Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 10/07/2024 | Actualizada ás 22:00
Despois da nosa ruta pola zona de Fonte Díaz e o Polígono de Touro, guiados pola Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, o Galicia Confidencial continúa ata a Arinteiro, unha pequeniña aldea da parroquia de Loxo onde viven uns 400 veciños e na que se respira unha paz que só se ve empañada de cando en cando (máis do que lles gustaría) polo cheiro da actividade mineira. E, como se se tratase da crónica dunha morte anunciada, hai veciños que xa temen que o novo proxecto de Cobre San Rafael sala adiante e remate co seu modo de vida. E é que os terreos nos que actualmente moitos dos veciños teñen as súas leiras de millo e herba, para alimentar á importante actividade gandeira da zona, serían ocupados pola mina para poder construír neles unha balsa de lodos máis grande que a actual e unha escombreira na que depositar os restos das voladuras.
En concreto, Arinteiro está agora mesmo ubicada entre as dúas zonas de titularidade da mina, pero en caso de que o novo proxecto sala adiante os terreos situados na parte norte da aldea, que polo de agora pertencen aos veciños e son na súa maioría leiras, tamén serán ocupados. Deste xeito Arinteiro quedará rodeado totalmente pola actividade mineira, con todas as consecuencias ambientais, de saúde e mentais que isto tería para os seus habitantes. Por poñer un exemplo, antes de chegar á aldea observamos un cemiterio parroquial e unha igrexa na que a misa do domingo ou os funerais terían lugar entre as explosións das voladuras.
Subindo ata a zona onde nace o río Pucheiras podemos ver leiras e leiras e máis leiras con millo e outros cultivos plantados. Hectáreas e hectáreas de propietarios particulares e tamén en mancomún que, de saír adiante o novo proxecto, ou venden polas boas as súas terras para que estas se destinen á construción da nova balsa de lodos ou, se se negan a vender, terán que ser expropiados pola forza. Sexa como sexa o resultado é o mesmo: centos de hectáreas adicadas neste momento á produción agraria e gandeira quedarán desfeitas e cubertas desa auga cobriza que puidemos ver que descorre río abaixo. E como nos aseguran dende a Plataforma, as consecuencias económicas para estes veciños poden ser terribles, por non falar xa da perda total do valor patrimonial das súas vivendas que, se teñen que marchar, ninguén quererá mercalas.
E é que en moitas destas leiras hai herba e produtos que logo se usan para o ensilado e para poder manter ás vacas durante todo o ano. A actividade gandeira na zona é moi importante e é o sustento para moitas familias. Sen eses terreos, terían que abandonar a súa actividade nesta terra, o que remataría co xeito de vida destas familias que levan toda a vida adicándose ao sector primario. Terían que comezar de cero coas idades que teñen, xa avanzadas en moitos casos, buscando outros traballos fóra do que coñecen. Aqueles maiores que pensaban que xa resolveran a vida dos seus fillos cun negocio familiar vense agora apenados ante unha situación que semella que non está nas súas mans evitar. Queiran ou non, se o proxecto sae adiante, esas terras pasarán a mans dos propietarios da mina.
NO NACEMENTO DO RÍO PUCHEIRAS A AUGA AÍNDA ESTÁ LIMPA, POLO MOMENTO
Ao chegar á parte máis alta do río Pucheiras, ao seu nacemento, observamos un panorama totalmente distinto ao que vimos durante practicamente todo o noso percorrido. O marrón da conca xa non está e podemos ver unha auga cristalina e limpa, pura, que baixa mansamente por un pequeno regato. Como é posible que un regato se chegue a transformar logo do seu paso polos terreos da mina nun rego morto, con tonalidades marróns, grisáceas e un leito con depósito de residuos de máis de medio metro? Pois, como nos explican, polas verteduras industriais procedentes dos terreos da mina cando lles peta e cando os depósitos que teñen rebosan por mór das choivas. O río Pucheiras na braña do Loxo ten moitos recordos para a xente maior, onde un pouco máis abaixo os nenos se ían bañar e aprendían a nadar na que chamaban a praia de Barreiro, e onde ían coller troitas antes de que a mina abrira a finais dos anos 70 do século pasado.
Agora, vendo o seu estado, ninguén podería imaxinar que iso puidera acontecer alí, pois coa mina todo mudou. Polo medio do río tamén se observa unha tubaxe que, segundo nos contan, leva a auga do río ata o depósito municipal, é dicir, que colle auga do río para abastecer a rede pública augas arriba no seu nacemento, coa que se lavan e da que beben todos os días os veciños de Touro. Esa tubaxe colle auga limpa pero arrodea o curso da mina, así que o día que haxa algunha perda (agardemos que non sexa así) podería verse contaminada por todos eses residuos cobrizos.
Se o novo proxecto saíse adiante, ese pequeno regato que agora nace limpo quedará ocupado tamén polos novos terreos da mina, coa balsa de lodos a un lado e coa escombreira ao outro. O que hoxe en día é unha paisaxe natural idílica, rematará por converterse nun lugar inhóspito onde ningún animal desexará achegarse e onde á vexetación tardará en volver aparecer, se é que nalgún momento abandonaran a mina. É dicir, rematará por converterse no que vimos durante o noso percorrido río abaixo: un lugar de desolación onde se impón o lodo e a ausencia de vida, de maior magnitude.
UN CUARTO DE MILLÓN DE PEREGRINOS QUE PASAN CADA ANO POR ARCA SOPORTARÍAN CHEIROS E RUÍDOS NO ÚLTIMO TRAMO DO CAMIÑO FRANCÉS
Por se a afectación á auga e á actividade económica dos veciños de Touro fose insuficiente, outra consecuencia do proxecto mineiro sería o seu impacto sobre o tramo do Camiño de Santiago Francés que transcorre pola parroquia de Arca, no limítrofe concello do Pino. Segundo nos contan os veciños da Plataforma, o ano pasado cifráronse en 1.400 as camas hoteleiras nesa localidade, para que nos podamos facerse unha idea do frecuentada que está a zona polos peregrinos. Peregrinos que terían que soportar os cheiros, o tránsito de camións, o ruído diario das voaduras, o pó en suspensión, a contaminación lumínica a escasos 1.000 metros dalgúns albergues con vistas aos terreos da mina. Unha marabillosa publicidade para Galicia, sen lugar a dúbidas: chegarán dende A Ulloa co corazón encollido polo impacto de Altri e, antes de desembocar en Santiago, poderán encollelo un pouco máis vendo o impacto da ampliación da mina de Touro.
Iso sempre que o Camiño continúe discurrindo por aí, por unha parroquia duns 1.300 veciños onde moitas familias crearon o seu sustento de vida, precisamente, ao redor do Camiño de Santiago. Albergues, restaurantes, pensións, supermercados, transporte, turismo, comercio, tendas de recordos... Como en calquera outro pobo polo que pase a ruta xacobea hai ducias de negocios adicados aos peregrinos. Cómpre lembrar que o Camiño francés é actualmente o itinerario máis demandado, e que foi percorrido o pasado ano 2023 polo 49,7 % dos peregrinos que chegaron a Galicia, o que supón 219.500. Estamos a falar dun cuarto de millón de persoas que levarían un recordo pouco grato do seu paso pola terra galega: o recordo de quilómetros e quilómetros de terreo contaminado ou que deixarían de facer este traxecto para ir por outras rutas máis amigables, deixando o cartel de pechado nos negocios, o que contribuiría igualmente á perda do valor patrimonial das propiedades, que se devaluarían totalmente.
OS VECIÑOS NON PODEN NIN ABRIR AS VENTÁS DA CASA POLO INSOPORTABLE FEDOR DURANTE OS DÍAS DE CALOR
O cheiro derivado da actividade realizada nos terreos da mina é algo que non soportan nin os propios veciños, para canto máis os visitantes que non están acostumados. En moitas paradas de autobús e mesmo sobre o asfalto pódense ver pintadas de 'Cheiros non'. E non é para menos, pois dende a Plataforma asegúrannos que hai días nos que o cheiro se volve tan insoportable que non poden nin saír á rúa nin abrir as ventás da casa, quedando confinados nos seus domicilios. Para os que traballan fóra é fácil de subsanar: collen o coche e marchan; pero hai días que acudir ás leiras ou saír manter a horta é tarefa difícil, por non dicir imposible, tal é o nivel de contaminación ambiental que se acada. Isto acontece especialmente nas épocas estivais, onde o calor semella potenciar o cheiro procedente da planta de tratamento de residuos onde camións diariamente levan, sobre todo, lodos de depuradoras.
Dende o Galicia Confidencial puidemos comprobar en primeira persoa que non se trata dalgo agradable nin que se poida soportar por moito tempo, e iso que cando nós visitamos a zona non era un deses días nos que o cheiro é insoportable. A que se asimila? Pois para que vos fagades á idea é como estar ao lado dun animal morto en descomposición, un fedor intenso, que se mete no nariz e que se queda nel durante horas e horas.
SANCIÓNS POLAS CONTINUAS VERTEDURAS AOS RÍOS QUE AOS PROPIETARIOS DA MINA LLES SEGUE COMPENSANDO PAGAR
Tendo en conta todo este impacto negativo non só para o medio ambiente senón tamén para a economía da zona, como é posible que un proxecto así sala adiante e que, ademais, sexa declarado estratéxico? Pois, polo de agora, prometen que reducirán o impacto ambiental, pero iso é algo que xa prometeran no seu día e que, como observamos de primeira man, non están cumprindo. Case cada mes estanse impoñendo sancións por incumprimento da normativa medioambiental á empresa. Atalaia Mining asegura que dende 2022 tratáronse na mina un total de 2,5 millóns de metros cúbicos de augas acedas. No Informe de Sustentabilidade de 2023 a operadora recolle que no 2022 investíronse 3,5 millóns de euros na construción de obras de canalizacións e bombeos, e que se creou unha planta de tratamento de augas que, dende a súa posta en marcha, din que evitou a vertedura directa de auga aceda aos ríos Portapego, Felisa e Barral-Angumil.
Sen embargo, e sen ir máis lonxe, o pasado 15 de maio Augas de Galicia comezou un expediente sancionador tras recibir varias denuncias en relación a unha vertedura non autorizada ao río Brandelos, denuncias que se repiten a cotío sobre verteduras a este e outros ríos como son o Pucheiras e o Portapego, cuxas augas van parar ao río Ulla. Augas constatou irregularidades e procedeu a iniciar un expediente sancionador. O resultado? Unha sanción leve. E iso a pesares de ser reincidentes. A contía da sanción roldaría os 30.000 euros, que se verían rebaixados no caso de que a empresa acepte a infracción e proceda a efectuar o pago. Falando dunha industria que manexa millóns, estamos a falar de que para eles supón menos que para nós pagar o café de polas mañás. Estas sancións son continuas, pero parece que aos propietarios da mina séguelles compensando pagalas e non cesar as súas verteduras e invertir gran parte destes cartos en grandes campañas de márketing e patrocinios para tapar a realidade.
Por outra banda, e a pesares de destrozar a actividade do sector primario da zona, dende a empresa mineira aseguran que xerarán emprego: 315 contratos fixos para homes e 74 para mulleres, como figura na documentación remitida por Cobre Sal Rafael á Xunta. Tamén afirman que crearan 604 postos de traballo indirecto: 483 para homes e 121 para mulleres. A eles sumaríanse uns 714 empregos durante a fase de construción, é dicir, durante as obras para a creación das novas instalacións da mina. É o que se coñece como vestir un santo para desvestir outro. Como nos din dende a Plataforma, rematarán por ofrecerlle traballo na mina a todos eses veciños que quedan sen terras e sen o seu modo de vida.
Pero non falan de cantas persoas en desemprego existen actualmente nestes concellos, estando as taxas de paro entre as máis baixas de Galicia, situadas entre o 5 e o 8 %, ao contrario do que acontece en concellos onde Atalaya Mining leva anos instalada co seu monopolio de actividades, como é Riotinto e Nerva, nos que as taxas de paro superan o 16,81 e 19,57 %, respectivamente. Así as cousas, dende a Plataforma veciñal intúen que a actividade mineira virá destruír o emprego existente na zona para traer profesionais do sector doutras zonas, é dicir, desvestir un santo para vestir outro máis pobre. Así funcionan as cousas no mundo actual: quen ten os cartos, ten o poder, pero non contan coa xente que ten a capacidade de defenderse e desenmascarar as situacións, como é o caso dos propios veciños.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.