Dous anos de cadea para un monitor dun taller por agresión sexual a un neno de oito anos

O tribunal considerou probado que o procesado, en maio de 2023 cando estaba só co menor, fíxolle unha masaxe nos ombreiros e púxolle un "vídeo de debuxos animados con alto contido sexual", no que aparecía o personaxe de Lisa Simpson, de adulta, espida

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2024 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense condenou a dous anos de cárcere a un monitor dun taller por agredir sexualmente a un menor de oito anos durante unha das clases. Ademais, inhabilitouno durante catro anos para exercer calquera profesión, oficio ou actividade, sexan ou non retribuídos, que leven contacto regular e directo con menores de idade, e impúxolle a prohibición de comunicarse e de aproximarse a menos de 200 metros da vítima, do seu domicilio, colexio ou calquera lugar onde se atope, durante tres anos.

O tribunal considerou probado que o procesado, en maio de 2023 cando estaba só co menor, fíxolle unha masaxe nos ombreiros e púxolle un "vídeo de debuxos animados con alto contido sexual", no que aparecía o personaxe de Lisa Simpson, de adulta, espida. Nese momento, o acusado realizoulle tocamentos "con ánimo libidinoso".

Durante o xuízo celebrado o pasado 6 de xuño, o agora procesado asegurou que nunca se quedou a soas co neno e que "só colocara as súas mans nos ombreiros para tranquilizalo" porque non lle saía unha construción do taller de xogos de pezas.

Así mesmo, negou que ensinase contido pornográfico ao menor, á vez que alegou que no espazo non había pantallas e que non empregou en ningún momento o seu teléfono móbil.

A NAI CONTRADIXO A SÚA VERSIÓN

A súa versión contradeciuse coa da nai da vítima, quen explicou no xuízo que o día dos feitos, no coche, á saída do taller ao que xa levaba varias clases acudindo, o seu fillo díxolle que o profesor "lle deu unha masaxe" e "púxolle un vídeo dunha Lisa Simpson adulta á que un cabalo lle meteu unha pata pola vulva".

"Díxolle o profesor que o incomodaba e este quitouno, pero díxolle que era un segredo entre eles e o meu fillo respondeulle que non tiña segredos cos seus pais", sostivo a nai da vítima na Audiencia Provincial.

Así as cousas, a Audiencia Provincial dá a razón ao Ministerio Fiscal e impón ao acusado a pena de dous anos de prisión solicitada por un delito de agresión sexual.

Audiencia Provincial de Ourense / Europa Press - Arquivo / Europa Press
Audiencia Provincial de Ourense / Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta