A nova estratexia de Altri: investimentos millonarios nos medios de comunicación e aparicións públicas

A multinacional portuguesa cambiou de estratexia e quere, agora, convencer á poboación galega das bondades da megacelulosa que quere construír en Palas. "Imos clarificar información", di o seu conselleiro delegado.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/06/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Roldas de prensa, campaña en redes sociais, encontros sectoriais, presentación en medios de comunicación e unha ampla campaña publicitaria. A portuguesa Altri cambiou a súa estratexia inicial de deixar que fora a Xunta de Galicia a que lle limpara a imaxe social e pasou a outra estratexia máis agresiva para tentar convencer á cidadanía da importancia que supón a megacelulosa que quere instalar en Palas de Rei.

O conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina
O conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina | Fonte: PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

"Algunhas opinións cambian a causa do ruído mediatico", recoñecía este luns 25 de xuño o conselleiro delegado e SEO de Altri, José Soares de Pina. Unhas declaracións que facía no Foro La Región, convidado polo grupo mediatico ourensán, e ante multitude de autoridades locais, provinciais e galegas convidadas a ese evento. 

Non era a primeira vez que Soares de Pina tentaba lavar en público a mala imaxe colleitada pola súa empresa nos últimos meses. A principios deste mes tamén realizaba unha masiva rolda de prensa en Santiago de Compostela na que tentaba explicar a importancia que a fábrica de Altri vai ter para a comarca da Ulloa e, en xeral, para toda Galicia.

De feito, a empresa lanzaba nese acto un vídeo promocional no que se informa de que o proxecto non suporá novas plantacións de eucaliptos. Precisamente, unha das teimas do conselleiro delegado de Altri  é acabar coa "desinformación" que circulan en determinados medios de comunicación e nas redes sociais que "fala da contaminación da fábrica" ou que vai supoñer "a fin do mundo".

Era o inicio dunha campaña de aparicións pública máis ambiciosa que ten por obxectivo, precisamente, rematar ou cambiar ese "ruído mediatico", ou esa "desinformación", da que fala o dono de Altri .Un "ruído" que incomoda á multinacional e á Xunta e que non é máis que a expresión pública de numerosas entidades, asociacións, autónomos e pequenas empresarias, ecoloxistas ou partidos políticos que alertan do que esta fábrica vai supoñer para a Ulloa.

Imaxe de Altri
Imaxe de Altri | Fonte: Podemos - Arquivo

"IMOS CLARIFICAR INFORMACIÓN"

"Nós non facemos investimentos e os nosos investidores non fan investimentos en espazos onde as comunidades onde nos integramos non queren estas instalacións",  dicía Soares de Pina ao apuntar que neses espazos nos que están asentados actualmente teñen "integración total coas comunidades" e "relacións excelentes". Por iso, anunciaba que agora o proceso "tomará un pouco máis de tempo" para facelo "con coidado e transparencia". "Imos clarificar información que se divulgou que non é correcta", apuntaba.

E, como?. Pois facendo tamén "información" ou "contrainformación". De feito, ademais de aparicións públicas como esta en Santiago ou en Ourense, a empresa contratou xa unha empresa de comunicación para realizar unha ampla campaña de publicidade co obxectivo de limpar a mala imaxe do seu proxecto en Palas. Unha campaña na que non escatiman cartos e para a que utilizarán aos grandes medios de Galicia, tanto medios escritos --tamén as súas divisións dixitais--, televisións e radios.

Ademais, entre a estratexia despregada tamén está unha ampla campaña en redes sociais, incluídos anuncios. Por iso, a partir de agora, non será raro ver en medios de comunicación reportaxes ou anuncios publicitarios falando das bondades de Altri. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ferroviario

" Non facemos investimentos onde non nos queren " ¿ E logo donde os queren ? ¿ Cicais en Bangla Desh ?

1 Ferroviario

A fábrica non sería o fin do mundo, pero si que suporia unha contaminación brutal. E unha diferencia moi doada de entender. 60 tonaladas de sulfatos por día ao río Ulla. ¿ E por qué non se van a Portugal ?