O BNG esixe á Xunta que "de marcha atrás" e reverta a declaración de proxecto estratéxico da mina de Touro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2024 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O BNG esixiu á Xunta que "de marcha atrás" e reverta a declaración de proxecto industrial estratéxico da mina de Cobre San Rafael en Touro e O Pino. A formación nacionalista mostrou a súa "oposición" a esa decisión que terá consecuencias ambientais e económicas "lesivas" na comarca e na ría de Arousa. Así o explicou este venres nunha rolda de prensa a deputada do BNG, Iria Carreira, que anunciou que presentará unha batería de iniciativas parlamentarias.

"Declarar o megaproxecto mineiro de Touro e O Pino como proxecto industrial estratéxico é pór o lucro dunha gran empresa por diante do respecto ambiental, da protección dos sectores produtivos xa existentes e da poboación, e é un duro golpe para unha comarca que aínda ten próxima a oposición social, que finalizou coa paralización do proxecto para a mina", sinalou Iria Carreira.

Para o BNG, o PP "está a pór alfombra vermella" a Cobre San Rafael para "facilitar e axilizar" unha mina que terá "gravísimas consecuencias" non só na propia comarca "senón na contaminación" do río Ulla, os seus afluentes e a ría de Arousa, a "máis produtiva" a nivel marisqueiro de Galicia con "preto de 4.000 postos de traballo".

Iria Carreira denunciou que, "unha ve máis, o PP dálle as costas á xente, á comunidade veciñal e social" que se opuxo a este proxecto mineiro e séntese " traizoada" pola "conivencia da Xunta" cunha empresa á que lle pon "todas as facilidades" para "sacar beneficios a cambio de destruír o patrimonio natural e os recursos económicos".

"O río Ulla e a ría de Arousa teñen xa uns niveis de contaminación actuais preocupantes, e a ameaza das consecuencias negativas do proxecto de Altri en Palas de Rei ve agora como o PP é socio colaborador necesario para un novo ataque, que pode traer consecuencias irreparables" afirmou Carreira. Neste sentido, esixiu á Xunta que "non apoie proxectos lesivos" para o territorio e a poboación galega e "reverta a decisión" adoptada no Consello da Xunta do pasado 24 de xuño.

Protesta contra a mina de cobre de Touro-O Pino. EUROPA PRESS - Arquivo
Protesta contra a mina de cobre de Touro-O Pino. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

UNHA DELEGACIÓN DE EMPRESARIOS DE ARZÚA VISITA A MINA

Unha delegación da Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa visitou a mina de Touro para "analizar vías de colaboración e oportunidades". Así o trasladou Cobre San Rafeal, empresa promotora do proxecto que o pasado luns foi declarado prioritario polo Consello da Xunta, a través dun comunicado emitido este venres.

Segundo a compañía, os empresarios abordaron cos promotres da vía "oportunidades" no ámbito industrial e de servizos, "pero tamén na hostalaría, o turismo ou o agrogandeiro".

"Á hora de deseñar este proxecto sempre tiveron un lugar preferente todos os concellos da contorna", destacou o responsable de relacións institucionais de Cobre San Rafael, Pablo Núñez, que sinalou á asociación de empresarios de Arzúa como un "socio vital".

Por parte da asociación, o seu presidente, Diego Valiño, incidiu en que o "obxectivo fundacional" da entidade é "defender os intereses" das empresas da comarca, polo que saudou o impulso desta inicitiva que, di, terá "un impacto directo e indirecto en diversos sectores".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta