O PSOE de Ourense, primeira formación en presentar a súa candidata para a moción contra Jácome: Natalia González

O BNG votará 'si' porque a súa condición era que a Alcaldía recaese nos socialistas e só faltaría por coñecer a postura do PP.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 27/06/2024 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

A comisión executiva da agrupación local do PSOE en Ourense acordou o mércores, nunha reunión extraordinaria, a candidatura da líder e portavoz municipal, Natalia González, á Alcaldía ante unha eventual moción de censura contra Gonzalo Pérez Jácome. A secretaría xeral da agrupación foi a única proposta do grupo municipal elevada á dirección local para esta moción de censura que negocian os socialistas co PP e co BNG. Para que prospere, son necesarias 14 firmas e, por agora, González conta co voto favorable dos nacionalistas.

A executiva municipal do PSOE sinala que "é un partido de goberno" e, como tal, afirma que están "dispostos a asumir a responsabilidade". Neste sentido, instan "o compromiso" das tres formacións políticas para sacar adiante á cidade e "a consolidación dun novo executivo", afirmando que "con independencia" de quen forme parte del ou non, "todos serán igual de importantes".

"Coa máxima lealdade e xenerosidade por parte de todos e todas xa que a base fundamental ten que ser o pacto por Ourense", din nun comunicado no que asumen que os compromisos recolleitos e actualizados do Pacto da Concordia contan co respaldo dos tres grupos municipais "e serán incorporados ao documento definitivo de moción de censura", que os socialistas dan por feito que "asinarán os catorce edís". 

A portavoz do PSOE Ourense, Natalia González, e o candidato á Alcaldía, Francisco Rodríguez, en rolda de prensa
A portavoz do PSOE Ourense, Natalia González, e o candidato á Alcaldía, Francisco Rodríguez, en rolda de prensa | Fonte: PSDEG

Deste xeito, o PSOE agradece o respaldo e a confianza do Bloque Nacionalista Galego á candidatura de González. Pero os nacionalistas non só dan respaldo ao PSOE, senón que é o condicionante que poñen para asinar a moción, porque rexeitan de plano que o próximo rexedor sexa do PP.

O PP AFEA AO BNG AS SÚAS "LIÑAS VERMELLAS"

Precisamente esa esixencia por parte do BNG fai que se complique o acordo, porque o PPdeG xa dixo en numerosas ocasións que non aceptarán vetos e esta mesma semana avanzaron que non seguirán negociando mentres o Bloque non retire as súas "liñas vermellas". "Non ten sentido sentar a falar con quen che di que contigo de ningunha maneira", dicía o mércores o líder dos populares galegos e presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

A pesar desta situación, os socialistas móstranse confiados e aseguran que esta moción de censura "ten o obxectivo de conseguir un feito histórico": "Desbloquear a grave situación actual e recuperar a normalidade institucional no concello", todo iso "desde o máximo respecto a cada unha das organizacións".

"Estamos chamados a ser exemplo de que a política é un instrumento útil para cambiar a vida da xente e que a cultura do diálogo e o consenso, polo interese público, é o camiño para poder volver confiar nun futuro mellor para a terceira cidade de Galicia", traslada Natalia González. O Partido Socialista de Ourense convértese así no primeiro grupo en presentar unha proposta en firme para impulsar a moción de censura, que ata o momento non tiña ningún nome proposto para substituír ao actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome.

PRADO INSTA A BESTEIRO A "PÓR ORDE" NO SEU PARTIDO

Sen ir máis lonxe, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, instou este xoves a José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, a "pór orde" no seu partido e a deixar de facer "seguidismo" do BNG, especialmente en Santiago e Ourense, e proclamou que "para Galicia é unha pena que o socialismo se siga rompendo".

Así o trasladou en rolda de prensa a número 2 dos 'populares' galegos, que puxo en valor a "estabilidade" que ofrecen Rueda e o PP, subliñando o exemplo da reunión de hai uns días con Abel Caballero, "un dos alcaldes máis críticos", e pondo por diante os intereses dos veciños da cidade máis grande de Galicia.

Fronte a iso, criticou o exemplo de "inestabilidade e ruptura" dun "PSOE dividido" en Santiago de Compostela que "puxo os intereses dos composteláns no último lugar da súa lista de prioridades", en alusión á crise entre o grupo municipal e a dirección local do partido a conta da regulación das vivendas turísticas. "Cando un partido apoia a un goberno local que ten menos dun terzo do pleno, acaban pasando estas cousas", subliñou.

"Para Galicia é unha pena que o socialismo se siga rompendo", proclamou Paula Prado, que destacou que "cando non hai leas como en Santiago", están "Gonzalo Caballero e a súa facción do PSdeG lembrando os malos resultados". "E así, con hostilidade dentro dun partido en ningún caso se lle pode achegar algo bo aos galegos e galegas", sentenciou.

A secretaria xeral do PPdeG instou a Besteiro a "coller as rendas do seu partido e deixar de facer seguidismo do BNG" en Santiago, pero tamén en Ourense, e engadiu que, pola súa banda, os nacionalistas galegos "seguen pagando as consecuencias de apoiar a Pedro Sánchez", e os galegos "xa non se cren as súas propostas".

PACTO "OCULTO" ENTRE PSOE E BNG EN OURENSE

Con respecto á situación en Ourense e á negociación para presentar unha moción de censura que saque da alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome, Paula Prado incidiu en que o PPdeG quere saber "cal é o pacto oculto" entre socialistas e nacionalistas, porque os 'populares', como segunda forza na cidade das Burgas, "teñen dereito" a saber e participar de calquera pacto.

Segundo sinalou, o PP aposta en Ourense "pola gobernabilidade e a estabilidade", pero "hai un movemento que multiplica a inestabilidade" do que non vai ser "cómplice". Nese sentido, lembrou que "as liñas vermellas púxoas o BNG co veto ao PP" e advertiu de que "nestas condicións" o PP non pode "sentar a negociar absolutamente nada". Así, insistiu en que os 'populares' non van consentir "ningún tipo de veto do BNG nin do PSOE".

Igualmente, censurou que os nacionalistas non quixesen escoitar a posición do PP e que nin sequera o seu portavoz participe nas reunións. "E ademais mandan a un señor da UPG de Barbadás a negociar a Ourense (...) hai moitas preguntas por responder neste paripé", afirmou Prado, antes de proclamar que o PPdeG "non pon os intereses dos ourensáns en risco". Así as cousas, Prado insistiu en que o líder dos socialistas galegos "ten que coller as rendas e pór orde alí onde se lle van as cousas das mans".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta