Por Galicia Confidencial | Vigo | 20/11/2015 | Actualizada ás 09:00
Científicos das universidades de Vigo e Santiago acompañarán a efectivos do Exército español á Antártida na súa XXIX misión ao continente austral, que se desenvolverá durante tres meses a partir de decembro.
Este equipo de científicos traballará nun proxecto sobre os invertebrados costeiros, que se desenvolverá con outros das universidades autónoma de Madrid, Barcelona, Cádiz, Alcalá ou Lisboa sobre temáticas que van desde o volcanismo, contaminación ou cambio climático.
O catedrático de Oceanografía da Universidade de Santiago José Moura, veterano das misións á Antártida, indicou que o seu equipo estudará o efecto das algas na fauna intermareal, tendo en conta que a base está situada encima do litoral, e os contrastes nas zonas onde existen fumarolas produto da actividade volcánica e as que non.
Nese sentido, o xestor do Programa Nacional de Investigación Polar, Luís Antonio Quesada, sinalou que cada ano é necesario atrasar máis a misión porque o cambio no clima provocou un aumento das precipitacións en forma de neve, e sinalou a dificultade crecente para acceder á base pola acumulación de neve, que deixa os módulos practicamente sepultados. A Universidade de Vigo leva 20 anos participando nas misións do Exército.
Ademais, a federación de asociacións de amigos do Camiño de Santiago pediulles ás autoridades militares, encargadas da loxística da misión científica á illa Decepción, no extremo norte da península antártica, que instale alí unha sinal do Camiño. Deste xeito, o Xacobeo terá unha presenza simbólica a través dun sinal que indicará xunto á base Gabriel de Castela a distancia a Compostela, 14.075 quilómetros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.