero parece que os alcaldes da Costa da Morte dan un paso adiante no seu apoio ao Camiño dos Faros, un sendeiro natural de máis de 200 quilómetros que percorre toda a costa desde Malpica a Fisterra.

Camiño dos Faros
Camiño dos Faros | Fonte: www.galicia10.com

Se ben apenas hai un par de concellos que coidan e limpan o sendeiro ao paso polo seu termo municipal, todos aseguraron esta fin de semana que apoian a homologación do Camiño dos Faros como un sendeiro de Gran Percorrido, GR, o que suporía aparecer en guías internacionais de sendeirismo. 

A Asociación Camiño dos Faros e o Concello de Ponteceso impulsaron unha xuntanza entre todos os alcaldes polos que pasa o roteiro (Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Cee e Fisterra), para pechar o circulo de todas as reunións que levan feito os representantes dos trasn@s nos últimos dous anos, e poder darlle cara adiante á homologación, en conxunto.

Conscientes da necesidade da unión para esta clase de avances comarcais, viuse que hai xa un “camiño marcado”, como apunta o trasn@ maior, pero “toca conseguir apoio económico e xurídico da Deputación”. De feito, o deputado carballés Xosé Regueira foi á reunión e deixou claro que a pesar de non ter competencias en canto aos permisos, si que apoiarán economicamente o Camiño.

Tamén é necesario conseguir os permisos de Medio Ambiente da Xunta, de Costas e Portos. “Iso si, o que lles quedou claro aos alcaldes é que, de facelo, hai que facelo ben, con respecto á natureza e á propia esencia deste proxecto”, apunta Traski, deixando patente a obrigatoriedade de non invadir con cementos e pasarelas todo o camiño.

Polo de pronto, a Asociación xa case ten rematado o Estudio de Definición de Sendeiro (EDS) que é o que analiza todo o Camiño, unha ferramenta fundamental para o proceso clave de sinalización, tanto a interna (durante o percorrido), como externa, facendo que as estradas da zona inclúan carteis que nos leven ata o PR.

Do medio colaborador Que Pasa na Costa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta