Os 50 lugares históricos de Galicia

Un libro une historia e turismo nunha viaxe por 50 lugares de Galicia, desde covas paleolíticas ata as pallozas do Piornedo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 20/11/2015 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Desde o Paleolítico ata a Galicia moderna, desde a Cova da Valiña ata o Piornedo. Unha viaxe de miles de anos por Galicia. Esa é a oferta de Edicións Cydonia que acaba de publicar 'A historia de Galicia en 50 lugares', do antropólogo Rafael Quintía Pereira

Portada do libro do antropólogo Rafa Quintía
Portada do libro do antropólogo Rafa Quintía

Un libro que pretende ser unha pequena guía dos elementos históricos máis senlleiros do país.  Por iso, fai un percorrido por medio cento de enclaves de Galicia que, no seu conxunto, ofrecen ao lector unha visión panorámica da historia galega, que abarca desde os vestixios deixados polos primeiros poboadores do noroeste da Península Ibérica até a Guerra Civil española, pasando por todas as idades da historia. 

Así, esta pequena historia dos lugares de Galicia leva ao lector por castelos, pazos, castros, petróglifos emblemáticos, mosteiros ou ruínas romanas. Hai dólmenes como os de Dombate ou Axeitos, castros como os de Santa Tegra ou Baroña, campamentos romanos como o de Aquis Querquenis, igrexias medievais como a de Santa Comba de Bande ou Santa Mariña das Augas Santas, as torres medievais do Oeste ou os castelos de Vimianzo, Pambre ou Monterreal. E pazos como o de Oca.

Esta obra pretende ser unha guía na que se conxuga o turismo e a historia de Galicia, contada dunha maneira entretida e didáctica. Por este motivo, cada un dos destinos suxeridos está escollido de modo que poida visitarse e cada capítulo ten indicacións precisas sobre como chegar, así como as coordenadas GPS.

Rafael Quintía Pereira é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, licenciado en Ciencias Empresariais, escritor -con preto dunha ducia de libros publicados- e músico tradicional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e membro fundador da asociación cultural e grupo de música tradicional Vos Chichisos. É director e guionista de media ducia de documentais. Conferenciante e activo divulgador de temáticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta